Opinión

Falsos autónomos. A loita dá resultado

Chama a atención que un logro tan importante, como é que Coren se vise obrigada a incorporar como persoal propio a máis dun milleiro de falsos autónomos, fose recollido como unha nova secundaria nos medios ou un feito ignorado. E resulta moito máis grave cando isto tamén sucede naqueles medios que se definen como alternativos. O que amosa canto e como condiciona a hexemonía do capital a formación da conciencia colectiva, da actitude critica.

A central nacionalista viña denunciando esta privación de dereitos laborais dende o ano 2016

 

O triunfo sindical ao que fago mención acadouse fundamentalmente grazas á loita dos traballadores e traballadoras, co apoio decidido da CIG. A incorporación á empresa produciuse como consecuencia de que a Tesourería da Seguridade Social obrigase á dirección a dar de alta no grupo a estes falsos autónomos, xa que realizaban para este a xornada laboral en exclusiva (Coren, Frigolouro, Novafrigsa, etc.). A central nacionalista viña denunciando esta privación de dereitos laborais dende o ano 2016 diante da Inspección de Traballo e dos xulgados, e especialmente realizando manifestacións e folgas (lembremos o paro de marzo de 2016 en Frigolouro convocado pola CIG). Protestas que non foron apoiadas polas outras centrais sindicais presentes na empresa, xa que seica “non era ese o camiño”, e todo o supeditaban ás denuncias, ao ámbito institucional. A empresa nunca atendeu os requirimentos. Agora ben, era demasiado evidente que Servicarne tratábase dunha falsa cooperativa. Hai tempo que o Governo debería ter obrigado ás empresas que se aproveitaban destes subterfuxios, para restar dereitos, a dar de alta a estes falsos cooperativistas no Réxime Xeral da Seguridade Social. Mais non o fixo.

A persistencia da loita conseguiu que por fin este ano a Inspección de Traballo dese por validos os argumentos do colectivo e das centrais sindicais. Diante desta situación Coren e outras empresas intentaron que se paralizase o oficio que obrigaba, a aquelas que estaban a usar Servicarne, a incorporar aos/as falsos autónomos ao cadro de persoal. Ao fracasar esta táctica Coren deu de alta aos falsos cooperativistas-autónomos. Como aclarou a secretaria nacional da FGAMT-CIG, Dores Martínez, na rolda de prensa que a CIG fixo en Ourense o 31 de xullo: “O anuncio feito onte polo grupo Coren non foi parte de ningún trato de favor cara estes/as empregados/as, senón que a empresa viuse forzada a facelo”1. A noticia da incorporación apareceu un día antes nos medios mediante un anuncio pagado por Coren, que así buscaba converter a derrota da utilización dos falsos autónomos, como parte da súa estratexia de beneficios, en propaganda para a marca diante do público non informado sobre o tema. Táctica coa que colaboraron a maioría dos medios.

“todo se consigue loitando”, como destacou un dos traballadores de Servicarne

 

Coido de interese salientar, desta rolda de prensa realizada pola CIG, dous aspectos. O primeiro: que “todo se consigue loitando”, como destacou un dos traballadores de Servicarne; lembraron ademais os despedimentos que realizou a empresa como represión contra as reivindicacións do colectivo; e esixiron que esta poñá fin á persecución sindical daquelas persoas que se identifican coa CIG. Segundo: destacaron que a partir de agora teñen que seguir avanzando na regularización do persoal incorporado a través da loita; conseguindo regularizar a xornada, fixar horarios e traballo e os días de descanso semanais, aplicar o convenio colectivo en todos os seus termos, cumprir a lei de riscos laborais, etc. Ou sexa, que a loita contra a explotación non rematou.

Días despois, 3 de agosto, Pedro Sánchez anunciou, que o Governo central vai tomar medidas para que agromen este ano 40.000 falsos autónomos no Estado español. Esta decisión sen dúbida terá, contra toda lóxica, moita máis repercusión nos medios, mesmo os galegos, que a alta de máis de mil autónomos/as en Coren. A praxe dinos que o anuncio está ligado ao acontecido na Galiza, e que vai por detrás de anos de loita da clase traballadora, co apoio da CIG. Mesmo así, hai que valorar a decisión como unha iniciativa positiva. Fará o propio o Governo respecto da derrogación das reformas laborais impostas polo PSOE e PP, e a lei mordaza, que tanto axudaron a degradar as relacións laborais e as condicións de traballo, ou seguirase con declaracións ambiguas e adiando a solución destes temas?

En calquera caso, ademais de confrontar coa degradación das condicións laborais tradicionais (temporalidade, contratos aprendizaxe, falsos autónomos/as, traballo en negro, etc.) non se pode obviar, como unha tendencia en crecemento, a uberización das relacións de traballo, do que o conflito dos taxis non é mais que a punta do iceberg. O capitalismo está na súa etapa senil, mais, non por iso perderá creatividade para explotar á clase traballadora e oprimir os povos dependentes. Máxime, considerando o grao de concentración e centralización das tecnoloxías da comunicación, e das empresas relacionadas con estas.

1 http://www.cig.gal/nova/as-denuncias-da-cig-obrigan-a-coren-a-incorporar-ao-seu-cadro-de-persoal-a-mais-dun-milleiro-de-falsos-as-autonomos.html