Opinión

Cuba

Após un mes das protestas en Cuba convertidas en fake news, sacadas doutros conflitos producidos por motivos ben diferentes, é o momento de xuntarmos a información alternativa e iniciar outra análise.

Vaia por diante que me sinto, como boa parte da miña xeración, filla da Revolución Cubana. En Latinoamérica sabemos de eternas derrotas nas loitas cuxo xerme foi esa revolución. É lóxico pensar que un continente asoballado por varios imperios (comezando polo español, que trouxo o xenocidio máis grande da historia), teña, no pensamento de esquerdas, un fondo sentimento antiimperialista, e en Cuba o exemplo vivo de que David puido algunha vez contra Goliat.

Tentar unha análise marxista é comezar pola autocrítica. Ao meu ver, con variada información sobre o tema, o historia pasa por defender a única revolución triunfante contra o capitalismo no mundo sen caer en reducionismos. Ou sexa: o bloqueo de varias décadas é salvaxe, inhumano e absolutamente inxusto, mais de todo o negativo que ocorre na illa non ten culpa o bloqueo. Hai carencias reais importantes e moitísimas cousas mellorábeis. Xaora, hai motivos para protestar.

Outra cousa é o aproveitamento que de lexítimas protestas fagan os poderes mundiais. Os que calaron coma mortxs cando a Revolta en Chile, o golpe de Estado en Bolivia, as masacres en Ecuador, Colombia e unha listaxe interminábel.

Hai que se afastar dos cantos de sereas do “neoliberalismo progresista” (di Nancy Fraser), que quere borrar con luvas brancas séculos de historia negra. Menten, confunden: Cuba molesta, dóelles moito máis do que están dispostos a admitir.

Comentarios