Opinión

Corenta anos indo ao Día da Patria

Tiñamos 17 anos e un país que andabamos a descubrir con emoción e asombro. Galiza era a nosa paixón e un mundo inmenso do que apenas sabiamos nada e queriamos sabelo todo. Acababan de ser as eleccións xerais de xuño do 77 e non había fracaso electoral capaz de afogar a nosa afervoada ilusión por Galiza e o noso desexo de comprometernos activamente co nacionalismo galego. Un meu amigo de infancia e mocidade, Vicente Peña Saavedra, hoxe brillante profesor da Universidade de Santiago, quería ir ao acto político da carballeira de Santa Susana, onde ía falar Celso Emilio Ferreiro, aínda militante do PSG, e eu o que máis desexaba era participar na manifestación do Bloque Nacional-Popular Galego, e iso que a Celso Emilio tamén o escoitaría de moi boa gaña, como así fixen algún tempo despois nun acto en Ferrol. Ao final nin un nin outro fomos a Compostela. Pero ese é o meu primeiro Día da Patria, porque o lembro emocionalmente como se estivese alí, e até conservo os recortes de prensa daquel 25 de xullo. E desde aquel ano xa nunca deixei de ir a Compostela, sempre coa emoción da primeira vez. Para unha persoa de pensamento nacionalista o Día da Patria é unha data dunha fonda carga emocional. Galiza rexurde e florece como nación cada 25 de xullo. Non hai grupo parlamentar nin goberno municipal en toda a xeografía galega que exprese de forma tan clara e tan rotunda a nosa vontade de existirmos como nación como o expresa a grande manifestación do Día da Patria e o acto posterior da Quintana. Iso é así desde que o nacionalismo instaurou o Mitin das Arengas en 1934, que comezaba ás 11 da noite do día 24 con presenza de nacionalistas de todo o país e con oradores como Castelao, Alexandre Bóveda, Otero Pedrayo, Ánxel Casal e outros dirixentes do PG.

Para unha persoa de pensamento nacionalista o Día da Patria é unha data dunha fonda carga emocional. Galiza rexurde e florece como nación cada 25 de xullo

 

Para un país como o noso, con escasa memoria histórica, é moi importante a permanencia de datas tan simbólicas como o 25 de xullo, porque é aí onde temos a certeza de que o nacionalismo galego non é unha ilusión óptica e de que existe unha Galiza de rostros reais, de nomes propios, que non renuncia a un futuro diferente para o noso pobo. Coñezo a moitas persoas que se sinten soas no seu concello defendendo o ideario nacionalista, moitas veces en contextos moi adversos, e que, non obstante, non desertan das súas ideas nin do seu compromiso cívico, entre outras razóns porque todos os anos comproban nas rúas de Santiago que o nacionalismo galego é o movemento político máis e mellor organizado que existe na nosa sociedade, cunha extraordinaria capacidade para resistir e para manter viva a labarada do soño dunha patria soberana. Mentres milleiros e milleiros de galegas e galegos, nacionalistas e galeguistas, celebremos en Compostela o Día da Patria, este país pode aspirar a conquistar outro futuro. E máis milleiros seriamos aínda se moita outra xente moza non tivera que coller nos últimos anos o camiño da emigración a todas as partes do mundo. Esa sangría humana é, na miña opinión, o atranco máis importante que ten o nacionalismo actual para abrir un tempo novo para o país. Lamentabelmente seguen tendo plena vixencia os versos de Rosalía: Este vaise, i aquel vaise, e todos, todos se van… Hai uns días coñeciamos os datos: entre o 2002 e o 2015 marcharon de Galiza 379.000 persoas. Unha cifra, certamente, que mete medo. Decídeme, que cambio político é posíbel con ese escenario demográfico, cunha boa parte da sociedade máis moza, máis formada e máis dinámica fóra do país? Velaí o que debe ser unha das nosas maiores preocupacións como persoas que queremos outro futuro para Galiza.

Para min persoalmente o Día da Patria é tamén un día para tecer irmandade e afectos entre nós e para o reencontro con amigos que ao mellor non vemos con frecuencia, como Pepiño Estévez e Maribel Goñi. E logo están as ausencias, permanentemente vivas na nosa memoria e feríndonos o corazón. En min permanecen aínda moi vivos os rostros de ducias e ducias de amigos que tanto quixemos e que con tanta alegría saudabamos ou abrazabamos cada 25 de xullo: Manuel María, Uxío Novoneyra, Antón Avilés de Taramancos, Francisco Carballo, Lois Obelleiro…, tantos e tantos amigos, verdade? Ai, esa dor de non velos! E en nós van igualmente os rostros de Luís Soto, Pilar Vázquez Cuesta, Arturo Cuadrado, Manuel Beiras García, Anisia Miranda, Xosé Neira Vilas… e, sobre todo, a imaxe e a palabra de Telesforo Monzón pronunciando aquel fermosisímo e emocionante discurso na Praza da Quintana en 1979, con case 75 anos e recén chegado do exilio: “Hermano Castelao: junto a ti nos tienes hoy. Tu sueño fue que vascos y gallegos marcháramos juntos… Os traigo saludos de la Euskadi del silencio, del sufrimiento y de Soria. También os traigo el saludo de la Euskadi de la soberanía segura que saluda a la Galicia de la soberanía segura”. Contaba o poeta José Bergamín, hoxe tan inxustamente esquecido, que en plena guerra, cando as Cortes da República se reuniron en Catalunya, Telesforo Monzón, que fora nomeado Conselleiro de Gobernación polo lendakari José Antonio Aguirre, fixo unha intervención que lle levou a exclamar a un ministro de Negrín: “Quién es este vasco que habla castellano mejor que nosotros?”. Que beleza, meus camaradas, había nas palabras de Telesforo Monzón! Xa ninguén fala hoxe así. Entre nós, agora mesmo, só estaría á altura da súa oratoria Alfredo Suárez Canal, un dos grandes oradores que tivo o nacionalismo galego ao longo de toda a súa historia, capaz de construír discursos políticos cunha perfección e unha brillantez moi difícil de superar.

Comentarios