Pola paz... Armándonos acotío?
Que haxa contactos ao máximo nivel entre a Federación Rusa e Ucraína+OTAN é positivo. Manter canles diplomáticas abertas sempre é un paso cara a paz, xa que calquera solución, cando se dea, necesitará plasmarse nun documento con compromisos que obriguen a todas as partes en conflito. Textos, declaracións e actitudes que busquen "pechar feridas e normalizar as relacións".
Mais, a cuestión na práctica é como remata a guerra, e que correlación de forzas expresa, como esta atinxe a cuestión económica e militar, e como afecta a cada unha das partes e ao contexto internacional. Porque este conflito ten un carácter estratéxico, máxime nunha conxuntura como a actual na que se están redefinindo moitas cousas no económico, militar, político (tecnoloxía, mundo financeiro...). Cales son as relacións tanto entre potencias como o papel das corporacións.
Hai que ter en conta o anterior porque resulta evidente que nas últimas conversas relativas ao conflito na Ucraína hai moito de escenificación, de non aparecer como o malo no conflito, aínda que despois a FR coide que neste intre, nunha guerra que vai gañando, un alto ao fogo sería un pau nas rodas á conquista dos territorios reclamados pola Federación, ao dar alento ao exército da Ucraína que non deixa de retroceder. Pola súa banda Zelenski considera (soña) que coas novas sancións económicas da UE poderá debilitar á Federación tamén no eido militar. Ou sexa, que o tempo xoga ao seu favor, tanto obtendo un alto ao fogo de 30 días, como se é capaz de resistir o empuxe ruso durante os próximos meses. Coidan que se trataría de cesións temporais, mentres que as novas sancións de "occidente" serían un golpe decisivo que afectaría gravemente á economía rusa, abrindo unha fenda social, e tería repercusións estratéxicas na produción de armamento (nestes tres anos malia as sancións a economía rusa medra e Putin ten un gran apoio popular).
Polo tanto ten súa lóxica, por parte de ambas partes involucradas na guerra da Ucraína, directamente ou indirectamente, as declaracións formais sexan a prol da paz mentres alimentan á guerra. Mesmo faino os Estados Unidos, quen estaría máis interesado na paz inmediata, para dedicar toda a súa forza no conflito con China, mais na práctica aínda é o maior fornecedor de medios militares á Ucraína. Que deixase de entregar armamento, e información sobre os obxectivos no terreo, aceleraría o desenlace da guerra, convertendo en vitoria o que hoxe xa é un escenario que anuncia unha vitoria da Federación Rusa. Daquela que o obxectivo de Moscova sexa desgastar ao exército ucraíno, colapsalo, e iso implica tempo. A esta altura a loita no eido militar semella que é o único que pode poñer fin ao conflito, xa que as posturas das partes, aínda a que vai perdendo, amosan unha inflexibilidade total, mesmo para recoñecer a situación na liña de fronte.
No caso concreto da UE e o mundo "anglo" todo indica que ademais hai outras razóns que alimentan unha actitude tan belixerante (especialmente por parte do RU, Francia, Alemaña, Polonia e países bálticos) no conflito coa Federación Rusa, todo reflicte que se está a utilizar como a escusa dun obxectivo que non responde as prioridades das clases populares. Polo que se usa o complexo industrial-militar como un recurso esencial para dar pulo á actividade económica (e ao mesmo tempo preservar algo do papel de metrópole con países da periferia que no seu día foron colonias destas antigas potencias). Daquela o apoio de 150 mil millóns (dentro dun proxecto de 800 mil millóns) para o complexo militar que acaba de aprobar a Comisión Europea, que se suman ás novas sancións contra Rusia, coa falsa escusa de que se pretende expandir a Europa occidental. Agora ben: o armamentismo fora dun impulso inicial, e un gasto que terá que saír dalgún lado (servizos e prestacións públicas, salarios...) non dinamiza a futuro a actividade económica e o emprego. En fin, a UE dá azos a un perigo cada vez máis forte, no económico e social, e no nuclear, cando a militarización prima no proxecto de desenvolvemento, guía a alternativa do modelo estratéxico. E isto esixe unha forte resposta alternativa, política e social.