Opinión

Día da Clase Obreira Galega, consecuencias e ensinanzas dunha loita

Os acontecementos que se desenvolveron hai 43 anos, o 10 de Marzo na cidade de Ferrol,  significaron un salto cualitativo da clase traballadora galega na loita a prol da democracia e dunhas condicións laborais dignas, no marco dunha ditadura que negaba os dereitos máis esenciais.

Os acontecementos que se desenvolveron hai 43 anos, o 10 de Marzo na cidade de Ferrol,  significaron un salto cualitativo da clase traballadora galega na loita a prol da democracia e dunhas condicións laborais dignas, no marco dunha ditadura que negaba os dereitos máis esenciais. Os traballadores levaban tempo mobilizándose a prol dun convenio de empresa, xa que estaban en desacordo coas disposicións negociadas no convenio interprovincial e coa representación sindical que o asinou. Por iso, o día 9 concentráronse diante do estaleiro esixindo un convenio provincial (de factoría), a readmisión dos despedidos durante as mobilizacións de protesta, o dereito a realizar asembleas, e un adianto económico mentres durase a negociación. A contestación da empresa foi autoritaria: o peche patronal do estaleiro e o desaloxo dos traballadores utilizando os “grises” (policía armada).

"Á altura das Casas Baratas, sesenta “grises” cortáronlles o paso coa intención de dispersalos. Houbo disparos da policía, os manifestantes guindan pedras e recúan, e máis disparos dos “grises”,..."

Ao día seguinte, os operarios concentráronse diante da Bazán coa finalidade de conseguir a reapertura. Porén, como as portas estaban pechadas, uns catro mil operarios dirixíronse á entrada da cidade, co obxectivo de sumar á protesta tanto os traballadores da construción de Caranza como os de Astano, en Fene, que se esperaba fixesen o propio despois de atravesar a ponte das Pías. Mais, á altura das Casas Baratas, sesenta “grises” cortáronlles o paso coa intención de dispersalos. Houbo disparos da policía, os manifestantes guindan pedras e recúan, e máis disparos dos “grises”,... caen mortos Daniel Niebla e Amador Rey, e outros vinte e oito operarios son feridos de bala. A policía sobe aos coches e marcha do lugar, e os manifestantes aproveitan a situación pra axudaren aos compañeiros feridos e trasladalos ao hospital.

Como consecuencia do enfrontamento, as forzas de seguridade ocupan a cidade, despois de recibir reforzos, declarándose o estado de excepción no Ferrol. Ese mesmo día, o cruceiro Canarias preparouse para “protexer” os estaleiros, e outro buque da Armada estaba disposto a voar a ponte de aceso á cidade. A Bazán ficará pechada por dez días e despois será militarizada.

A nova sobre a dura represión, os mortos e feridos, estendeuse axiña pola comarca, e as empresas comezan a parar. Unha solidariedade que se alarga axiña a toda Galiza. En Vigo, ese mesmo día Vulcano e Barreras van á folga, e nos días seguintes outras empresas da cidade seguen o seu exemplo; o 15 de marzo faise unha masiva concentración na Porta do Sol. Tamén se realizaron protestas e paros de importancia en empresas de A Coruña e na Universidade de Compostela.

"O réxime contestou á mobilización obreira do único que xeito que sabía e quería facer, cun aumento das medidas represivas, tanto policiais como laborais". 

O réxime contestou á mobilización obreira do único que xeito que sabía e quería facer, cun aumento das medidas represivas, tanto policiais como laborais. Segundo fontes oficiais, na comarca de Ferrol son detidas 169 persoas, 130 operarios serán sancionados coa perda de emprego, 45 son xulgados por asociación ilícita, e unhas 200 persoas pasaron á clandestinidade. Outros informes aumentan a 160 os despedidos na Bazán e cen máis noutras empresas da bisbarra.

Estes foron, en resumo, os dramáticos feitos do dez de marzo de 1972, que precederon unha loita dunha gran dimensión na comarca de Vigo, cunha folga que se estende durante dúas semanas, e chegou a abranguer 28.000 obreiros/as da industria e construción, así como ao estudantado. A confrontación de marzo e setembro de 1972 da clase obreira galega contra a ditadura tivo consecuencias políticas e sociais de moita transcendencia. Porén, deixou sobre todo ensinanzas políticas que coido convén lembrar, xa que lle dan un significado especial á data, para alén do heroísmo que demostraron os traballadores da Bazán. A saber:

a) O sistema foi incapaz de xestionar o conflito coa eficacia anterior, xa que a utilización exclusiva da represión non respondía á situación económica e social do momento. Había sectores da burguesía que procuraban rachar coas limitacións políticas para expandir os seus negocios no exterior, e aumentar a taxa de beneficios, e o movemento obreiro tiña un maior peso e quería gañar  participación na riqueza producida, nun período no que a mellora da situación económica era evidente. A tendencia represiva do réxime xa non contaba co mesmo favor dos sectores conservadores da povoación e da igrexa, e o contexto internacional era máis favorábel aos procesos de liberación, democratización e a un maior protagonismo das clases populares.

"A escisión de CC.OO. e das mocidades do PC na Galiza, especialmente en Vigo, dando orixe a Organización Obreira e a OM-LG, foi o resultado das das diverxentes caracterizacións do franquismo". 

b) O conflito acelerou o proceso de converxencia, especialmente na mocidade, entre aqueles sectores que accedían á loita contra a ditadura dende o ámbito do nacionalismo, moi ligados á reivindicación identitaria e ao aspecto cultural, e aqueles que diverxían do xiro á dereita do Partido Comunista, tanto polo que implicaba o Pacto pola Liberdade, como por non ter en consideración na súa práctica cotiá os dereitos nacionais de Galiza. A escisión de CC.OO. e das mocidades do PC na Galiza, especialmente en Vigo, dando orixe a Organización Obreira e a OM-LG, foi o resultado das das diverxentes caracterizacións do franquismo. A participación da UPG na loita de Castrelo de Miño, e especialmente a ligazón de Moncho Reboiras e Galicia Socialista coas folgas de 1972 en Vigo, foron sinónimo tanto do contido popular do nacionalismo galego como dunha progresiva evolución na que, xa nesa altura, considerábase a clase obreira como o cerne do proceso de liberación nacional, en alianza cun campesiñado que seguía a ser numericamente maioritario. Tamén formou parte deste proceso o que eiquí escribe, xa que retornei a Galiza como consecuencia das folgas de 1972, coa finalidade de me incorporar á loita a prol da liberación na organización do movemento obreiro. Aínda que ao chegar, a finais de outubro  dese ano, a UPG fixoume como primeira tarefa reorganizar o movemento estudantil, o que daría orixe a ERGA.

c) A dura represión contra os cadros obreiros, especialmente en Ferrol e Vigo, deixaron durante un tempo un baleiro político que o nacionalismo foi quen de aproveitar acaidamente. Foi así porque, malia ser a UPG un partido con moi poucos militantes e mínima incidencia no mundo do traballo, dotouse de ferramentas de análise da realidade axeitadas (o marxismo-leninismo). Foi así, porque organizou o partido en células, deulle un papel determinante á propaganda e á axitación e, moi especialmente, planificou e executou con teimosía o traballo militante no ámbito social, ligando as reivindicacións inmediatas co obxectivo estratéxico. Non foi polo tanto unha casualidade. Non abondou con ligar o nacional e o social, nen coa vontade militante, nen con ter un bo aparello de axitación. O rápido avance do nacionalismo durante eses anos, mesmo superando forzas que, como o PC, eran totalmente hexemónicas no movemento obreiro, foi resultado da suma de todos estes factores, internos e externos. Claro que nunca se pode aproveitar a conxuntura se non se ten a ferramenta acaída, e é sobre esta que temos maior capacidade para dotala da máxima eficacia.

"O rápido avance do nacionalismo durante eses anos, mesmo superando forzas que, como o PC, eran totalmente hexemónicas no movemento obreiro, foi resultado da suma de todos estes factores, internos e externos".

Coido que para entender a conxuntura, pode ser útil que lembre algúns aspectos da miña experiencia persoal naquel intre como militante da UPG. Despois da consolidación da base de ERGA e coa fundación da Fronte Obreira da UPG, o partido encomendoume a tarefa de centrar o meu traballo político na clase obreira, algo que por certo agradecín xa que este era meu obxectivo dende a chegada ao país. En maio de 1973, comecei a traballar como electricista na Watt no estaleiro da Bazán, na construción do barco Paloma del mar, e posteriormente en Astano, na construción do superpetroleiro Butron. Durante este período participei en catro ou cinco reunións con obreiros da comarca, coa finalidade de incorporalos á Fronte Obreira. Moitos deles militantes de CC.OO., mais totalmente desorganizados dende a dura represión de marzo de 1972. Algunhas destas xuntanzas foron posíbeis grazas aos contactos que tiña Zalo, un militante de ERGA do concello de Neda. Debo aclarar que daquela, o meu nome como militante clandestino era Ramón.

Posteriormente, no mes de Agosto, trasladeime á Coruña, para traballar en Emesa, facendo reunións cunha célula de simpatizantes do MC, que se incorporou á Fronte Obreira da UPG, e coa que me puxo en contacto Xosé Paz (o brasileiro). A incorporación destes militantes permitiu chegar a outros traballadores/as na bisbarra. Neste período foi cando vivín un tempo con Moncho Reboiras e Manolo “de Remesar” nunha casoupa por detrás do cárcere, o que facilitou que tivésemos extensas conversas políticas. En outubro volvín me trasladar, agora a Compostela, traballando na Finsa, sempre como electricista, onde me adiquei a gañar militantes e simpatizantes, especialmente na empresa (na que, mesmo fixemos un paro).

"Todos/as nós estabamos totalmente dedicados, sen importar os sacrificios, á loita pola liberación nacional e social de Galiza". 

Detívenme un anaquiño no biográfico, porque neste aspecto, a historia de Reboiras e outros militantes da UPG naquel intre non é moi diferente. Todos/as nós estabamos totalmente dedicados, sen importar os sacrificios, á loita pola liberación nacional e social de Galiza. Tamén hai que destacar que ERGA cumpriu un importante papel de apoio e nexo co mundo obreiro e labrego. Non só distribuíndo propaganda e facendo pintadas, senón ademais pasando contactos, e mesmo nalgún caso participando en accións reivindicativas. Ese foi o caso de Bernardino que, traballando durante as vacacións nunha obra (outros ían a Alemaña ou Suíza nas vacacións), parou xunto cos compañeiros, pedindo mellores condicións laborais na formigoneira.

Non é casual polo tanto, que o dez de marzo, Día da Clase Obreira Galega, sexa reivindicado especialmente polo nacionalismo galego, alén de que os protagonistas directos tivesen outra filiación daquela, xa que as loitas dese ano confrontaron coa ditadura, fixeron medrar a conciencia de clase e nacional e deron alento ao agromar do sindicalismo nacionalista, porque foi o único que deu resposta a esas inquedanzas. No meu caso, as loitas de marzo fixeron que Luís Soto me enviase unha carta na que me pedía que estivese preparado para o retorno xa que estaban a pasar cousas importantes. Eu, non o vin así nun principio, comparando coa situación na Arxentina. Mais a folga de setembro en Vigo significou un pulo cualitativo. Un paro tan longo, tan masivo, eran palabras maiores, amosaban un estado de ánimo moi combativo na clase obreira. Un mes despois, desembarcaba eu no porto de Vigo. Dalgún xeito, malia vivir a 12.000 quilómetros, 1972 tamén marcou a miña vida.

http://manuelmera.blogaliza.org/