Opinión

Fracasou o golpe de Estado en Cataluña, mais continúa a represión 

Na súa comparecencia ante os medios de comunicación na noite electoral do pasado 21 de decembro o presidente Puigdemont presentaba unha valoración dos resultados con este titular: República Catalá 78, Monarquía do 155, 57. Efectivamente, as forzas políticas que se presentaban a favor da República Catalá acadaron 78 escanos (57,77%) e os partidos monárquicos 57 escanos (42,22%). Os republicanos sumaron 2.463.626 votos (JxCat 948.233; ERC 935.861; CUP 253.172 e CeC-P 326.360) e 1.902.061 votos os monárquicos (Ciudadanos 1.109.732; PSC 606.659 e PP 185.670) .

O titular que daba Puigdemont e os resultados electorais recollen exactamente o que sucedeu o 21D en Cataluña, pero case todos os medios de comunicación elixiron outro titular: gañou Arrimadas ou gañou Ciudadanos. Estas eleccións foron tamén un rotundo fracaso para o Monarquía Borbónica, implicada totalmente na aplicación do artigo 155 da Constitución coa súa mensaxe institucional do 2 de outubro, de apoio ao Goberno do PP na represión e cargas da Policía e Garda Civil contra unha cidadanía pacífica que quería votar o 1 de outubro.

As mesas de análises das chamadas televisións nacionais eran un auténtico funeral a noite electoral do 21D porque despois de meses de intenso traballo non conseguiron o obxectivo do golpe de Estado, xa adiantado por Soraya Sáez de Santamaría: liquidar os partidos soberanistas. A vicepresidenta deixaba claro que era o seu partido e non os tribunais de xustiza quen tomaba as decisións e marcaba a axenda da represión:  “Quen manda a liquidación ao independentismo? Mariano Rajoy e o PP. Quen merece os votos para seguir liquidando o independentismo? Rajoy e o PP”.

As mesas de análises das chamadas televisións nacionais eran un auténtico funeral a noite electoral do 21D

 

Adiantaron na campaña electoral que habería unha derrota dos nacionalistas porque unha “maioría silenciosa” votaría o 21D a favor dos “unionistas” ou “constitucionalistas”, pero non conseguiron o obxectivo porque cunha participación histórica de 4.393.099 persoas (79,04%), perderon as eleccións e un nacionalista presidirá a Generalitat.

Fracasou a ofensiva política e mediática

 

Fracasou o golpe de Estado en Cataluña porque a pesar da represión, da aplicación do artigo 155 da Constitución, de enviar ao exilio ou a prisión dirixentes políticos independentistas, da implicación do rei Felipe VI, das ameazas de catástrofe económica, etc, a cidadanía tivo un comportamento exemplar e revalidou a súa confianza nos partidos nacionalistas, que conseguiron novamente maioría absoluta.

Celebrado o referendo do 1 de outubro, a ofensiva mediática aumentou con páxinas e páxinas de editoriais, declaracións, entrevistas e artigos de opinión contra o chamado “secesionismo”. Así, La Voz de Galicia de 10-11-2017, recollía nunha entrevista a Stanley G. Payne, hispanista de Estados Unidos, unha orixinal tese, repetidamente difundida durante meses: “O independentismo é como a rebelión dos ricos contra os pobres”. Para que todo o mundo entenda esta mensaxe aplicada a Cataluña, os “ricos”, moi poucos, que se rebelan serían os máis de dous millóns de persoas que votan pola independencia, e os “pobres” serían os directivos ou propietarios de Caixa Bank, Banco Sabadell, Freixenet etc que, perfectamente coordinados co Goberno do PP, fixeron todo o posíbel para que fracasasen as alternativas independentistas.

A falacia da “manipulación” dos nenos tamén tipo ampla difusión. O escritor e historiador Fernando García de Cortazar despachábase a gusto nunha entrevista: “O goberno tiña que ter intervido hai anos os colexios cataláns. Nos últimos 30 anos formáronse xeracións nunha idea combativa e agresiva contra España" (La Voz de Galicia, 18-10-2017). O escritor Víctor del Árbol “descubría” as orixes do nacionalismo: “Todos os nacionalismos nacen dun prexuízo; eu son mellor do que os outros e o que me pasa de malo é culpa dos demais” (La Opinión, 14-11-2017). Adolf Tobeña, catedrático de psiquiatría da Universidade Autónoma de Barcelona, tamén facía a súa particular achega con solución incluída: “A paixón e a devoción  secesionistas por lograr o paraíso é de raíz relixiosa. A única solución é que os non secesionistas gañasemos as eleccións, isto acougaría durante dez anos” (La Voz de Galicia, 4-11-2017).

A falacia da “manipulación” dos nenos tamén tipo ampla difusión

 

O escritor Fernando Savater, activo militante nacionalista español, non podía faltar á cita e tiña dobre entrevista, que envexa!, con motivo da presentación do seu libro Contra el separatismo: “O encarceramento de Oriol Junqueras e os demais conselleiros foi man de santo” (La Voz de Galicia, 21-11-2017); “O plurinacionalismo é unha parvada insustentábel” (La Opinión, 23-11-2017). 

Todo isto estivo acompañado dunha referencia desde a “esquerda” para darlle maior credibilidade e para iso estaban, entre outros, Francisco Frutos, ex–secretario xeral do PCE, e Nicolás Sartorius, ex–deputado, ex–dirixente do PCE e de IU, e cofundador de CCOO. Este último dicía: “O movimento secesionista catalán é moi insolidario e reaccionario. O chamado referendo legal e pactado se é sobre a independencia non é nen legal nen pactado” (La Voz de Galicia, 25-11-2017). Declaracións que estaban á altura das pronunciadas por Rafael Hernando, portavoz do PP no Congreso: “O independentismo é o pior veneno para os cataláns”.

Continúa a represión

 

Ademais de Oriol Junqueras, Joaquín Forn, Jordi Sànchez (ANC) e Jordi Cuixart (Òmnium Cultural), que están en prisión pola súa relación co procés independentista, o xuíz do Tribunal Supremo, Pablo Llarena, ampliaba a investigación a Marta Rovira, secretaria xeral de ERC; Mireia Boyá, presidenta do grupo parlamentario da CUP; Anna Gabriel, portavoz da CUP; Artur Mas, presidente do PDeCat, e Neus Lloveras, presidenta da Associació de Municipios per la independència (AMI). A Fiscalía solicitou tamén que se inclúan como investigados Josep Lluis Trapero, ex–maior dos Mossos e Josep María Jové Lladó, ex–número dous de Junqueras en Economía.

A represión non cesa e o Tribunal Supremo decretaba o pasado 5 de xaneiro a continuidade en prisión de Oriol Junqueras polos delitos de rebelión, sedición e malversación de fondos públicos. Son chamados a declarar profesores, acusados de manipular o alumnado. Aquí non se pode falar destes temas, pero máis de 400 colexios de EEUU debaterán en xaneiro sobre a independencia de Cataluña.

Por outra parte, cada día máis voces de prestixiosos xuristas subliñan o carácter ilegal ou de violación da Constitución das medidas tomadas polo Goberno de Rajoy e cualifican de “esperpéntico” o auto que mantén en prisión a Junqueras. Así, José Antonio Martín Pallín, maxistrado emérito da Sala do Penal do Tribunal Supremo, Premio Nacional de Dereitos Humanos 2006, despois de definir o PP como “un partido de goberno centralista, autoritario e incapaz de dialogar”, manifestaba que as eleccións do 21 de decembro de 2017 celebráronse “baixo unha especie de estado de excepción, derivado do artigo 155  con candidatos na cadea sen base legal. Convido calquer observador político que ache unha situación similar en algún dos países que conforman o núcleo duro que consolidou a UE”. Sobre o desenlace desa situación, sinala que “podemos bater cunha outra nova anomalía que causaría asombro en toda a nosa contorna política: que o presidente eleito entre na cadea e que un xuíz non lle un conceda un permiso para saír de prisión e ser investido. Isto sería incompatíbel co Estado de direito, a separación de poderes e a Constitución".

Aquí non se pode falar destes temas, pero máis de 400 colexios de EEUU debaterán en xaneiro sobre a independencia de Cataluña 

 

Como resolver o problema do regreso do presidente Puigdemont a Cataluña? Martín Pallín ten as cousas claras: “Unha forma racional de afrontar o problema sería levalo perante o xuíz e alí que se tome a decisión oportuna, que na miña opinión debería ser a posta en liberdade. Ora, se converten a detención nun espectáculo internacional o conflito actual agravaríase sen necesidade. Ese principio de autoridade sería outra mostra máis dos restos de franquismo, incompatíbeis cunha democracia solvente”. (Entrevista de Antonio Lucas en El Mundo, 30-12-2017).

Javier Pérez Royo, catedrático de Dereito Constitucional da Universidade de Sevilla, facía esta análise da acusación de rebelión: “O auto, desde a perspectiva do delito de rebelión, é esperpéntico. Non houbo 'alzamento violento' por parte do Govern, pero si 'contra-alzamento violento' por parte do Gobierno da Nación. O presuposto de feito do delito de rebelión é un alzamento violento. A violencia é un elemento constitutivo do tipo penal. A acción política ou cívica pacífica ou, en todo caso, non violenta, co obxetivo de ´declarar a independencia dunha parte do territorio nacional´, poderá ser, sen dúbida, unhaa acción antixurídica, pero non é unha acción constitutiva do delito de rebelión. Porque sen violencia non hai rebelión. En todo o desenvolvimento do chamado procés non houbo nen un só acto de violencia por parte dos protagonistas do mesmo. Se sucederon ao longo de sete anos manifestacións e concentracións masivas e celebráronse dúas consultas con participación de algo máis de dous millóns de persoas, sen que se rexistase nin un só acto de violencia sobre as persoas e nen seguera algún acto de vandalismo. Todas as persoas que participaron, fosen autoridades ou cidadáns normais e correntes, fixérono de maneira completamente pacífica” (Eldiario.es, 6-1-2018).

José María Mena, ex–fiscal xefe da Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña aborda a situación dos presos políticos Jordi Sànchez e Jordi Cuixart: “Non son infractores de ningún delito de malversación porque só é imputábel a funcionarios públicos, y eles tampouco son funcionarios públicos. Co cal os Jordis non puideron cometer ningún delito de malversación. Non se lles pode imputar nen desobediencia nen tampouco prevaricación porque é exclusivamente para funcionarios públicos. Entón, que pasa?, que nos atopamos cunhas persoas que non poden ser acusadas e xorde a necesidade de lles imputar un delito de sedición. Os delitos de odio nacen para perseguir os delitos de homofobia e de racismo basicamente, non hai máis particularidades. O que é sobrecolledor é que isto teña agora unha instrumentalización para perseguir outro tipo de coduta (ElDiario.es, 3-1-2018). Os feitos dos que son acusados os Jordis non son un delito de sedición, senón o libre exercicio do dereito de manifestación pacífica, recollido no artigo 21 da Constitución española, como sinalaba a carta aberta en defensa do Estado de Dereito na Unión Europea, enviada o pasado 3 de novembro ao presidente da Comisión Europea, Jean-Claude Juncker, e ao presidente do Consello Europeo, Donald Tusk, e asinada por 188 académicos, políticos, intelectuais e membros do Parlamento Europeo.

A citada carta valoraba así a actuación do Goberno de Rajoy: “O Goberno español, nos seus esforzos por salvagardar a soberanía do estado e a indivisibilidade da nación, violou as liberdades e dereitos básicos garantidos pola Convención Europea sobre Dereitos Humanos, a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, así como polos Artigos 2 y 6 da lei marco da UE (o Tratado de Lisboa). A violación de liberdades e dereitos básicos protexidos pola lexislación internacional e da UE no pode ser un asunto interno de ningún goberno. O silencio da UE e o seu rexeitamento a unha mediación creativa é inxustificábel”.

Comentarios