Opinión

Política

Vai outra de xogos, coido que merecen aínda máis. Algo está pasando no mundo que non é a merda de sempre (con perdón). E o que está a pasar ten a ver coa política, esa cousa tan deostada e peor comprendida. Porque político é todo o que facemos os seres humanos (o persoal, por suposto, é político, Kate Millet).

Por iso aplaudimos as manifestacións políticas dxs deportistas galegxs cando saen envoltos na nosa bandeira (por certo, terá España algunha medalla non galega?). Por iso aplaudimos as palabras e os xestos da enorme Ana Peleteiro, cando chouta de alegría polo triunfo da súa rival, e máis que todo amiga, a tamén enorme venezolana Yulimar Rojas. Por iso comprendemos e admiramos a postura da ximnasta estadounidense Simone Biles, que reclama polo equilibrio mental como concepto de vida e criticamos a resposta de Novak Djokovic, o tenista serbio que exaltou a presión como valor para ser deportista e escachou a raqueta contra as redes no partido contra Carreño (alí viuse que é humano, sen dúbida: un humano violento). Por iso celebramos coma noso o ouro que a nena afabelada, Rebeca Andrade conseguiu para o Brasil. E amamos o cruzamento de brazos por riba da cabeza da atleta afroamericana Raven Saunders, lembrando os pobos oprimidos. E, xa que estamos por alí, o escrache que lle fai a equipa de esgrima ianqui a un dos seus membros acusado de acosos múltiples. E o xesto dos atletas italiano e qatarí de compartir a medalla, no canto de seguir matándose por ver quen a tiña máis longa.

Hai moito máis que celebrar aínda; hoxe non nos cabe. Mais o gozo e a rabia tamén son políticos.

Comentarios