Opinión

Literatura

Sabían que atraerían os focos todos dunha sociedade mediocre e ávida de novidades a calquera prezo. Sabían que ían ser criticados e amados (para o márketing son sinónimos) coa mesma forza. E sabían, porque iso o sabe todo deus, que o premio que ían gañar era o máis desprestixiado dun panorama literario en por si desprestixiado. Incluso sabían, porque iso tamén o sabe todo deus e quen o nega é o superlativo de necio, que as mulleres levan séculos loitando pola súa visibilidade de todos os xeitos posíbeis. Cousas todas que pasan a ter importancia cero cando a torta a repartir contén seis ceros á esquerda.

Realmente é do que se trata: de cartos. Cartos que dan poder e poder que dá cartos. A eles se chega a través de diferentes métodos no sistema capitalista, e todos son curiosamente semellantes. Teñen a ver con estafar, subverter, corromper, suplantar unhas cousas con outras. No tema do que estamos a falar a trampa consiste en facer pasar por literatura algo que non o é, porque a literatura é unha arte e non un negocio. E iso é aínda máis noxento que o feito de xuntarse tres tipos e facerse pasar por unha muller con mentalidade de asasino serial. 

A literatura non é de homes nin de mulleres: é boa ou mala. Coma calquera outra arte. O que é tremendamente asimétrico, malia os anos de loita, os milleiros de follas riscadas, as bandadas de mulleres escribindo cada vez máis e mellor, son as oportunidades. 

Non, señoros do ménage à trois, non tivestes máis oportunidades por mudar a vosa identidade en violeta, tivéstelas porque sodes un produto de consumo, como todo neste «planeta».

Comentarios