Opinión

O terrorismo como feito sistémico (... e o Pazo de Meirás)

Nunha entrevista a Richard Labévière, o escritor e xornalista franco-suízo, encol do seu último libro O terrorismo, a cara escura da globalización, dá unha contestación que resume ben a súa tese: “Hoxe, a globalización ten tres consecuencias principais: rompe os estados-nación, os servizos públicos e as políticas de redistribución social. A globalización contemporánea é a carreira a prol dos cartos como primeiro obxectivo! Pois ben, esta carreira polo diñeiro ten unha vinculación vital, esencial e consubstancial co terrorismo”. 

O argumento que dá sobre a relación entre globalización e terrorismo é sinxelo e ademais lóxico. A inxerencia externa e as agresións militares que deixan detrás países desfeitos, a reconstrución e os mercenarios que se perpetúan e son un negocio para as forzas invasoras, forman parte do contexto, do futuro. A isto hai que engadir, como feitos da mesma importancia, a destrución ecolóxica e das culturas e linguas, a especulación financeira, a corrupción, a actividade delituosa vinculada ao tráfico de persoas, prostitución, droga, etc. Vivimos nun mundo posto exclusivamente ao servizo das corporacións e intereses imperialistas, que sacraliza o poder e o diñeiro. Unha tendencia que vai a máis. Un mundo no que, coa boca pequena, afirman combater estas lacras os mesmos que as alentan para obter lucros. Non se pode esquecer ou ignorar que as potencias imperialistas teñen un dominio inmenso no plano militar, económico, financeiro, das novas tecnoloxías, e de control dos medios de información e da cultura de masas. O terrorismo como metodoloxía, xa que non é unha ideoloxía, semella polo tanto unha resposta desesperada, ademais de efectiva e mediática, por parte daqueles que se senten afectados, e non teñen poder para confrontar armas tan desapiadadas como os bombardeos a distancia, os drons, etc...

Vivimos nun mundo posto exclusivamente ao servizo das corporacións e intereses imperialistas, que sacraliza o poder e o diñeiro

 

Agora ben, a resposta cruel, xenocida, terrorista, con fins políticos ou económicos, non é algo novo, nen exclusivo do islamismo radical. Os estados non estiveron nen están á marxe da súa utilización, aínda que agora se poñan de lado, o agochen, ou lle chamen doutro xeito cando son eles os que o utilizan. Lembremos as múltiples invasións imperialistas, a opresión de povos considerados subalternos, as dúas guerras mundiais interimperialistas, as crueis represións contra o movemento obreiro e os procesos de liberación nacional, o xenocidio en Biafra, en Ruanda, no Congo, e as consecuencias do plan Cóndor en América Latina. A diferenza é que agora, ademais de se utilizar polas potencias hexemónicas, as ditaduras militares, e as monarquías autocráticas, o terrorismo é un arma máis ao servizo dunha pretendida oposición sistémica que ten posturas retrogradas no social e neoliberais no económico, co argumento da inxerencia externa. Un terrorismo que dá azos a novas medidas represivas e de control social polos estados, tamén no centro do sistema. Medidas que se utilizan contra os/as que se opoñen aos retrocesos laborais, sociais e democráticos, e á negación do dereito dos povos á autodeterminación (de todos os povos, non só daqueles que se constituíron en estado-nación, mesmo oprimindo outras nacións, como a galega, como é o caso do Estado español).

O terrorismo é funcional nesta etapa á centralización e concentración do capital, en beneficio das corporacións trasnacionais e da gran burguesía. Mais conta cun arroupe social máis amplo, daqueles que reciben as sobras do botín, ou que esperan recibilas. Aínda que se trata dun bloque minguante. Daquela que o terrorismo se volvese funcional ao sistema. E neste aspecto, entendo que Richard Labévière pon de relevo no seu libro unha hipótese correcta.

O terrorismo é funcional nesta etapa á centralización e concentración do capital, en beneficio das corporacións trasnacionais e da gran burguesía

 

Porén, para alén de facer unha análise axeitada da situación, é transcendental rematar con esta asociación perversa. Neste aspecto, non abonda con algunhas medidas correctoras, xa que o capitalismo non ten marcha atrás na súa evolución destrutiva en aspectos vitais, como o ecolóxico, cultural, ou dos dereitos democráticos esenciais. A única saída é terminar con todas as situacións de dependencia, construír un mundo sustentábel e solidario, de persoas (e povos) libres e iguais. É certo que mesmo así, ninguén pode garantir que desaparecerá totalmente o terrorismo, a especulación, a economía delituosa, a opresión, a explotación. Mais serán excepcións, porque carecerán dunha base con poder que lles dean folgos. Terán por diante todo tipo de atrancos, de muros. E esta é unha diferencia cualitativa fundamental.

E finalmente, postos a falar de terrorismo, tampouco se pode esquecer que a ditadura franquista sustentouse sobre o terrorismo de Estado, con milleiros de asasinados, paseados, e detidos na Galiza e outras partes do Estado español. Neste aspecto, é unha denuncia de alto valor político, tanto por xustiza histórica como pola súa actualidade, a ocupación lexítima (non asalto) do Pazo de Meirás por militantes do BNG. Asemade, este tipo de accións marcan a diferenza na práctica, e en positivo, con respecto a outras opcións políticas da oposición. Así foi tamén cando se arrodeou o Parlamento reclamando unha República Galega, e se realizou a concentración contra a presenza de Merkel en Compostela (por lembrar só algunhas accións reivindicativas dos últimos anos). Cómpre polo tanto felicitar esta forza política pola súa iniciativa e apostar porque fortaleza esta liña de actuación. Sei que a CIG e outras organizacións sindicais e sociais realizan acotío accións deste tipo. Mais a esta altura, por razóns que non vou analizar neste artigo, non existe para as clases populares unha clara vinculación entre os movementos de masas do nacionalismo e o BNG (malia que esta sexa moi grande a niveis de militancia e orientación). Polo que esta fronte patriótica e de esquerda debería poñer en primeiro plano na súa praxe cotiá directa a cuestión do traballo (mensaxe, propostas, accións reivindicativas).

http://manuelmera.blogaliza.org/