Opinión

Os nazis e a mesa completa

Algúns representantes do pobo, poucos, os únicos dignxs, non aplaudiron a mise en scene que semellaba guionizada por descendentes simbólicos de Goebbels, con altas doses de vitimismo, boismo, falsidade histórica facilmente contrastábel e unha vergoñenta analoxía alusiva ao bombardeo nazi-fascista de Guernika, desenvolta por Zelenski no Congreso dos Deputadxs.

Non vou gastar unha frase máis nun individuo que, por moitas razóns, non me merece respecto ningún. Mais ocorre que me veu á cabeza ese dito alemán sobre unha mesa e once nazis, que ben coñeceredes: se hai sentados á mesa un nazi e dez persoas que o respectan (que lle rin as barbaridades, que lle bailan as augas, que lle perdoan os delitos, que non lle constrúen cordóns sanitarios), entón temos "once nazis". E "xa os temos aquí", os nazis, digo. Lexitimados eles e as súas faltas de educación, eles e as súas fábricas de andrómenas, eles e a súa antidemocracia de serie.

Representan una ameaza constante para calquera posibilidade de convivencia pacífica e, para as mulleres. "ningunha" posibilidade de convivencia.

Mais como chegaron até aquí? Sempre estiveron, evidentemente. Disfrazaron as formas e a linguaxe como Manuel Fraga, o asinador de sentenzas de morte, e outros, até que o capitalismo fixo boom e botou man deles, para cando haxa que reprimir violentamente as protestas, porque haberá circo, mais non haberá pan.

Están presentes en medio mundo, votados por moitas persoas sen recursos. E como non habería ser dese xeito? Apelan a sentimentos de pertenza, difaman, mesturan a realidade con histrionismo e falso anoxo. Especulan coa dor. E, o máis importante: os mass media e a clase política, case por completo, veñen homologándoos, naturalizándoos, converténdoos en aceptábeis (coma se iso fose posíbel).  

O fascismo, nazismo, franquismo, voxismo, chamádelle como queirades, NUNCA pode ser unha opción. O fascismo é a morte. E temos aquí á morte vestida de "constitucionalismo" e "populismo", traxes os dous que eufemizan e edulcoran á peor das ideoloxías. A da destrución de calquera valor que nos distinga coma humanos, a do aniquilamento das diferenzas, a do sometemento extremo, a da perda absoluta de liberdades e dereitos.

Camiñan entre nós, son convidados en espazos de máxima audiencia, se lles permiten todo tipo de boutades, mesmo declaracións que deberían ser denunciadas e xulgadas por constituír apoloxía da violencia.

E gobernan. Déronlles acceso ao poder aqueles de cuxa entraña saíron: os descendentes do caudillo, os creadores da Gürtel e xs seus 14 mortxs en estrañas circunstancias, xs causantes de milleiros de desafiuzamentos e os provocadores de milleiros de suicidios, exilios e outras torturas.

A clase política non deu a talla. Por medo, por falta de conviccións, por intereses, para frear unha suposta esquerda extrema que non existe... A esquerda non é tal e xa temos a mesa chea de nazis.

Comentarios