Opinión

Impostoras

Hai un días, unha amiga, nova, suficientemente preparada, falábame das súas dúbidas e eivas para crer en si mesma, para encarar proxectos ambiciosos (malia ter amplos coñecementos sobre as materias que quere desenvolver), e confesou que o sentimento de fracaso a acompaña, que xa non quere fracasar máis, que non se pode permitir facelo.

Díxenlle que consideraba que unha persoa —por riba, muller— que deixaba a casa familiar noviña para estudar noutro país, cunha cultura ben diferente, unha lingua estraña e que, ademais, emprende nese país, que non é o seu, proxectos comerciais e culturais de importancia, non pode considerarse unha fracasada malia que eses emprendementos non fosen todo o ben que ela desexaría.

Teño para min que o concepto de fracaso —ou mesmo de triunfo— é unha lousa que nos esmaga sen consideración ningunha.  Ás persoas en xeral e ás mulleres en particular. Nosoutras temos case sempre un medo agochado a non dar a talla. A non estar á altura das circunstancias. A que en calquera momento, mesmo facendo aquilo para o que nos preparamos a conciencia, alguén descubra e denuncie que estamos usurpando un espazo que non nos corresponde.

Hai moitas razóns que xustifican eses complexos: de índole persoal-familiar e, por suposto, social. Estruturas sociais que nos deixan claro, de mil maneiras, que a nosa palabra, os nosos xestos, incluso as nosas vidas, valen menos que nada; unha violencia simbólica que mamamos dende a máis tenra infancia. 

Non é doado, mais vai sendo hora de desacomplexarnos, de apostar por nós mesmas e as nosas irmás, de despatriarcalizarnos. 

Comentarios