Opinión

Os Borbóns perden distinción

A “Ciudad Infantil Príncipe Felipe” de Pontevedra foi inaugurada na ditadura polos reis de España Juan Carlos e Sofía o 26 de xullo de 1976, antes das primeiras eleccións democráticas de 15 de xuño de 1977. Posteriormente transfórmase no complexo Príncipe Felipe e dentro del están o Centro de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Príncipe Felipe e o Centro de Educación Especial (CEE).

O DOG do pasado 1 de xuño recollía a “Orde de 20 de maio de 2020 pola que se autoriza o cambio de denominación específica do CEIP Príncipe Felipe”, que asinaba Carmen Pomar Tojo, conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional. Seguiuse o procedemento establecido: aprobación polo Claustro do Profesorado e, posteriormente, da Deputación, que xestiona o centro, e da Xunta.  

Cámbiase o nome dun centro educativo, decidido na ditadura, por unha persoa como Daría González García (1916-1999), profesora durante 44 anos, nacionalista e afiliada ao Partido Galeguista desde 1932 na II República, concelleira de Pontevedra na candidatura de Unidade Galega nas eleccións de 1979, sendo tenente alcalde e responsábel de Cultura.

A dirección do centro explicaba as razóns do cambio: "Príncipe Felipe era un nome que estaba obsoleto e queriamos, co tema da igualdade e da promoción da muller, poñerlle o nome dunha pontevedresa". Traballaron con varias opcións e, finalmente, elixiron a Daría González "porque foi mestra e unha muller implicada na cultura galega. Propuxémolo á Deputación, que aceptou, e logo foi ao Consello da Xunta, que tamén aceptou", como recollía Pontevedra Viva o pasado 2 de xuño.

Por outra parte, o rei Juan Carlos I aínda conserva rúas e distincións en varios concellos de Galiza: ten avenida na Coruña, Santiago, Pontevedra, Camariñas, Vilanova de Arousa, Culleredo e Vilagarcía de Arousa. Medalla de Bronce da Coruña (1976), Medalla de Ouro de Galiza (1985) e un busto na fachada do concello de Ferrol. Despois de coñecerse novos casos de corrupción, o BNG de Vigo anunciaba en marzo de 2020 que pedirá a retirada do busto do rei Juan Carlos, situado na entrada da casa do concello.

Por méritos propios e pola súa designación en 1969 polo ditador Franco como o seu sucesor na Xefatura de Estado “para que todo siga atado y bien atado para el futuro”, as rúas e distincións a Juan Carlos Borbón, así como outras 602 de 87 concellos, están recollidas no libro Os restos do franquismo en Galiza, que publico en Laiovento, e que estará á venda nos próximos días.

Outras iniciativas para retirar distincións aos Borbóns: Barcelona cambiou en 2017 a praza Joan Carles I e retirou o seu busto do Salón de Plenos. En Vitoria o alcalde Gorka Urtaran (PNV) anunciaba que iniciarán o expediente para cambiar o nome da avenida Juan Carlos I cando acabe a emerxencia sanitaria provocada polo Coronavirus e declaraba: “Este señor ha demostrado que no se merece tener una calle. Está claro que cobró por presuntas actividades irregulares al menos 100 millones de euros de Arabia Saudí. Vitoria merece que sus calles lleven el nombre de personas honrradas, honestas, que han trabajado por el bien común, por la comunidad, y este caso no lo es” (axencia EFE, 17-3-2020).

O pleno de Palma aprobaba por unanimidade en 2013 cambiar o nome de “Rambla dels ducs de Palma de Mallorca”. O Pleno de Bilbao acordaba en decembro de 2016 cambiar a “Ponte Príncipes de España”, inaugurado na ditadura, por “La Salve”.

Despois de recoñecer o propio Felipe VI que o seu pai, Juan Carlos I, levara persoalmente un maletín con millóns de euros para ingresar na banca suíza, seguirán PP, PSOE, Cs e Vox negándose a que o Congreso investigue estes presuntos casos de corrupción? Apoiarán que se retiren as rúas, honras e distincións a unha persoa como Juan Carlos Borbón, investigado por branqueo de capitais e fraude fiscal?

É evidente que non estamos ante unha cuestión persoal de Juan Carlos Borbón, nin de Felipe Borbón. O problema de fondo é unha Monarquía caduca e corrupta. A República é hoxe a alternativa necesaria.

Comentarios