O soberanismo catalán toma a iniciativa

A oposición frontal do PP, Vox e Ciudadanos, ao indulto dos presos políticos cataláns é sobre todo unha acción preventiva contra calquera negociación que poda dar lugar a un acordo de reforma da Constitución que recoñeza o carácter plurinacional do Estado. É dicir unha nación de nacións, e o que isto pode implicar no relativo ao grao de soberanía e ao reparto das competencias. Este é o problema de fondo, daquela que o Tribunal Constitucional no ano 2010 non invalidase o prólogo da reforma do Estatuto de 2006 na que se falaba de nación catalá, porque entendía que esta era só unha declaración de intencións, unha opinión, carecendo polo tanto de poder normativo.

Por esta razón no limiar do Estatuto de Cataluña, vixente na actualidade, afirmase: “A vontade dos cidadáns de Cataluña define na súa gran maioría a Cataluña como unha nación. A Constitución española, no seu segundo artigo, recoñece a realidade nacional de Cataluña como nacionalidade”. O propio poderíase dicir de Euskadi e Galiza, as tres son consideradas “nacionalidades históricas”, xa que se votou afirmativamente a súa autonomía durante a 2º República. Cómpre lembrar que a definición de nacionalidade é unha caracterización que incorporaron posteriormente outras autonomías: Baleares, Andalucía, Valencia, Aragón, Canarias. Unha equiparación que o Tribunal Constitucional non cuestionou, algo que si fixo coas competencias que se lle outorgaban a Cataluña, ou sexa, o problema era: a cuestión do poder, das competencias, da soberanía.

No contexto actual, sendo necesario e lexitimo que as forzas nacionalistas de Cataluña, e doutras nacións sen estado soberano, propoñan o dereito de autodeterminación (un referendo) e a amnistía, todo indica que non existe unha correlación de forzas favorábel no Estado español e un marco internacional que axude a que se acaden estes dereitos democráticos. Mesmo a postura do PSOE é clara respecto deste tema, a súa máxima oferta sería aceptar en moi último extremo un Estado Federal, considerando a cuestión nacional como consecuencia da diversidade cultural e lingüística, mais na que a soberanía residiría no Estado español, como resultado histórico dun proceso de unidade consolidado. Ou sexa que o dereito á autodeterminación (decidida en referendo) contaría co apoio exclusivamente dos partidos nacionalistas e de forzas como UP.

A abertura de negociacións entre o Governo central e a Generalitat, para normalizar as relacións entre ambas institucións, é un paso adiante para as forzas do soberanismo catalán

Neste escenario de avance das forzas da dereita e extrema dereita españolista, que teñen un gran apoio de grupos de poder, tanto no eido institucional, como da comunicación e do ámbito económico, a abertura de negociacións entre o Governo central e a Generalitat, para normalizar as relacións entre ambas institucións, é un paso adiante para as forzas do soberanismo catalán e das outras nacionalidades periféricas. Negociacións das que o PSOE busca tirar rédito electoral, presentándose como o partido capaz de normalizar as relacións con Cataluña, ao que se sumaria a recuperación da economía e do emprego grazas aos importantes investimentos a través dos fondos europeos. Gañar as vindeiras eleccións sería o obxectivo. No caso concreto do independentismo catalán trátase de abrir unha folla de ruta que lles permita saír do punto morto, sumar novos segmentos da povoación, e dar pulo á mobilización de masas que perdeu folgos nos últimos meses.

Que se pode esperar das negociacións? Aínda é moi cedo para saber o resultado final e se é posíbel avanzar cara un Estado Federal, con recoñecemento do carácter plurinacional do Estado (aínda que sexa formal), a cesión de competencias blindadas e unha transformación do Senado. Os resultados da negociación tamén poderían ser máis limitados e reducirse exclusivamente ao tema catalán, recuperando o Estatuto aprobado no referendo do 2006 e mellorando o sistema de financiación.  Resulta evidente que se abre un período no que a cuestión nacional ocupa o primeiro plano para alén de Cataluña (reclamacións en Euskadi, peso importante do nacionalismo na Galiza). O soberanismo recupera a iniciativa e pode acadar conquistas, se combina as reivindicacións coa mobilización e o protagonismo popular, se valora correctamente obxectivos e correlación de forzas.

 

 https://obloguedemera.wordpress.com