Bolivia, pulo cualitativo (e retos no inmediato)

Os resultados electorais de Bolivia son moi positivos para as forzas progresistas no mundo, porén moi especialmente na América Latina tendo en consideración a tendencia regresiva da última década, onde o triunfo de López Obrador en Mexico e de Alberto Fernández na Arxentina foron unha excepción. Todas as enquisas previas daban ao MAS como a forza máis votada en primeira volta, ao mesmo tempo que indicaban que os partidos de dereita que estaban a governar o pais, dende o golpe de estado de 2019, conseguirían a maioría en segunda volta. Non foi así, o MAS mesmo superou os resultados das últimas eleccións atinxindo un 55% dos votos. O que pon en primeiro plano debullar as razóns polas que se acadaron uns resultados que implican un salto cualitativo e cuantitativo, vexamos:

A) Ante todo, resulta evidente que o MAS, que é unha fronte moi ampla de forzas sociais, sindicais e políticas, malia as súas diferenzas internas que en todo momento intentou explotar a dereita, foi quen de manter a unidade, como principal mecanismo para lograr a supervivencia do proxecto. E nisto axudou a comprobación na práctica, dado a violencia dos golpistas, que estaban en xogo os dereitos democráticos máis básicos, tamén os persoais, xa que os partidos da dereita estaban dispostos a utilizar todo tipo de métodos, dende a mentira a até a represión, para excluír ás forzas de esquerda, aos indíxenas, e outras camadas populares. Unha resposta pendente é: até que punto tamén incidiu na mobilización electoral e nos resultados (un 88% de votantes) a mala e clasista xestión da pandemia do covid-19 por parte do governo golpista de Jeanine Áñez?... O venres había máis de 140 mil contaxiados e 8.500 persoas mortas, nun país de 10 millóns de habitantes. Todo parece indicar que a pandemia terá efecto, tanto no plano económico como no comportamento social, en todo o mundo.

Os partidos da dereita estaban dispostos a utilizar todo tipo de métodos, dende a mentira a até a represión, para excluír ás forzas de esquerda, aos indíxenas, e outras camadas populares

B) Tamén ficou acreditado neste proceso que o MAS é unha organización cunha enorme penetración na sociedade, moi especialmente no movemento indíxena e na clase traballadora, e que segue a contar con sectores das clases medias progresistas. Unha incidencia que non minguou malia dura represión, as detencións, as persoas mortas, feridas e perseguidas, durante o golpe e posteriormente. E isto só foi posíbel porque os anos de governo de Evo Morales, malia os erros que puidese cometer, deixaron unha pegada de progreso que beneficiou a amplos sectores sociais. E, respecto dos indíxenas unha recuperación da dignidade como povo, secuestrada dende a época da conquista e colonización española. E neste aspecto, durante a vixencia do golpe, tiveron un papel importante aqueles que desde o exterior, como Evo Morales, mantiveron acesa a denuncia e a esixencia da volta á lexitimidade constitucional. E moi especialmente aqueles cargos institucionais, dirixentes e militantes do MAS que dende o interior forzaron esta situación sen abandonar o traballo político, mantendo activa a mobilización popular. Son o activo fundamental a destacar.

C) Malia a complicidade do exército, medios, grandes propietarios, amplos sectores das clases medias, e partidos da dereita, así como da presión dos Estados Unidos e de moitos dos governos de dereita de América Latina, comezando por Brasil, ficou patente que existe na sociedade boliviana un alto grao de conciencia política, daquela ques e aproveitase tan ben o momento oportuno para cambiar a correlación de forzas. E iso amosa o nivel de asunción da folla de ruta decidida polo MAS, e que o resultado non dependía tanto de figuras como de proxecto. Aspectos esenciais, máxime tendo en conta co contexto empurraba ao derrotismo, ou ao aventurerismo como resposta á represión e ás provocacións. O MAS soubo combinar axeitadamente a barricada institucional, a mobilización social, a mensaxe e a ligazón coas clases populares, aproveitando así ao máximo as potencialidades do movemento e as debilidades dos golpistas.

Existe na sociedade boliviana un alto grao de conciencia política, daquela ques e aproveitase tan ben o momento oportuno para cambiar a correlación de forzas

D) Asemade, o triunfo do MAS implica un cambio de tendencia a medio prazo na América Latina dunha maior dimensión que o peso demográfico e económico que ten o país na rexión. Un cambio que non se pode obviar nen sub-valorar. Racha co illamento da Arxentina, alenta as masivas protestas sociais que existen en Chile, Perú, Ecuador, Colombia... E sobre todo, ofrece un camiño para avanzar nas transformacións sociais, unha vía que parecía morta a medida que os governos progresistas foron perdendo eleccións e desapareceron as alternativas armadas revolucionarias, por diferentes razóns e de distinta maneira. Semellaba que todas as vías estaban mortas, mesmo a electoral. E neste aspecto amosase como unha cuestión fundamental a loita das ideas na formación do imaxinario colectivo para dar pulo á construción do cambio, que neste caso expresouse a través participación electoral; evidentemente nun contexto xeográfico e histórico determinado.

Agora ben, mesmo destacando como o aspecto principal os efectos positivos dos resultados destas eleccións, e da loita contra a ditadura golpista en Bolivia, non se pode obviar que seguen presentes atrancos que Luís Arce terá que superar, para poder avanzar no seu programa económico e social e normalizar a loita política. A violencia ideolóxica, e inxerencia do exército e policía, a conflitividade racista e de clase, a división moi parella do voto urbano, e que a dereita estrema (Creemos) sexa o partido máis votado en Santa Cruz (un 45%), son expresión do conflito de clases, da pluralidade nacional boliviana, e de situacións marxinalidade non solucionadas, como a indíxena, herdeira da colonización española e do carácter dos procesos de independencia. Non son cuestións menores. Lembrar que a provincia de Santa Cruz é a economicamente máis forte (gas, petróleo, soia, gandería...) e nela está situada a cidade máis grande do país, que axe como un contra-poder, e na que existe un forte movemento independentista, e con organizacións sociais de dereita que exercen de “forza de choque” como os “Comités Cívicos”.

Por outra banda cómpre ter en consideración que a recuperación do PIB, afectado pola crise legada á pandemia e a mala xestión do Áñez, levará seu tempo, e dependerá en boa medida da evolución da economía rexional e mundial, aínda que a xestión do MAS foi un exemplo neste aspecto, mesmo en anos difíciles. En resumo, os resultados destas eleccións, malia o corsé imposto polos golpistas, foron un triunfo para a democracia popular, con moitos atrancos por diante, como sempre sucede cos cambios políticos que queren conquistar transformacións sistémicas.

https://obloguedemera.wordpress.com/