Opinión

Maruxaina

As derivas do mundo, bruscas e irrespectuosas, fannos estar sempre en alerta. En 2019, durante a celebración da Maruxaina (San Cibrao, Lugo), como xa sabedes, unhas mulleres foron gravadas no intre de ouriñar nun recanto apartado e pouco visíbel da rúa. Facíano alí porque na romaría os baños públicos resultan insuficientes.

O que nunca sospeitaron foi que a súa intimidade podería ser violada dun xeito tan noxento, nin que esas gravacións, onde se ven non só as súas partes íntimas, senón as súas facianas, fosen expostas en páxinas pornográficas (algunhas de pago). Case un centenar de vídeos, de día e de noite, e algúns deles correspondían mesmo a rapazas menores de idade.

As mulleres demandaron, como corresponde. Protestaron nas rúas polas decisións xudiciais, pelexaron coma mulleres. A causa foi desestimada en dúas oportunidades, alegando os xuíces o disparate de que nun lugar público non se viola a intimidade. Agora, a Audiencia Provincial de Lugo decide abrir o caso, que tomou estado público e superou con creces as fronteiras do país.  

Di a Audiencia Provincial de Lugo que o concepto de intimidade non se pode limitar ao ámbito doméstico ou privado. O que tiña sentido dende o minuto cero, porque, ademais, quedou probado que as cámaras foron colocadas á mantenta para captar esas imaxes.

O sorprendente, por chamarlle algo, é que a maioría de nós medrou vendo os homes mexar nas rúas do mundo, sen necesidade as máis das veces, sen complexo ningún, sen que ninguén se metese con eles. O que xa non sorprende, por repetido, é que os nosos dereitos teñan que ser defendidos sen pausa.

Comentarios