Opinión

Profunda

Profunda é a ignorancia en materia de xénero da xuíza de Marbella que lle quitou á nai a custodia dun bebé de trece meses. E non o digo, que tamén, polo desprezo de clase que cuspiu ao falar da Galiza profunda, que nos indignou a todxs. Dígoo, porque como afirma Paz Filgueira (compañeira do Cedif, CCG, e unha xuíza coma poucas), o auto “carece de perspectiva de xénero e esquece as relacións asimétricas que concorren entre homes e mulleres”.

“Agresiva e irrespectuosa”, di a xuíza da nai, “non acreditou causa ningunha que xustifique o traslado do menor a Galicia”, e “Marbella é unha cidade cosmopolita, que ten todo tipo de infraestruturas, con todo tipo de colexios para poder educar un neno, públicos ou privados, cun bo Hospital, no que, ademais, traballa seu pai como médico”. (Non como nesa terra de indíxenas, que a saber se hai médicxs ou menciñeiras...).

E, no mesmo despropósito existencial, baseándose na importancia dos cartos e do status, di no auto: “tendo en conta a importancia dos primeiros anos da vida dun neno, nos que o contacto físico e a presenza de ambos os proxenitores é esencial para o seu correcto desenvolvemento emocional”, e vai e condena un pequeno dun ano a vivir sen súa nai nin seu pai. Sen a nai, porque sen a custodia vai ter que percorrer a península para velo, sen o pai, do que fala marabillas, porque o doutor (como pai non ten prezo), que custodiará dun neno tan pequeno, non vai poder facer nunca de pai. Traballa moitas horas todos os días. O neno medrará ollando pola fiestra, pegado a unha pantalla, criado por estrañxs, “a beleza cosmopolita de Marbella”.

Comentarios