O atrevemento e coherencia dá resultados

Todo indica que estamos no limiar dunha nova vaga de fortes protestas e mobilizacións da clase traballadora galega, non só en resposta á morea de despedimentos masivos e falta de carga de traballo no sector industrial, que se iniciaron hai tempo (Alcoa, Xeal, Endesa, Theneisie, Navantia, Barreras, Vulcano, etc...), senón como consecuencia das que se sumaron nos últimos meses na industria e servizos e contra o deterioro nas condicións laborais no marco da negociación colectiva. Un exemplo deste salto adiante son as folgas da Mariña Luguesa e da bisbarra de Ferrol e a masiva participación nas manifestacións do Primeiro de Maio da CIG, tendo en consideración as limitacións que impón o covid-19, así como as modificacións que a pandemia causou nos hábitos e na mobilidade social.

Agora ben, malia os atrancos comentados, non se pode obviar que mesmo perante os momentos máis duros da pandemia mantívose a protesta contra os peches, reducións de cadro de persoal, ou agresións aos dereitos da clase traballadora, aínda que estivesen reducidas os/as operarios máis directamente afectados e sectores de vangarda. Este aspecto ten súa importancia porque garantiron a continuidade da acción reivindicativa, permitindo que agora a recuperación plena da mobilización sexa máis doada e rápida. No fundamental, a dirección da CIG e a súa afiliación máis activa tivo un papel moi importante neste aspecto ao facer unha valoración do proceso correcta, para alén de que houbese algunha proposta e actitude trabucada ou rutineira.

A dirección da CIG e a súa afiliación máis activa tivo un papel moi importante neste aspecto ao facer unha valoración do proceso correcta

En relación con estas respostas contundentes na negociación colectiva podemos destacar a dos convenios do metal da provincia de Pontevedra e da limpeza na da Coruña. No primeiro caso o convenio foi pactado coa patronal por CCOO e UGT, ignorando a realización dunha asemblea do sector. Renunciaban a unha conquista tan importante para os traballadores/as eventuais como era o pago mensual anticipado da parte correspondente a indemnización por finalización de contrato. Isto evitaba que en moitas ocasións non se pagase, por múltiples razóns, dende a desaparición da empresa até a presión patronal utilizando como chantaxe a realización dunha nova contratación no futuro. Esta foi a razón fundamental polo que a CIG non o asinou, e pola que convocou numerosas accións e unha folga de media xornada o pasado 12 de maio, que tivo un importante seguimento.

Xulio Fernández, secretario comarcal da CIG-Industria en Vigo, valoraba así as razóns do paro: “o acordo causa precariedade nas condicións que até agora tiñamos, bótanse por terra xornadas históricas de quince días de loita e de mobilización. Coa sinatura do convenio aos compañeiros eventuais quítanselle 90 euros de media de salario e volveran a ser chantaxeados ao fin do contrato". A central nacionalista valoraba o paro como total no naval e dun 60% no resto do sector do metal. Pola súa banda o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, presente na folga e manifestación, fixaba a folla de ruta a seguir pola central sindical neste tema e en casos semellantes: “Para nós é imperdoábel, e así o faremos saber a diario até que cheguemos ao seguinte convenio e logremos botalo abaixo”. Lembrou que, despois de que o PP e o PSOE aprobasen as reformas laborais, a CIG está a facer o imposíbel en cada centro de traballo para impedir a aplicación desas políticas lesivas para os intereses da clase traballadora. “Pois esa mesma receita é a que lle imos aplicar a CCOO e UGT a partir de agora”.

Esta folga e estas mobilizacións na limpeza da provincia da Coruña son as primeiras que protagoniza o sector en 30 anos, teñen un valor histórico

Ao mesmo tempo, a pasada semana realizouse un paro do sector da limpeza, da provincia de A Coruña, de tres días. O representante da CIG e portavoz do comité de folga, Paulo Rubido, o mércores ao remate da manifestación realizada en Compostela, na que participaron centos de traballadoras/es convocados polas centrais CIG, CCOO, UGT e FeSMC, sinalaba: “esta folga e estas mobilizacións na limpeza da provincia da Coruña son as primeiras que protagoniza o sector en 30 anos, teñen un valor histórico, polo que significa dicir que existimos, que o sector da limpeza existe”. Poñía o acento en que sas persoas que realizan este traballo son mulleres e homes con contratos a tempo parcial e cunhas condicións precarias. A patronal propón un aumento salarial do 0% para o ano 2020 e 2021, e a renuncia a xubilación parcial e ao incremento de xornada. Rubido lembraba que teñen presentado un conflito colectivo para pedir o cobro íntegro do plus de transporte aínda que se traballe a tempo parcial. E destacou que: “se non hai un cambio na actitude da patronal, as centrais sindicais continuarán convocando mobilizacións e accións de protesta até que se recoñezan os dereitos das traballadoras e traballadores do sector”.

A estas masivas mobilizacións podemos unir moitas outras en toda a nación galega, como Veolia auxiliar de Inditex, H&M, Cándido Hermida, etc. Ou sexa, neste intre a resposta sindical conta cun amplo respaldo dunha clase traballadora mobilizada, malia a pandemia e exista ou non unidade sindical. Evidentemente este salto cualitativo, no estado de animo da clase traballadora, debese a que nos últimos anos, e moi especialmente perante os momentos máis duros da pandemia, a CIG mantivo a iniciativa sindical, en coherencia coa loita a prol da xustiza social e a soberanía nacional. Os procesos históricos, tamén a mobilización, non son unha liña recta, dependen de factores externos e internos, do contexto xeral e da situación nacional, sectorial, local, porén é esencial manter en todo momento a máxima iniciativa e participación. Para recoller hai que sementar. Os vindeiros meses serán decisivos para manter e mesmo ampliar esta tendencia ascendente da mobilización e protagonismo da clase traballadora, co que iso implica de positivo no ámbito laboral máis tamén no político-institucional.

https://obloguedemera.wordpress.com/