Laica ou libre

 

No ano 1958, hai seis décadas, a Unión Cívica Radical Intransixente gañou as eleccións na Arxentina, ficaba detrás unha etapa de represión, como consecuencia da asociación entre as clases dominantes, o exército e a igrexa contra o movemento nacional popular. Arturo Frondizi facía súa a teoría do “desarrollismo” que, sen cuestionar a dependencia, coidaba que era posíbel a transformación do país nunha potencia dadas as súas riquezas e o grao de industrialización acadado. Entendía que abondaba coa construción de infraestruturas, mellorar a educación, e atraer o investimento exterior. Procurando asemade un punto de encontro co “peronismo”, buscando curar as feridas da crúa represión do levantamento militar e a intervención dos sindicatos en 1955. 

 

O primeiro paso para dar entrada ao sector privado na Universidade Arxentina fora dado polo militar Arturo Lonardi no ano 1955, como presidente de facto, cando mediante o decreto lei 6403 no seu artigo 28 abriu a posibilidade ao sector privado de emitir títulos universitarios. Mais ficou pendente do desenvolvemento deste artigo que se puidera levar á práctica. Segundo Julio E. Nosiglia no libro El Desarrollismo (do Centro Editor de América Latina, Bos Aires), aínda que Frondizi levaba no seu programa o obxectivo de abrir o ensino universitario ao sector privado (ou sexa, no fundamental á igrexa católica), non era o momento para botar máis leña ao lume. Coida que as razóns para facelo perseguían retirar o foco de atención da privatización do sector petroleiro, que estaba a provocar grandes mobilizacións de contestación, e dividir os participantes das mesmas. 

 

A disputa sobre a privatización do sistema educativo converteuse axiña nun conflito social e político, entre a esquerda e o progresismo por un lado, e as clases altas e a dereita pola outra banda. O conflito deuse primeiro no ámbito universitario e despois no conxunto do sistema educativo. O momento máis álxido foi o debate no Parlamento, primeiro na Cámara de Deputados o 26 de setembro e no Senado no mes de outubro. Durante este período houbo mobilizacións, paros e actos de protesta que exixían a derrogación do artigo 28. O 19 de setembro na praza do Congreso convocados polos “partidos políticos, varias universidades estranxeiras e medio cento de sindicatos, (...) xuntaron 250.000 persoas” (El Desarrollismo). Foron numerosos os paros, por exemplo o 10 de outubro. 

 

A disputa sobre a privatización do sistema educativo converteuse axiña nun conflito social e político

 

A Cámara de Deputados votou pola derrogación do polémico artigo, mais no Senado a porcentaxe conseguida (102 contra 69) non era abondo para eliminar o artigo. Polo que o conflito seguiu aberto, durante os seguintes anos. Foi daquela, a principios do ano 1959, cando comecei a estudar na escola industrial nº4 “Cornelio Saavedra”. Logo duns días de clase, ía cumprir 13 anos, atopeime cun piquete que impedía entrar no centro, con consignas moi simples que confrontaban a “laicas” e “libres”. Por certo este centro educativo que estaba a uns dez quilómetros do meu barrio, e ao que chegaba mediante bus e tranvía, era para min un reto persoal. Non fixen caso do piquete, non tiña idea do que era a escola “laica” e o de “libre” non soaba mal, e entrei forzando a situación. Poñendo a lóxica da tarefa a cumprir por diante, como bo galego.

 

Despois de entrar, falei con algúns estudantes e souben que a folga era contra a aprobación dunha norma para que a “relixión fose unha asinatura máis” (tal como propuñan os “libres”, alcume co que se arroupaba a postura da igrexa). Penseino un chisco, doíame dar marcha atrás, recoñecer meu erro, mais decidín que incorporarme á protesta era meu deber. Naquel intre déronme voltas no miolo as conversas dos paisanos que se reunían na casa e falaban de como os cregos asoballaban na aldea, da falta de liberdade, das historias da guerra civil, do trato discriminatorio coa lingua. Os paisanos/as cos que tiñamos relación, que eran da terra de Celanova, dicían que había que ir á igrexa só catro veces na vida: no bautismo, confirmación, casamento e morte. Un comentario anexo. Na Arxentina, na escola primaria e secundaria dábase unha asinatura, que se chamaba “Educación democrática”, na que se estudaban os comportamentos éticos, así como os dereitos e as obrigas.

 

Os paisanos/as cos que tiñamos relación, que eran da terra de Celanova, dicían que había que ir á igrexa só catro veces na vida: no bautismo, confirmación, casamento e morte

 

Polo tanto, axunteime cos manifestantes, e participei por vez primeira dunha mobilización na rúa, que marcou o meu futuro: atrevinme. Non era só un inmigrante cauteloso e traballador. En realidade o debate non estaba centrado só no ensino da relixión, como xa se dixo, aínda que este era un dos eixos para a xerarquía católica, tal como o expresaron os alumnos que entraron ese día no industrial nº4. A cuestión de fondo era a privatización do ensino superior e o seu control pola igrexa, tanto en contidos como en influencia social e política. A medida foi para adiante. Ese ano recoñecíase a El Salvador, controlada polos xesuítas, como Universidade privada. Serían a punta de lanza.

 

“O fin da aventura de Frondizi deixaba á Arxentina nunha situación non demasiado diferente da que imperaba ao inicio. No económico tiñan fracasado tanto o plano desarrollista como a súa alternativa, o plano de estabilización. Non se produciu o despegue, nen se freou o proceso inflacionista, e produciuse unha aguda recesión” (Frondizi, Osvaldo Pradayrol, Historia de América, Centro Editor de América Latina, Bos Aires). O desarrollismo que se presentaba como un paso para a modernización, e un avance da calidade de vida, na práctica facilitou o control de sectores claves da economía polo capital estranxeiro, implicou un recuar dos salarios, e debilitou o papel esencial do ensino público. Forxouse unha alianza de facto cos artífices do golpe de 1955, aínda que houbese diverxencias nos métodos. Ambas fraccións, representantes do capital, temían a fortaleza do movemento obreiro arxentino, que as súas reclamacións e protestas superasen as cúpulas burocráticas, e que se consolidase a unidade obreiro-estudantil. 

 

https://obloguedemera.wordpress.com/