Opinión

Sindemia

Á pandemia global que nos afecta este 2020 haille que agregar outras pestes estruturais que se agravan fondamente con ela. O que o antropólogo Merrill Singer chamou sindemia: as interaccións sobre unha determinada enfermidade dos factores socio-económicos que a converten nunha verdadeira traxedia. Así está a ocorrer en moitos recunchos esquecidos do mundo, e, case do mesmo xeito a vinte metros da nosa casa. Xa que logo, podemos falar da covid coma dunha sindemia.

A Unicef advirte nun informe que os ―magros― avances acadados na eliminación do traballo infantil están en serio perigo (de morte, diría eu) coa actual pandemia. A falta de recursos económicos que garantan a mínima subsistencia empuxan millóns de nenas e nenos ás rúas na procura do sustento. E as nenas, directamente, á prostitución.

O informe fala de Kenia, que non é a da peli de Disney, mais podería valer para moitos países de África, América Latina, Asia, ou de xente a 20 metros da nosa «trincheira infinita». Cando o bandullo berra esquécese todo. A desigualdade social, e o «soño da razón», produce monstros e monstruosidades, coma que nenas de 10 anos vendan os seus pequenos corpos varias veces ao día ―1 dólar― para que a familia poida comer.

As nenas, sen escola pola pandemia, as nais (xeralmente veñen de fogares monomarentais), sen ningún tipo de traballo, forman o caldo de cultivo axeitado para que as rapazas sexan vítimas dos depredadores de sempre. E son prostituídas sen ningunha precaución, de xeito que chegar sen embarazarse aos 16 constitúe para elas case unha quimera. As sindemias tamén están feminizadas.

Comentarios