Opinión

“Anda fuera, criminales!”

Escribo este artigo o 20N en homenaxe a miña nai, cando se cumpre o 40ª aniversario da morte do criminal Franco


Escribo este artigo o 20N en homenaxe a miña nai, cando se cumpre o 40ª aniversario da morte do criminal Franco; cando aínda seguen nas cunetas miles de persoas, vítimas da represión franquista;  cando sigue en vigor a Lei de Amnistía de 1977, convertida nunha lei de punto final, que impide xulgar os crimes do franquismo; cando están de actualidade os asubíos á Familia Real e as multas por exhibir bandeiras cataláns.

O prestixio da monarquía cae en picado e os membros da Familia Real reciben con frecuencia unhas impresionantes pitadas. O rei Juan Carlos era asubiado en Mestalla (Valencia) na final da copa de fútbol de 2009; na final da copa de baloncesto de 2010 en Bilbao, que enfrontaba a Barcelona e Real Madrid; na final de Mestalla de 2011. Foron asubiados os Príncipes de Asturias (Felipe representaba á Casa Real porque o seu pai estaba convalecente) na final da copa de fútbol no Vicente Calderón (Madrid) de 2012 entre Barça e Athletic de Bilbao. Os Príncipes e a raíña Sofía tamén foron asubiados á entrada do teatro Campoamor de Oviedo cando acudían á entrega dos Premios Príncipes de Asturias de 2012. O rei Juan Carlos era recibido con “¡fuera, fuera!” na final da copa de baloncesto de 2013 en Vitoria, que disputaban o Barça e o Valencia. “Atronadora pitada al himno de España en el Camp Nou”, titulaba Marca o 30 de maio de 2015. Era a primeira final da copa de fútbol presidida por Felipe VI e 90.000 seareiros do Athletic de Bilbao e Barcelona, con miles de esteladas e de ikurriñas no campo, asubiaban o rei...

O goberno do PP convocaba de urxencia a Comisión Estatal contra la Violencia, el Racismo, la Xenofobia y la intolerancia en el Deporte, que sancionaba a Federación Española de Fútbol cunha multa de 123.000 euros, ao Barcelona con 66.000 euros e ao Athletic con 18.000 euros. Tamén sancionaba con 100.000 euros a Catalunya Acció “en calidad de instigadora de la convocatoria e inductora de su seguimiento, por la difusión realizada de aquella y por el reparto de silbatos efectuado para maximizarlas”, e outros 90.000 euros de multa para Santiago Spot i Piqueras, presidente da citada entidade “por su implicación y participación personal”. Días antes da celebración do partido, Cataluny Acció lanzaba o manifesto “Por la pitada al himno español y al rey Felipe de Borbón” e repartía 10.000 silbatos nas portas do Camp Nou. Este manifesto foi apoiado por Sobiranía i Progres, Centre Autonomista de Dependents del Comerç i de la Industria, Plataforma pel Dret a Decidir, Internacional Commission of European Citizens, Fundació President Maciá, Ara o Mai!, Catalunya Diu Prou, Casal per la Llibertat i la Independencia de Catalunya, Societat catalana de Lliure Opinió, Moviment de Cultura Popular El Strac y Units per Declarar la Independencia de Catalunya. Todas elas foron multadas con 70.000 euros cada unha.

Miña nai vestiu sempre de negro até que morreu con 93 anos, e cando os veciños e veciñas preguntaban á señora Juliana polos motivos, sempre contestaba: “Cómo me voy a quitar el luto, hijo, con lo que nos han hecho”.

Escoitando os asubíos pola televisión lembreime da miña nai (en 2015 cumpriría 110 anos), que cando acababa o “Parte” das 14,30 horas (así era coñecido o informativo de Radio Nacional, que debían reproducir por decreto todas as radios) e o locutor lanzaba un vibrante “¡Viva Franco, arriba España!”, miña nai dicía: “Anda fuera, cabrón”. E cando soaba o chamado himno nacional, apagaba a radio e dicía: “¡Anda fuera, criminales!”.

Miña nai vestiu sempre de negro até que morreu con 93 anos, e cando os veciños e veciñas preguntaban á señora Juliana polos motivos, sempre contestaba: “Cómo me voy a quitar el luto, hijo, con lo que nos han hecho”. Era unha forma de denuncia permanente do asasinato de dous irmáns, unha tía e dous primos polos fascistas en 1936 en Dueñas (Palencia), un concello de 3.000 habitantes e con 100 persoas (25 mulleres) asasinadas polos franquistas. As persoas que cometían eses crimes levaban a bandeira dos chamados “nacionais” e o himno era o dos sublevados fascistas, pero miña nai tiña por costume celebrar o 1º de maio e outras festas co Himno de Riego e a bandeira constitucional e lexítima de 2ª República.

Na última final da Copa do Rei lembreime tamén das sancións hai 50 anos a moitas persoas en Bilbao, cando saiamos de excursión a unha romaría, que acababa case sempre convertida nun acto reivindicativo e contra a ditadura. Paraban os autobuses e identificaban aos ocupantes, que eran sancionados con multas, cuxo impago levaba pena de cárcere.

Miña nai, que era unha persoa educada e respectuosa con todo o mundo, non sei se hoxe asubiaría ese himno nacional, pero seguro que levaría unha bandeira republicana e manifestaría ben alto, denunciando a aqueles que aínda son nostálxicos do franquismo e exhiben símbolos franquistas: ¡anda fuera, criminales! 

Comentarios