Opinión

Biografía non autorizada do alcalde Alfonso Molina

 

O relato sobre o levantamento militar e fascista de 1936 contra a República, sobre o que sucedeu nos 40 anos de ditadura e na Transición, está hexemonizado polos vencedores, é dicir, polo franquismo. Isto explica que significadas figuras da ditadura ou que ocuparon relevantes postos institucionais, continúen aínda recibindo todo tipo de distincións e recoñecementos públicos. Así, o “camarada Fraga”, non confundir con Don Manuel, que foi un activo militante fascista durante máis de 37 anos, comprometido desde o consello de ministros coa represión e asasinato de demócratas, sexa presentado como un demócrata de toda a vida e, despois de 44 anos da morte do ditador Franco, aínda temos que aturalo como Fillo Adoptivo da Coruña…E isto explica que o único que se difunde de Alfonso Molina Brandao sexa que era un alcalde popular, simpático, que gustaba das laconadas etc. Hoxe toca difundir a súa biografía secuestrada porque xa é hora de baixar dos “altares” a alcaldes franquistas e retirarlles as distincións concedidas durante a ditadura, como se está a facer en moitos concellos.

 

A información deste artigo chegou xa hai varios meses ao alcalde da Coruña, concelleiro de Cultura, Consello da Memoria Democrática, Cátedra da Memoria Democrática da UDC e Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Quedan pouco máis de dous meses para a celebración das eleccións municipais e teño que manifestar a miña preocupación porque despois de presentar dous informes –un de 60 páxinas ao alcalde da Coruña, concretando 74 símbolos franquistas que quedan por retirar; e outro ao presidente da Deputación da Coruña, de 28 páxinas, sinalado 32 símbolos franquistas na institución provincial– estou escoitando comentarios deste tipo: é unha proposta precipitada (parece ser que, despois de once anos da aprobación da Lei de Memoria Histórica, aínda non houbo tempo para acabar coa simboloxía franquista), e non podemos facer nada antes das eleccións; é unha proposta radical e maximalista, etc.. E por suposto, non hai a mínima iniciativa institucional para transmitir información á cidadanía, nin para propiciar o debate e a participación. Déixase de lado a mobilización cívica, dando por suposto que para retirar a simboloxía franquista xa chega coa vía institucional.

 

Esta é a biografía, moi pouco difundida, dun significado franquista, cunha importante folla de servizos á ditadura

 

Alfonso Molina Brandao nace una Coruña o 15 de maio de 1907. Enxeñeiro de Camiños, Canais e Portos pola Universidade de Madrid, consegue en 1934 a praza de enxeñeiro director de Vías e Obras da Deputación da Coruña. En 1936 xa tiña as cousas claras e serviu no chamado “Exército Nacional”, é dicir, no de Franco, como tenente honorario de enxeñeiros, pertencente á Agrupación de Ferrocarrís de Madrid. Iniciado o golpe de Estado fascista, foi nomeado presidente da Cámara da Propiedade da Coruña, cargo que conservará até 1943. Foi tamén membro da Xunta Consultiva das Cámaras da Propiedade de España.

 

Enseguida comeza os seus servizos ás novas autoridades fascistas e entra como concelleiro e suplente do 4º tenente alcalde, José Casteleiro Varela (irmán de Armando Casteleiro que, xuntamente, con Barrié da Maza, serán beneficiarios da concesión para a construción da Solana, no Parrote), no Pleno extraordinario de 18 de agosto de 1938, cando se constitúe a nova Xestora Municipal, que preside o alcalde Álvarez Sotomayor. Participa tamén, como o conxunto da corporación municipal, na política de represión e depuración dos traballadores do concello e estaba na Comisión Permanente de 19 de agosto de 1938, presidida por Álvarez Sotomayor, que acorda separar a Luis Vidal Ogén do cargo de Practicante da Beneficencia Municipal, despois do expediente instruído pola Inspección Provincial de Sanidade para depurar a súa “actuación social e política”. Cando toma posesión o novo alcalde, José Crespo, no Pleno extraordinario de 13 de decembro de 1940, Alfonso Molina é designado como 3º tenente alcalde.

 

Ademais dos servizos á ditadura, desde as súas responsabilidades institucionais, prestou importantes servizos á familia Franco e, en calidade de presidente da Cámara da Propiedade da Coruña, foi vogal da Junta Pro Pazo del Caudillo, e figura entre as 17 persoas que o 5 de decembro de 1938 asinaban no pergameo de entrega do pazo de Meirás a Franco en calidade de “Jefe del Estado, Generalísimo de los Ejércitos y Caudillo de España”. Como persoa de confianza da familia Franco realizou desde a súa responsabilidade como enxeñeiro responsábel de Obras da Deputación da Coruña e con cargo aos orzamentos públicos, todo tipo de obras no pazo de Meirás, así como nos accesos e estradas da zona.

 

Tiña unha estreita relación co ditador Franco e coa súa esposa, Carmen Polo. Sendo alcalde inaugurábase en setembro de 1955 a escaleira de honor do Palacio Municipal de María Pita en presenza do ditado Franco e Carmen Polo. Unha placa, xa retirada polo goberno PSOE-BNG, lembraba ese acto.

 

Continúa como concelleiro até o Pleno extraordinario de 21 de abril de 1942, e durante ese tempo participa na depuración dos traballadores, seguindo as directrices do Jefe Provincial de Falange, camarada Lorenzo Villalonga, que chamaba a extirpar as “manzanas podridas”. Ao mesmo tempo, participa na política de privilexios co bando dos vencedores que aproban as distintas corporacións, como o Pleno de 1 de setembro de 1941 que aproba o “Proxecto de Regulamento do Corpo de Empregados Administrativos e do Corpo Auxiliar Administrativo” con privilexios para “Caballeros Mutilados por la Patria, Oficiales Provisionales y de Complemento, Ex–combatientes, Cautivos, familiares y víctimas de la Guerra”.

 

Sucede como alcalde a Eduardo Ozores o 6 de maio de 1947 e continúa no cargo até a súa morte o 25 de novembro de 1958. O Pleno de 25 de maio de 1950, que preside, acorda a realización dun “homenaje a la memoria del Excmo. Sr. D. José Calvo Sotelo”. O Pleno que preside o 6 de xuño de 1950 concede ao golpista e fascista José Fariña Ferrreño a Medalla de Plata de la Ciudad. Tamén estivo implicado na operación da Casa Cornide e cando era alcalde o concello da Coruña transfire a súa propiedade ao Ministerio de Educación en 1957, comezando unha operación que finalizaría en 1962, sendo alcalde Peñamaría de Llano, cunha poxa-farsa para que Pedro Barrié de la Maza adquirise o palacio e despois transferir a propiedade a nome da Carmen Polo, esposa de Franco.

 

Tiña unha estreita relación co ditador Franco e coa súa esposa, Carmen Polo. Sendo alcalde inaugurábase en setembro de 1955 a escaleira de honor do Palacio Municipal de María Pita en presenza do ditado Franco e Carmen Polo. Unha placa, xa retirada polo goberno PSOE-BNG, lembraba ese acto.

 

O 2 de febreiro de 1958 toma posesión a nova corporación municipal e o alcalde Alfonso Molina pronuncia un “patriótico” discurso, lembrando aos Caídos, e que finaliza así: “Os recuerdo que con vuestra labor fecunda en bien de la Ciudad y de la Patria, seréis consecuentes con los sacrificios de aquéllos que supieron dar su vida por una España mejor. ¡¡Viva La Coruña!! ¡¡Viva Franco!! ¡¡Arriba España!! Finalmente y con motivo de la constitución de la nueva Corporación, se acordó por unanimidad sean dirigidos por la Alcaldía telegramas de adhesión y lealtad a S.E. el Jefe del Estado…” (acta da sesión extraordinaria da corporación municipal).

 

A súa xestión económica foi un desastre, como recollía un artigo de Carlos Fernández (La Voz de Galicia, 23-11-2008): “Cuando falleció en Río de Janeiro las arcas municipales estaban limpias. La gente sólo recordará de él su estampa popular y pintoresca. El que tuvo que recordar también lo de las cuentas fue su sucesor: Sergio Peñamaría de Llano que logró con grandes esfuerzos enderezar la nave económica municipal que Molina había llevado casi al naufragio. Pero esto, por las censuras de la época, no trascendió al público. Un detalle de este desastre económico lo recuerda José Peñamaría, hijo del sucesor de Alfonso Molina en la alcaldía, cuando poco tiempo después su padre encargó a una conocida floristería local un ramo para entregar a la esposa de un personaje que iba a visitar el Ayuntamiento. La encargada del establecimiento dijo que no le entregaba ni una flor más hasta que no pagasen la abultada cuenta que se le adeudaba. Lo mismo ocurría con otros suministradores del municipio”.

 

Estes son algúns dos cargos de Alfonso Molina, como recollen Carlos Babío Urquidi e Manuel Pérez Lorenzo no seu libro Meirás. Un pazo, un caudillo, un espolio: procurador nas Cortes franquistas desde 1946 até o seu falecemento en 1958; vogal da Junta de Obras del Puerto (presidida por Pedro Barrié de la Maza entre 1944 e 1971); vogal de ASTANO (tamén presidido por Barrie entre 1948 e 1971; vogal do Consello de Administración de La Voz de Galicia. Foi tamén vogal do Banco de La Coruña e presidente do Casino durante catro anos. Franco concedeulle, a título póstumo, o ingreso na Orden Civil de Beneficiencia, con categoria de Gran Cruz (BOE nº 284, 27-11-1958).

 

Alfonso Molina morre en Río de Janeiro (Brasil) cando participaba nun congreso internacional de municipios. Os medios de comunicación difundiron que morreu por unha anxina de peito, pero aínda non se fixo pública unha información oficial concretando onde morreu, nin con quen estaba.

 

Esta é a biografía, moi pouco difundida, dun significado franquista, cunha importante folla de servizos á ditadura. Se alguén considera que é merecedor de consideración pública e que debe manter as distincións concedidas durante a ditadura (ten unha avenida co seu nome, un retrato, un monolito con placa en Porta Real, Medalla de Ouro da Cidade e Fillo Predilecto) que o defenda publicamente.

 

Difúndese propaganda que sitúa A Coruña como “cidade do cambio” e forma parte da Rede de concellos contra a impunidade do franquismo. Todo iso está moi ben, pero é hora de tomar as decisións políticas que están a aprobar outros moitos concellos, retirando as rúas e distincións honoríficas a alcaldes da ditadura, como Alfonso Molina, porque A Coruña non pode ser “sitio distinto”e porque manter esas distincións no Concello e na Deputación é unha ofensa ás vítimas do franquismo.

 

En Barcelona –dentro das “Primaveras Republicanas”, que forman parte do “Programa da Memoria”– o Pleno de 27 de abril de 2018 retiraba (votos a favor de BComú, PDeCat, ERC, CUP e Cs) a Medalla de Ouro da cidade ao alcalde da ditadura Miquel Mateu Pla, que foi tamén Conselleiro Nacional de Falanxe, procurador nas Cortes Franquistas e presidente da patronal catalá Fomento do Traballo. En Valencia o Pleno de 28 de xullo de 2016 aprobaba (cos votos de Compromís, PSPV e Valencia en Común) retirar a distinción de Alcalde Honorario ao falanxista e cardiólogo Adolfo Rincón de Arellano García, que foi alcalde da cidade de 1958 a 1969. En Badaxoz o Comité de Expertos da Memoria Histórica de Badaxoz, creado a iniciativa de Deputación, que preside o PSOE, catalogaba en decembro de 2017 un total de 253 símbolos franquista na provincia, entre eles os nomes das rúas de Badaxoz que levan nome de alcaldes na ditadura: Antonio Masa Campos, Fernando Calzadilla, Jaime Montero de Espinosa e Ricardo Carapeto Burgos. En Madrid o Pleno de xuño de 2017 (votos a favor de Ahora Madrid, PSOE e Cs) retiraba a distinción de Hijo Predilecto a Carlos Arias Navarros que foi, entre outras cousas, alcalde de Madrid na ditadur; tamén eliminaba a avenida Conde de Mayalde (José María Finar y Escribá de Romaní), alcalde de Madrid de 1952 a 1965. A Mesa da Memoria Histórica do concello de Cidade Real (alcaldesa do PSOE) acordaba en novembro de 2016 (fixo o traballo en seis meses porque foi constituída en maio de 2016) eliminar a rúa José María Aparicio Arce, que foi alcalde desa cidade durante oito anos. En Cádiz (co voto de Podemos, PSOE e Ganemos Cádiz) o Pleno de 24 de novembro de 2017 acordaba eliminar a avenida Ramón de Carranza, alcalde na ditadura e que tamén era moi popular, como Alfonso Molina. A que esperamos para retirar na Coruña as distincións a alcaldes da ditadura, como xa fixeron todos eses concellos?

 

Comentarios