Fuco Gómez, independencia e confederación

Hai medio século, o 9 de xaneiro de 1972 morreu na Habana Fuco Gómez, un de tantos paisanos que atoparon na emigración a posibilidade de se formar, de acceder a novas ideas. Mais tamén de poñer eses coñecementos ao servizo de dignificar ao povo galego, esmagado polo ignorancia e atraso na que se mantiña a maioría do país, aldraxado dentro e fóra ao traveso de todo tipo de estereotipos e chanzas que se facían respecto da nosa xente, como consecuencia dun proceso de asoballamento e colonización secular.

Fuco naceu en 1895 e aos 18 anos marchou como polizón para Cuba. Alí, vencellouse á colonia galega, que era moi numerosa e activa.

Ademais de ter un compromiso coa colectividade era unha persoa con iniciativa, así o amosou como Presidente da Sociedade de Instrución de Becerreá, despois, en 1920, como conselleiro segundo na recen constituída Xuntanza Nacionalista Galega. Esta organización, a primeira do seu tipo en América, tiña un xornal que se chamaba “Nos”. En 1921 Fuco Gómez deu un paso máis e fundou o Comité Revoluzonario Arredista Galego (CRAG), un antecedente da “Pondal” de Bos Aires, coa que mantería relación e moitas coincidencias no proxecto para liberar a Patria asoballada.

Salientaría Fuco Gómez durante toda a súa vida activa na política, que se prolongou até o ano 1962, polos centos de publicacións, tanto de artigos como de libros (uns 50), o que reflicte a importancia que para el tiña a divulgación e todo o referente á formación da conciencia, do relato, e polo tanto da garantir un compromiso que fose para alén do concreto e conxuntural. Daquela que nos seus libros e artigos puxese un énfase especial na recuperación da identidade nacional de Galiza, e denunciase as aldraxes que sufrían os nosos paisanos polo único feito de ter unha lingua distinta e proceder do mundo rural, así como o caciquismo existente dentro da colectividade galega.

Esta análise da situación levouno a destacarse na súa primeira etapa por escribir artigos incendiarios e por organizar accións contundentes contra aquelas obras de teatro ou novelas de radio que ridiculizaban ao galego. Mais, sen dúbida, a contribución máis salientábel era a súa teorización respecto da problemática nacional galega e os aportes que propuña para a súa solución: unha Galiza independente. Unha nación ceibe que despois optaría por se confederar co resto das nacionalidades ibéricas. Polo tanto, trataríase dunha decisión soberana do povo galego para constituír unha unión de estados libres, que debería formar parte dunha confederación europea e universal. Era un internacionalista. Ademais, redactou un anteproxecto de Constitución para Galiza e escribiu as bases de principios para a unha Confederación das Repúblicas Ibéricas (coa incorporación de Portugal). Tamén foi un adiantado do seu tempo noutros aspectos esenciais, xa que denunciou a discriminación da muller, e dos negros en Cuba, e definíase como antimilitarista.

Fuco Gómez voltou a Galiza perante a Segunda República, e seica realizou diversas accións a prol da independencia, utilizando o CRAG como unha organización para tal fin (secreta). Sobre este período da súa vida dinos o investigador Xurxo Martínez no seu libro sobre o egrexio nacionalista: “Sabemos que sacaban manifestos e que intentaron proclamar a República Galega o 17 de Nadal do ano 1933, un ano despois de voltar a Galicia. Repartiron un manifesto en castelán para que todo o mundo entendera, titulado: “Por la independencia de Galicia”. Por ese manifesto, Fuco Gómez foi perseguido e tivo que marchar a Portugal, ata que por problemas de saúde retornou a Galicia onde foi apresado «por ir contra o sistema do goberno establecido», a República daquela. Unha vez liberado, participa, aínda que non se sabe ata que grao, na revolución asturiana de outubro de 1934”. Seguramente vendo que a situación non está aínda madura retorna a Cuba.

Unha vez na illa do caribe continuou publicando libros e loitando pola liberación nacional e social da Galiza, agora sometida dende xullo de 1936 a unha maior opresión por mor da cruel represión da ditadura franquista. Dende 1941 até 1960 publicouse a revista mensual “Patria Gallega” dirixida por Fuco, cun claro contido nacionalista.

O 19 da Agosto de 1998 colocouse en Ouselle, Becerreá, aldea natal de Fuco Gomez, unha praca de homenaxe, máis que merecida. Fuco é un de tantos/as patriotas descoñecidos ou silenciados, mesmo despois de mortos, porén que deberian seren lembrados polo moito que fixeron defensa e recuperación da nosa identidade nacional. O soberanismo galego, non se forxou só con figuras tan sobranceiras e coñecidas como Villar Ponte, Lugris, Castelao, Suárez Picallo, Viqueira ou Boveda, por nomear só algunhas, sempre foi e segue a ser un proxecto colectivo, inzado de persoas entregadas, con iniciativa e atrevemento no pensamento e/ou acción, que axiron sobre a realidade social e militaron pola súa transformación. Daquela que por sintese podense nomear só os máis sobranceiros, mais nunca deixar de salientar que foron milleiros de persoas as que o fixeron, e sempre poñendo o colectivo en primeiro plano.

https://obloguedemera.wordpress.com/