Opinión

“Dios” tamén debe demitir

Xa sabemos que aquí non demite nin dios, mais nesta ocasión, “Dios” tamén debe demitir. Estou a falar da Pikachu, variante coruñesa da operación Pokémon.

Xa sabemos que aquí non demite nin dios, mais nesta ocasión, “Dios” tamén debe demitir. Estou a falar da Pikachu, variante coruñesa da operación Pokémon.

"Vendex comezou a operar na Coruña en 1996, cando conseguiu o contrato de limpeza dos centros escolares. Co paso do tempo converteuse nunha auténtica axencia de colocación, dando traballo a persoas enchufadas"

Feito público unha parte do sumario da Pikachu, aparecen unha serie de nomes en clave: “El Cura” (Xosé López Orozco, alcalde de Lugo); “Tachenko” ou “Garbancito” (Francisco Fernández Liñares, brazo dereito de Orozco); “Puñales” (Ángel Espadas, xefe de gabinete co alcalde de Santiago Gerardo Conde Roa); “El Padrino” (Bernardino Rama, concelleiro do PSOE en Santiago); “Amapola” ou “Jacinto” (algúns testigos o identifican con Julio Flores, portavoz municipal do PP e Tenente Alcalde no concello da Coruña); un dirixente de Vendex e un traballador do Acuario falan de “Dios”, referíndose a Carlos Negreira, alcalde da Coruña do PP.

Estamos a falar de cousas moi graves (pode haber prevaricación, suborno, alteración de concursos, falsidade documental, fraude na contratación, revelación de información privilexiada, negociación prohibida a funcionarios etc.). No caso da Coruña, están imputados Jesús Flores, concelleiro do PP, José Nogueira, concelleiro do PSOE, e 17 traballadores, entre eles cargos moi importantes na xestión municipal: un asesor de Flores; A Xefa se Servizo de Cultura e a Xefa de Contratación de Cultura; Responsábeis do IMCE Instituto Municipal Coruña Espectáculos), Directora e un técnico dos Museos Científicos Coruñeses; Director da Casa dos Peixes; responsábel de asuntos económicos da concellería de Deportes etc.

O tema da corrupción na Coruña non é nada novo. O alcalde Negreira e o PP impediron que o Pleno municipal aprobase unha moción presentada polo BNG hai máis de 16 meses, o 28 de setembro de 2012, para a “constitución dunha Comisión Informativa Especial de investigación e inspección das concesións outorgadas ao grupo Vendex”. Explicaba o portavoz, Xosé Manuel Carril, que despois de aparecer nos medios de comunicación a existencia dunha presunta trama de corrupción na que aparecen referencias constantes ao grupo Vendex, e con independencia e compatibilidade co procedemento penal en curso, debe procederse a investigar e inspeccionar ditas concesións, particularmente a de maior transcendencia económica, como é a da ORA e retirada de vehículos.

"Os contratos actuais de Vendex co concello da Coruña superan anualmente os 7 millóns de euros"

Vendex comezou a operar na Coruña en 1996, cando conseguiu o contrato de limpeza dos centros escolares. Co paso do tempo converteuse nunha auténtica axencia de colocación, dando traballo a persoas enchufadas por cargos públicos ou funcionarios. Os contratos actuais de Vendex co concello da Coruña superan anualmente os 7 millóns de euros, destacando: 3.900.000 euros pola xestión da grúa e da ORA; 635.000 euros polo mantemento biolóxico do Acuario; 301.108 euros por mantemento hidráulico do Acuario; 627.000 euros por servizos complementarios do IMCE (Instituto Municipal Coruña Espectáculos); 632.000 euros pola xestión do servizo de actividades físico deportivas; 258.000 euros pola xestión do Centro de Información Xuvenil.

Despois de dous rexistros en dependencias municipais realizados polo Servizo de Vixilancia Aduaneira, por orde da xuíza Pilar de Lara, e de facerse público unha parte importante do sumario, hai información de abondo para tirar algunhas conclusións. Para Aduanas, Vendex operaba como “organizaciones criminales o de blanqueo de dinero” e José María Tutor, delegado da empresa en Galiza, resumía así a actuación desta trama: “hacer caralladas para entrar en los sitios y luego poner el culo”. Con este sistema conseguiron fabulosos contratos a base de regalar viaxes a Cuba, subornos (Fernández Liñares recoñeceu que recibiu 300.000 euros de Vendex), enchufar a xente, pago de obras e servizos gratuítos de limpeza a domicilio etc. A “pintura” (os sobres dos subornos) chegaba desde Madrid por Seur en paquetes dun quilo. Vixilancia Aduaneira constatou o envío de 12 sobres con 3.500 euros cada un.

Nas súas declaracións ante a xuíza xustificaban o pago de subornos. Así, Gervasio Rodríguez Acosta, presidente de Vendex, dicía que “eran una especie de premio por los servicios prestados”. Recoñecía tamén que era un proceder habitual: “Todo el mundo sabe por dónde van los tiros”, “¿Cómo cree usted que se consiguen las cosas?” 

"Conseguiron fabulosos contratos a base de regalar viaxes a Cuba, subornos (Fernández Liñares recoñeceu que recibiu 300.000 euros de Vendex), enchufar a xente, pago de obras e servizos gratuítos de limpeza a domicilio etc"

Segundo os investigadores de Aduanas, Julio Flores mantiña “contactos frecuentes” con dirixentes de Vendex e conclúen: “Flores estaría interesado en que Tutor contrate a varias personas en su empresa, para lo que les facilita sus nombres y sus teléfonos”. Flores nega todo, mais a xuíza ten os nomes e os teléfonos das persoas que quería enchufar. A sintonía do goberno municipal coruñés do PP con Vendex era perfecta e un exemplo a seguir; por iso cando está en xogo a contratación da ORA en Santiago, dirixentes de Vendex recomendan “utilizar el mismo modus operandi que el usado en su día en A Coruña”, como recolle o sumario.

Nada máis tomar posesión o goberno do PP, Julio Flores non daba feito para enchufar a tanta xente. O 31 de agosto de 2011 Flores facilitaba a Vendex  datos dunha teleoperadora e a muller dun traballador do concello. O 6 de setembro de 2011 Aduanas interceptaba esta conversa de Flores co delegado de Vendex, que recolle así o sumario: “Le pregunta si hay alguna posibilidad de que P.R. tenga algo. Tutor le dice que pueden hacer algo en el Ágora cuando arranque un poco, que allí hay puestos”.

Estas foron algunhas das contestacións de Julio Florea ante a xuíza, seguindo a escola creada pola infanta Cristina: “no lo sé”, “no me consta”, “no me acuerdo”, “no lo conozco”. Conversa de Flores e Tutor: “Búscale algo a Pedro, coño, que está…el hombre desesperado”. Despois de poñer a xuiza a gravación, contestaba Flores: “No recuerdo esa conversación, me cuesta mucho reconocer que sea yo. El problema que tengo es que no me reconozco ni cuando me hacen una entrevista de radio. No puedo reconocerme”.

"Nada máis tomar posesión o goberno do PP, Julio Flores non daba feito para enchufar a tanta xente".

Flores realizaba tamén xestións fóra da súa área e nunha chamada rexistrada en abril de 2012 prometía “echar una mano” para que Vendex gañase un concursos no Museo Macional de Ciencia e Tecnoloxía (Muncyt da Coruña). Tamén hai unha conversa que pode ter relación cun posíbel amaño dun concurso do Acuario: o asesor de Flores chama a Tutor: “Te llamo de parte de Julio porque necesitamos que nos envíes hoy sin falta la nombres de los biólogos porque nos están achuchando”. 

José Nogueira nega tres veces, como San Pedro. Pregunta a xuíza: “¿Mantuvo algún contacto con José María Tutor durante la tramitación de los concursos del Ágora?”. Contestación: “No”. “¿José María Tutor estuvo en su despacho en mayo de 2011 por temas relacionados con estos concursos de presentación de servicios en el Ágora?” “No”. “¿Facilitó en algún momento información sobre estos concursos al señor Tutor?” “No”. Nogueira cambiou o seu discurso cando a xuíza puxo as gravacións das conversas nas que o responsábel municipal de Contratación, que presidía a Mesa de Contratación do concello, intercambiaba datos e información sobre os concursos co delegado de Vendex, empresa que, finalmente, levou a adxudicación da limpeza do Ágora, vixilancia e servizos polivalentes. Nunha desas conversas, Nogueira dille a Tutor: “De lo de mi hermana no te olvidas, ¿no?”

"E cando é público que o PP pasou a Vendex unha relación de persoas para enchufar, é dicir, utilizar os cargos públicos para favorecer intereses particulares, presentouse esta actuación inmoral case como unha cousa normal, que fan todos os políticos, como unha obra de caridade"

Algunhas das imputadas negaban todo na súa comparecencia ante a xuíza. Así unha persoa da concellaría de Cultura habería viaxado a Cuba, sufragado por Vendex. A traballadora negou esta viaxe, mais a xuíz mostroulle o billete. Outra funcionaria pediu a contratación do seu marido cun salario mensual de 3.000 euros, cousa que conseguiu durante un ano. Outra das persoas interrogadas negou que mantivese unha comida co delegado de Vendex en Galiza, mais a xuíza mostrou unha fotografía dese encontro,

Coñecemos as conversas entre varios imputados e algunhas declaracións despois de comparecer ante a xuíza Pilar de Lara. A min só me preguntaron por tráfico de influencias, declaraba o imputado Flores, restando importancia a esta posíbel acusación. Efectivamente, non está imputado por roubo ou asasinato, que podería ser moito máis grave. E cando é público que o PP pasou a Vendex unha relación de persoas para enchufar, é dicir, utilizar os cargos públicos para favorecer intereses particulares, presentouse esta actuación inmoral case como unha cousa normal, que fan todos os políticos, como unha obra de caridade, como unha atención cos necesitados, cousa totalmente falsa porque algunhas da persoas da lista de enchufados xa tiña traballo. Miguel Lorenzo, avogado e concelleiro do PP de Servizos Sociais na Coruña, dicía que “pedir trabajo para otras personas no puede ser delito”. E xustificaba a actuación do seu compañeiro de partido: “El único delito que puede cometer Julio Flores es que es demasiado buena persona”.

"No Pleno municipal do pasado 14 de xaneiro o BNG foi o único grupo municipal que presentou unha iniciativa sobre este grave caso de corrupción no concello coruñés".

No Pleno municipal do pasado 14 de xaneiro o BNG foi o único grupo municipal que presentou unha iniciativa sobre este grave caso de corrupción no concello coruñés. O seu portavoz, Xosé Manuel Carril, dicía na súa pregunta oral (por certo, non contestada polo alcalde Negreira, senón polo portavoz municipal, Julio Flores, que é un dos imputados): “A política non é unha profesión. É unha vocación de servizo público, que se debe exercer conforme aos principios da ética pública, da confianza e da responsabilidade ante a cidadanía. Cómpre non confundir responsabilidade política con responsabilidade penal. Un comportamento pode non ser delitivo (e ogallá que aquí non o sexa), pero si incompatíbel cos principios éticos do bo goberno. Sexa cal sexa o resultado penal, o dano sobre aqueles intereses colectivos estaría feito por manterse no cargo e se pagaría coa desconfianza, co afastamento o co desapego da cidadanía, mais tamén co descrédito do Público e das Institucións democráticas, sementándose con isto o caldo de cultivo para a xestión por tecnócratas autoritarios (ou fascismo), que é o que está a pasar. Por iso, pedimos as dimisións e ceses dos cargos políticos e de confíanza imputados, porque responsabilidade penal e responsabilidade política non so o mesmo. Só pedimos, en definitiva, para os demais o que nos aplicamos a nós mesmos como forza política. Porque é unha cuestión de responsabilidade política e para a credibilidade e protección do Público e do Ben Común”.

Negreira tampouco daba explicacións cando no Pleno de febreiro de 2014 o BNG presentaba unha moción, esta vez si foi debatida, pedindo a demisión dos concelleiros imputados. EU apoiou esa moción, o PP votou en contra e o PSOE abstívose.

No tema da Pikachu, hai unha especie de pacto entre PSOE e PP porque están a coincidir na súa análise e actuación. José Ramón Gómez Besteiro, secretario xeral do PSdeG e Feijóo repetían o mesmo guión: “hai que esperar a coñecer todo o sumario”, “faltan elementos de xuízo”, “prudencia”, “presunción de inocencia” etc.

"Hai unha especie de pacto entre PSOE e PP porque están a coincidir na súa análise e actuación. José Ramón Gómez Besteiro e Feijóo repetían o mesmo guión: “hai que esperar a coñecer todo o sumario”,

O alcalde Negreira mantén unha actitude escurantista. Non informa do tratado nun xantar con directivos de Aquagest e Aqualogy sobre o proxecto Coruña Samart City. E négase a informar do contido dun “papeliño” que lle pasou Ángel Espadas, que actuaba como mensaxeiro de Aquagest. Tomou parte, segundo a conversa gravada a unha funcionaria, nos enchufes para colocar a persoas nas empresas do grupo Vendex. Está ao tanto de todas as actuacións do seu Tenente Alcalde porque cando presidía a Xunta de Goberno o 2 de decembro de 2011, Flores chama por Teléfono a Tutor para clarexar a súa proposta de tarifas da ORA, doce días antes da adxudicación a Doal, filial de Vendex

Entendo que dadas as gravísimas responsabilidades do alcalde Negreira, permitindo e xustificando actuacións irregulares, non dando a cara e protexendo o seu Tenente Alcalde, a petición de demisión dos membros da corporación imputados (Julio Flores, José Nogueira), o cese dos asesores e apartamento nas súas funcións dos funcionarios implicados, debe estar acompañada da inmediata  demisión de “Dios”, é dicir, do alcalde Negreira.
 

Comentarios