Opinión

Violacións

No Estado español denúnciase unha violación cada catro horas. Seis mulleres sofren violacións ao cabo do día. Iso fan 180 violacións ao mes, o cal fai unhas 2.160 violación ao ano. Obviamente, é moi probábel que haxa un número bastante maior, que non todas as violadas denuncien; é ben coñecido o calvario polo que pasan ao facelo. As denuncias aumentaron un 70% nos últimos seis anos. Hai máis vontade de denunciar ou aumentaron as agresións grupais e individuais? É difícil sabelo. E os algoritmos non dan confianza como para sacarmos conclusións. É pouco? É moito? Iso depende do lugar do mundo con que o comparemos, mais, sobre todo, depende de se temos ou non a conciencia de que unha violación é un crime. Un crime violento contra as mulleres. Un crime violento contra a metade da humanidade.

A madrugada do pasado domingo unha moza de 16 anos foi atopada nun escampado dun polígono industrial por un camioneiro que chamou a emerxencias. Medio morta, sen conciencia, espida e tirada no pavimento. No hospital de Esplugues de Llobregat segue ingresada e grave. Os mossos dixeron que nunca viran unha agresión tan bestial, aquilo era indescritíbel. Ela non é quen de lembrar nada; a súa vida vai mudar moito despois desta barbarie.

O titular dun periódico estatal puña: “Os Mossos d´Esquadra investigan unha presunta agresión sexual”. Iso logo de que a primeira exploración da rapaza dera conta da violación salvaxe. 

Pregúntome se ese xeito de titular, ignorando os feitos, sen visión de xénero, non estará violando de novo a rapaza, a cimentar a absurda crueldade do patriarcado. 

Comentarios