Opinión

Frigolouro (grupo Coren), a explotación ignorada

O pasado 17 de marzo comezou unha folga, acompañada de mobilizacións na rúa, dos operarios/as “autónomos” de Frigolouro en Porriño, que conta co apoio da central sindical CIG. É unha empresa líder da produción cárnica, de porcino, que forma parte do grupo COREN. Unha das compañías estratéxicas no sector, dirixida polo fillo de Franqueira. No ano 2013, facturou 130 millóns de euros.

O paro en Frigolouro ten como obxectivo acadar unhas condicións de traballo mínimas, que eviten o actual trato despótico propio dun réxime servil que se implantou na empresa. Unha breve fotografía. Na fábrica traballan 350 operarios/as no cadro de persoal, mentres outros 220 teñen unha relación mercantil como autónomos, contratados por Servicarne (un grupo catalán). Trátase dunha terceriarización do emprego (unha subcontrata). Estes falsos “autónomos” traballan de 6 a 9 horas ao día, normalmente entre as 6 da mañá e as 3 da tarde. Mais poden facer un día seis horas e outro nove ou máis, dependendo das “necesidades” da produción, e mesmo ter que traballar días festivos (ate 60 horas á semana). Segundo a xornada, cobran mensualmente de 600 a 900 euros líquidos, dos que teñen que descontar a cota da Seguridade Social para autónomos. Porén, o que máis lles preme son os insoportábeis ritmos de traballo. E, por se non abondase, cando non se cumpren as pautas que marca a dirección hai sancións económicas, que mesmo poden chegar aos 600 euros por mes. Debido a isto, hai meses nos que algúns traballan case gratis para a empresa. As preguntas son: onde está a Inspección de Traballo? Que fai a Xunta de Galiza diante da fraude legalizada dos falsos autónomos?

Dicíame unha compañeira de militancia sindical, que se acaba de incorporar á Executiva do BNG, e que estivo na porta da fábrica, o primeiro día da folga apoiando a protesta, que ficou abraiada polos rostros dos/das traballadores. Persoas mozas golpeadas pola crueza do esforzo, pola explotación sen límite, avellentadas. Tanto o BNG como EU-Son da localidade manifestaron o seu apoio aos operarios/as en paro.

O paro en Frigolouro ten como obxectivo acadar unhas condicións de traballo mínimas, que eviten o actual trato despótico propio dun réxime servil que se implantou na empresa

Un comentario ao respecto da transcendencia do apoio político ás loitas obreiras. Resulta evidente que a militancia do BNG ten un protagonismo importante e combativo no sindicalismo, e que esta forza nacionalista apoia activamente as mobilizacións e reivindicacións dos asalariados/as. Polo que resulta chocante que na mensaxe xeral, dos/das referentes da fronte, as condicións laborais e as propostas para garantir un traballo digno estean relegadas a un papel secundario, e as veces mesmo se ignoren. Non é unha cuestión intranscendente; o traballo asalariado é central na vida das persoas, xa que un 83% da poboación ocupada ten relacións de dependencia. Todas as enquisas amosan que este é unha problemática prioritaria. Asemade, todo o relativo á cuestión laboral define o modelo social do proxecto político, dado quen ten unha relación directa co sistema económico, e co poder.

Neste escenario, compréndese que as principais reivindicacións dos traballadores/as apoiados pola CIG sexan as seguintes:

-Establecer un horario de traballo de oito horas.

-Salario mínimo fixo, tomando como referencia o convenio de industrias cárnicas.

-Ritmos de traballo semellantes aos que rexían para o persoal de Frigolouro.

-Calendario de vacacións pagadas e gozadas.

-Cobro da media hora de descanso.

-Fixar prezo da hora extra a partir das oito horas de traballo, incluídos sábados, domingos e festivos.

-Fixar a prestación en caso de baixa por enfermidade ou accidente de traballo.

-Licencias retribuídas que figuran no convenio de cárnicas.

-Rotación nos postos para combater a fatiga do traballo e evitar así accidentes e enfermidades laborais.

-Colocación do reloxo de velocidade nun sitio visíbel da sala para comprobar o ritmo de traballo.

-Eliminación das multas económicas por sanción.

Todo o relativo á cuestión laboral define o modelo social do proxecto político, dado quen ten unha relación directa co sistema económico, e co poder

Asemade, non se pode ignorar que, en 2010, Núñez Feijóo afirmaba que lle gustaría ser como Gómez Franqueira e reivindicaba o “galleguismo” de Franqueira. Anos máis tarde, no 2013, entregoulle o premio á mellor empresa familiar galega aproveitando a súa presenza ante os representantes dese colectivo patronal para eloxiar este tipo de negocio que, segundo dixo aos medios, “soportaron "mellor" a crise que outro tipo de empresas pola súa proximidade á "economía real", e para reivindicar as medidas do Goberno galego neste ámbito” -. Mais, nesta “compañía modelo”, segundo o Presidente da Xunta, optimízanse os lucros da patronal por medio da sobre-explotación.

Hai agora un ano, os xornais salientaban que “A cooperativa agroalimentaria ourensá Coren quere ampliar a súa liña de I + D para conseguir novos produtos e poder chegar a máis mercados, sobre todo internacionais. Por esa razón, e en colaboración coa Xunta de Galicia, investirá nos próximos meses 24 millóns de euros -dos cales o 26 % procederán de fondos públicos- para desenvolver sete proxectos considerados «estratéxicos» que se poñerán en marcha a través do Centro Tecnolóxico da Carne”. Choca que se podan dar cartos públicos a unha compañía que chega a tal grao de explotación da clase traballadora. Non abonda con ser unha empresa con raíces e intereses ligados a Galiza, se este aspecto positivo se utiliza coa finalidade perversa de acadar fondos públicos e ignorar os dereitos laborais mínimos. A única saída é que o que xurdiu como unha cooperativa volva selo na realidade, ou que a Xunta se faga co control do grupo garantindo o carácter social e estratéxico do mesmo.

Non abonda con ser unha empresa con raíces e intereses ligados a Galiza, se este aspecto positivo se utiliza coa finalidade perversa de acadar fondos públicos e ignorar os dereitos laborais mínimos

Hai quen prefire ignorar que moitas veces o éxito económico se constrúe sobre a explotación máis brutal. Dirase mesmo que é parte da realidade actual, das regras de xogo do capitalismo, que non hai outro remedio para competir e salvar os postos de traballo, xa que somos un país periférico. Mais esquecen, intencionadamente, que os modelos sustentados no sacrificio da clase obreira non permitiron desenvolver a economía nin gañar emprego; só salvar e aumentar os beneficios da patronal e os grandes salarios dos directivos. A cuestión é repartir máis e mellor traballo e riqueza, en economías autocentradas e sustentábeis.

http://manuelmera.blogaliza.org/