Para a liberación o orgánico conta moito

Neste intre o BNG está nunha situación na que ten posibilidades de medrar e mesmo, se o PSOE vira algo á esquerda e ten unha maior compromiso co país na súa práctica, especialmente en urbes como Vigo, poder no futuro substituír ao PP na Xunta de Galiza. É verdade que aparentemente Feijóo está consolidado, mesmo seguro da súa maioría, mais vivimos en tempos moi complexos, nos que a pandemia, a desfeita ecolóxica e os cambios estruturais e políticos son moi rápidos. Un escenario distinto non é imposíbel en poucos anos. E para convertelo en realidade cómpre que a fronte non só alargue a base do nacionalismo senón que ademais sexa referencia daquelas clases populares que, malia que non se definen neste tema, necesitan de transformacións económicas e sociais que lle garantan un futuro mellor.

Esta ampliación debe vir, en primeiro lugar, de sectores do nacionalismo que hipotecaron anos de militancia, e o proxecto de liberación, crendo que Podemos e alternativas semellantes eran unha vía para avanzar nos dereitos nacionais e sociais. Porén o celeiro máis grande a gañar está na abstención. Unha boa parte da clase traballadora, aquela máis explotada, e da mocidade, a máis carente de futuro, abstense porque pensa que todos/as son iguais. E non é verdade. Hai que gañar a complicidade destes sectores que representan unha boa parte do electorado. Persoas que en moitos casos están afiliados/as á CIG, a maior forza organizada do país, ou que participan de mobilizacións nas que convoca ou se suma activamente o soberanismo. Protestas no ámbito laboral, barrial, en defensa do agro, contra a destrución do medio ambiente, polas reivindicacións estudantís, a prol da igualdade de xénero, etc.

Para acadar este cambio na correlación de forzas é fundamental non só o discurso da reclamación do momento e estar presente en todas as loitas, como fai sen dúbida o BNG, ademais cómpre que este compromiso cos problemas das clases populares sexan albiscados por estas como plenamente asumidos, tanto pola actitude e mensaxe das persoas que constitúen as referencias públicas, como pola representación e protagonismo nas estruturas de dirección. Todos estes aspectos conforman a imaxe que se grava na conciencia colectiva sobre a organización, sexa política, sindical ou social. Agora ben, hoxe a maioría das persoas que integran as direccións dos partidos son cargos ou representantes institucionais, e sectores moi amplos da sociedade, mesmo da que está organizada e se mobiliza, están sub-representados.

Cómpre que este compromiso cos problemas das clases populares sexan albiscados por estas como plenamente asumidos

Cómpre que o ámbito laboral, o agro e mundo rural en xeral, os barrios, o ecoloxismo, a cultura, etc. teñan peso propio abondo en todos os niveis da estrutura política para que estas cuestións, que son centrais para as clases populares, sexan vistas como estratéxicas e non dependan da conxuntura ou da formación teórica de quen opta por militar ou está “botando liña” dende a dirección. Tampouco chega para o cambio con sumarse ás mobilizacións. Cómpre tomar a iniciativa e compartir coas organizacións sociais convocatorias, pancartas, discurso, protagonismo. En poucas palabras, trátase de construír organización, de dar folgos ao activismo, de sementar liña política e folla de ruta, sen atalo todo aos réditos electorais inmediatos. Trátase de desenvolver unha política de alianzas para esta etapa que mude a correlación de forzas. Trátase de ter alternativas concretas para o momento, ilusionar e gañar a complicidade para as transformacións estruturais a medio prazo, e que os obxectivos estratéxicos vaian formando parte da conciencia política colectiva. Entre o concreto e o estratéxico hai, como no orgánico, como mínimo un paso intermedio. Aprendamos da historia, dos éxitos e derrotas do socialismo, dos procesos de liberación.

Para transformar no orgánico sempre hai que encetar pola cabeza, daquela a importancia de animar o debate, de aproveitar na dirección dos partidos, das frontes as distintas experiencias propias e doutras forzas. E as análises e propostas deben trasladarse e debaterse a todas as estruturas da organización, para que sexan asumidas colectivamente a través do razoamento de métodos democráticos. Valoracións do estratéxico e da conxuntura, das correccións tácticas, das políticas sectoriais, etc, deben debaterse en toda a estrutura da organización para socializar o debate e colectivizar a participación e protagonismo. Deste xeito a estrutura intermedia terá un peso e unha relación directa e constante coa dirección, porque é necesaria para dinamizar base militante, e dar folgos para que esta última se converta en parte da maquinaria do cambio e semente de dirixentes, con todo o que implica isto de recoñecemento, de dignificar e valorar o esforzo individual. A función dos medios de comunicación, tamén dos propios, que agora suplen en moitos casos as estruturas internas, debe ser complementar, de crear ambiente, de ampliar as loitas, as aprendizaxes, os obxectivos... Son básicos, esenciais, mais perden toda eficacia transformadora cando o papel das/dos cadros intermedios, dos/as activistas se esvae por un modelo napoleónico de estrutura, que afasta da participación aos/as activistas. A cabeza dun proxecto de cambio nunca pode depender dunha única persoa, por máis entrega e atributos que posúa. A cabeza debe ser exemplo do traballo colectivo, do proxecto común.

As análises e propostas deben trasladarse e debaterse a todas as estruturas da organización, para que sexan asumidas colectivamente

A liberación nacional e social é un proceso, non abonda coa vontade, aínda que sexa esencial, para logralo cómpre unha fronte ampla, a complicidade da inmensa maioría das persoas que necesitan un cambio inmediato, e que só se pode acadar cun proxecto con iniciativa e combatividade, de ruptura cun sistema que é consubstancial coa centralización territorial e concentración social do poder e riqueza. Nesta transformación radical axudan moito as referencias persoais na dirección, daquela a importancia da unidade na diversidade dos discursos, das formas e actitudes, das orixes, de multiplicar referencias... Todo conta.

https://obloguedemera.wordpress.com/