mércores 19/01/22

Vaxina

Pensei moito se opinar ou non sobre este tema, mais xa non podo mirar cara a outro lado. A ninguén lle gusta que a acusen do que xamais foi.

Non pretendo facer unha análise, hai moitas e ben feitas polas nosas teóricas; o que quero é manifestar un malestar que, no canto de diminuír, vai medrando con cada novidade lingüística.

Non vou dicir que nunca fun tránsfoba porque é unha imbecilidade. Non o son; son inclusiva; entendo que se alguén que naceu con outro sexo e se sente muller é unha muller: e punto. E paso de preocuparme polo que a xente, entre adultos e de común acordo, faga na súa cama.

Non coñezo ningunha feminista (e levo anos carretando bandeiras lilas) que teña a máis mínima aversión ás mulleres trans, das que, por outra banda, é evidente a discriminación que a sociedade lles inflixe. Non sei de grupo feminista ningún que lles negue a participación ou non as considere en pé de igualdade coas demais.

Agora ben, esta moda crecente de intentar diluír calquera cousa que nos identifique coma mulleres, non a entendo. Nin me gusta. E está por ver a quen beneficia o borrado de 300 anos de loitas feministas e a extinción da palabra muller.

Eu só quero dicir que son unha muller que menstruou no seu día, que xestou no seu día, e que non ten un burato coma o que se podería producir cun piercing no medio das pernas: teño unha vaxina. Algo que nunca me outorgou privilexios, nin me protexeu do maltrato, a violación e os posíbeis feminicidios.

De serie ou reasignadas todas son vaxinas, non orificios. Parte da distopía presente? Que volva o sentidiño, por favor.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Vaxina
comentarios