Opinión

Reconstruír o nacionalismo e construír a nación

Talvez desde 1846 non houbo unha soa xeración de persoas preocupadas polo destino de Galiza que non tivera unha dupla tarefa: reconstruír o movemento político en defensa do país e construír a nación. Dependendo de cada circunstancia histórica, de cada momento político, o esforzo centrouse nun ou noutro labor. Mais houbo unha etapa moi brillante na que as dúas tarefas (reconstruír o nacionalismo e construír a nación) ocuparon por igual as enerxías do nacionalismo. Foi durante a II República. Aquela xente que viña das Irmandades da Fala tiña moi claro que había que dotar ao nacionalismo dun partido político que recollese e representase todo o galeguismo e o nacionalismo que estaba disperso pola xeografía galega. E foi así como naceu o Partido Galeguista en decembro de 1931. E sabían tamén que había que dotar a Galiza dun estatuto de seu, e aí está o anteproxecto de Estatuto que redactan ese mesmo ano Lois Tobío e Ricardo Carvalho Calero e posteriormente o Estatuto de Autonomía finalmente aprobado, xa dentro do marco da Constitución española de 1931, no que colabora principalmente Alexandre Bóveda, coa implicación de todo o PG como motor dese proceso estatutario.

Posibelmente aínda hoxe non aprendemos aquela lección que nos deron Castelao, Bóveda e todos aqueles dirixentes do nacionalismo galego dos anos trinta, que souberon manter o principio de autoorganización e o ideal dunha Galiza soberana sen renunciar a facer país dentro das coordenadas que permitía aquel marco xurídico-político. Non só temos que aprender do pensamento político que aquelas persoas elaboraron e defenderon durante aqueles anos, senón tamén da súa praxe política e da estratexia que seguiron naquel momento histórico, onde houbo moito de pragmatismo, de non desaproveitar a oportunidade que se lle ofrecía ao país, de situar a construción da nación política nun primeiro plano, que, como ben sabemos, pasaba por lograr o noso propio Estatuto de Autonomía. A alcanzar ese obxectivo dedicou todos os seus esforzos o PG.

Posibelmente aínda hoxe non aprendemos aquela lección que nos deron Castelao, Bóveda e todos aqueles dirixentes do nacionalismo galego dos anos trinta

O nacionalismo galego actual debe demostrar agora que sabe entender este momento político, onde a prioridade debe ser cambiar o rumbo do país desde onde realmente se pode facer, é dicir, desde a Xunta de Galiza, desde as competencias que hoxe temos como Comunidade Autónoma e desde a capacidade política que teñamos nos vindeiros anos como país para alcanzar máis peso político no Estado, cando menos un maior autogoberno, non inferior ao que logren Euskadi e Catalunya. Todo iso sen renunciar nin a unha soa letra do noso ideario político. Creo que actualmente existe unha moi ampla maioría social que demanda do BNG esa implicación no goberno do país. De feito xa expresou claramente que confiou nesa posibilidade cando votou BNG nas autonómicas de 2020. O éxito electoral do nacionalismo nas pasadas eleccións galegas non se pode comprender sen a intelixencia e a capacidade de Ana Pontón para entender o actual momento político, as urxencias do país e as demandas da nosa sociedade, máis aló do universo nacionalista.

Galiza non pode perder máis oportunidades nin máis xeracións de persoas lúcidas e comprometidas co país. Xa foron moitas as ocasións e as xeracións que o país perdeu. A última en 2009, despois do Goberno bipartito, que foi unha experiencia que o nacionalismo debería reivindicar con orgullo. Ana Pontón creo que é moi consciente desa necesidade e desa arela de cambio, de que o país non pode perder máis oportunidades e máis xeracións. Por iso agora nos está a emprazar a un reto político aínda máis ambicioso: a impulsar e encabezar o cambio político que Galiza tanto precisa. Penso que o paso que acaba de dar Ana Pontón axudará a mentalizarnos de que, tras a última reconstrución do nacionalismo, o que toca neste momento é construír a nación, é coller o país nas mans, cos seus problemas, coas súas necesidades e coas súas limitadísimas competencias, como seguro que tamén farían Castelao e Bóveda. 

Comentarios