mércores 28/10/20

Galiza non quere a Fraga como fillo adoptivo

O Pleno municipal da Coruña de 24 de decembro de 1968, concedía a Manuel Fraga a distinción de Fillo Adoptivo, sendo ministro da ditadura

Cando se cumprían 50 anos desa concesión, un colectivo de presas e presos políticos na ditadura de toda Galiza promovemos o manifesto Non queremos ao Camarada Fragacomo Fillo Adoptivo. Máis de 50 historiadoras, historiadores, persoas que fixeron investigacións ou publicaron algún artigo sobre o franquismo e a represión na ditadura, asinaron xa o apoio. Nunha terceira fase, máis de 40 fundacións, asociacións culturais e entidades de toda Galiza sumáronse a este apoio.

O texto do manifesto comeza explicando os motivos desta iniciativa e recolle os “méritos” de Fraga para recibir esas distincións. “Tolerancia cero co franquismo. Ningún ministro de Franco pode seguir mantendo distincións honoríficas polos servizos prestados a unha ditadura criminal, catalogada pola Asemblea das Nacións Unidas en 1946 ao mesmo nivel que a Alemaña nazi ou o fascismo de Mussolini”.

A propaganda oficial destaca a Fraga como servidor do Estado e pai da Constitución, pero o manifesto sinala unha traxectoria política de máis de 35 anos de militancia franquista ou fascista. Afiliouse moi novo a Falanxe, en 1937; foi conselleiro nacional do Movemento, membro do Consello Nacional de Falanxe, procurador das Cortes franquistas, ministro na ditadura e membro do Consello de Estado.

O manifesto recolle algunhas opinións sobre Fraga. José Bergamín manifestaba: “En mi vida he visto mucha gente con fama de fascista o que quería profesar el fascismo, pero sólo he conocido dos de verdad: uno fue José Calvo Sotelo, la otra es Manuel Fraga”. Para José Manuel Caballero Bonald, premio Cervantes 2012, “Fraga se convirtió en uno de los máximos secuaces de la camarilla de Franco y sus actuaciones represivas propiciaron durante años la falta de libertades y la persecución de disidentes. Fue en puridad un cómplice de algunos de los asesinatos llevados a cabo en la última década del franquismo”.

O titular de Diario 16 de 7 de marzo de 1977, explicaba as raíces franquistas do proxecto político de Fraga cando promove Alianza Popular, que se convertería en PP en 1989: “Neofranquistas entusiasmados celebraron su primer congreso. Los siete líderes de Alianza Popular anunciaron su federación y el paso hacia un partido único. Gritos de Franco, Franco de 3.000 fervorosos congresistas”.

Acaba así o manifesto: “Manuel Fraga nunca manifestou arrepentimento, nin pediu perdón polos crimes do franquismo. Se vivise hoxe sería citado a declarar pola xuíza arxentina María Servini, como outros ministros da ditadura franquista, no marco da Querela Arxentina, por crimes contra a humanidade, que non prescriben. Como servidor do franquismo e ministro dunha ditadura criminal, Manuel Fraga non merece recoñecemento social”.

O Pleno de Ferrol de 25 de abril de 2019, co apoio de Ferrol en Común, PSOE e BNG, aprobaba retirar a Fraga o título de Fillo Adoptivo, concedido en 1965, e o Pleno da Coruña de 6 de maio de 2019, co apoio de Marea Atlántica, PSOE e BNG, acordaba iniciar o expediente para retirar esa mesma distinción. Hai fortes presións de todo tipo para evitar que este proceso continúe noutras institucións e concellos de Galiza, pero Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG-PSOE, manifestaba o seu apoio a esta decisión dos seus compañeiros de partido, sinalando que esas distincións, concedidas na ditadura, “teñen todo o rexeitamento” do PSdeG.

Ademais de Fillo Adoptivo da Coruña e Fillo Adoptivo da provincia, Manuel Fraga é Fillo Predilecto e Medalla de Ouro da provincia de Lugo, Fillo Adoptivo de Verín, da Mariña (distinción colectiva dos concellos de Cervo, Xove, O Vicedo, Viveiro, Foz, Barreiros e Ribadeo), Pontedeume, Cedeira, Tui. Ten a Medalla de Honor do concello de Santiago, Medalla de Prata de Betanzos, Medalla de Ouro de Lugo e Fillo Predilecto de Vilalba. En case todas estas institucións e concellos poden retirarse as distincións a Fraga porque hai unha maioría progresista e nacionalista. Que así sexa.

Galiza non quere a Fraga como fillo adoptivo
comentarios