Opinión

Afgás

Afganistán é un pobrísimo país cheo de riquezas. Xa sabedes, unha constante. A maior riqueza, maior explotación e atraso, dentro, e, por suposto, apontoado dende fóra. Exemplos sobran. Afganistán ten unha riqueza mineira inacabábel e o cobizado petróleo, mais, sobre todo, é un enclave estratéxico esencial para os poderes de quenda dende a mítica ruta da seda.

Nas vellas loitas tribais, coma sempre, as mulleres e as nenas foron —son— as principais vítimas, con algunhas interrupcións como durante o reinado de Amanulá e a súa dona Soraya, pioneira na loita dos dereitos femininos, nos anos 20, que introduciron melloras na vida das mulleres, que lles costou o goberno.

Ou as conquistas do tempo da República Democrática de Afganistán (cometeu, dixo Galeano, o pecado de alfabetizar as mulleres), dende o 78 ao 92, con altibaixos e invasión soviética incluída. 

As mulleres tiñan escrito en papel mollado na Constitución de 1964 o seu dereito á igualdade. Antes, despois e durante, probabelmente sexa Afganistán o peor país deste planeta para nacer muller.

Durante a anterior era Talibán, apoiada polos USA, as mulleres desapareceron dentro de horríbeis teas coma mortallas, para apareceren nos momentos dos escarnios e as lapidacións. Sen dereitos, sen voces, sen existencia. Moitas loitan contra a misoxinia bestial en Afganistán, como a Asociación Revolucionaria das Mulleres de Afganistán (RAWA), ou Zahra Joya, a fundadora de Rukhshana Media, unha web de mulleres para mulleres.

Hoxe volven deixalas soas fronte ao indescritíbel. Esixamos aos poderes mundiais unha actuación inmediata!

Comentarios