Opinión

Mulleres herdeiras e transmisoras

Para Gloria e Saludina

Vai facer un ano que comezou este tempo de pandemia que nos levou a vivir en confinamento dentro dunha pequena comunidade rural, a nosa aldea da Terra de Montes pontevedresa. Xurdiu, entón, unha sorte de relación dialéctica entre o illamento e a comunicación a través das redes sociais, neste caso Facebook, entrelazando o particular coa colectividade. Da man de dúas mulleres do noso lugar de diferentes xeracións, unha con nós na aldea e a outra emigrada en Catalunya, realizamos un percorrido emocional pola xeografía, o patrimonio e as vivencias do noso contorno. 

Sabendo das mulleres como transmisoras duns valores comunitarios indispensables para manter a esperanza de vida no agro, e tal e como acontece noutras sociedades rurais ben coñecidas por nós como os pequenos “aduares” do Rif, onde as mulleres deixaron para a lembranza en fermosos “izran” o acontecer cotiá, quixemos atrapar no tempo esta sabedoría colectiva e alumeala para o futuro. Deste xeito naceu a publicación Crónicas miúdas de Vilar de Figueiroa en tempos de pandemia, que fixemos en man común o meu compañeiro, Dionísio Pereira, mais eu.

En confinamento tras o 14 de marzo pasado, a vida mudou e comezamos a compartir moitas máis horas que antes coa nosa veciñanza, botando unhas falas de porta a porta, traballando nas veigas, paseando polo monte… De maneira que observando máis, aprendemos moito; e tamén puidemos comprobar como a vida da comunidade melloraba, había máis trato entre a xente e máis interese en coidar o común. Isto non agacha que a nosa comunidade, coma calquera outra, ten os seus trasgos que ás veces colocan pedras no camiño da convivencia e poñen en perigo a continuidade do colectivo…

Pensamos que o futuro das aldeas está en función de que conserven un mínimo de actividade comunitaria (a xestión do monte, das augas, dos camiños, a transmisión da identidade…), do retorno de persoas cuxa orixe sexa rural e do pulo de políticas públicas de apoio á produción do agro e do monte, sen esquecer a potenciación dos servizos básicos (entre eles, os coidados personalizados á xente maior) e dun turismo de proximidade asociado á produción e á paisaxe humanizada. Non acreditamos na moda “urbanita” de "descubrimento da aldea", posto que con todas as excepcións que se quixer, adoita reproducir no rural os mesmos vicios de aculturación individualista que hoxe padecen a maioría dos habitantes das grandes cidades, identificando a aldea só cunha paisaxe “bonita” na que poder relaxarse sen concibila como un lugar no que se poida traballar e vivir dignamente, compartindo unha cultura habituada a tirar o máximo partido de recursos escasos.

Nas poboacións campesiñas do país, a autosuficiencia de outrora deixou pegadas máis ou menos perceptibles nas diferentes construcións, no xeito de traballar a terra, no coidado dos animais, na elaboración dos alimentos, no goberno do comunal, no coñecemento do medio… E pode ser apaixonante, ademais de apreciar a capacidade de resistencia da xente labrega sometida á extrema dureza da loita pola vida, manter o que aínda está vivo, recollendo para o futuro unha consideración vital máis humana, próxima á natureza, agradecida polo traballo dos devanceiros e preocupada polo coidado das persoas que compoñen a comunidade. 

Día a día entre peripatéticas conversas polos rueiros, intercambiando algunha carta ou a través do teléfono, foi nacendo mercé ao coñecemento das nosas veciñas informantes, esta crónica miúda de Vilar de Figueiroa, onde cada pedra ten unha historia, cada lugar do monte o seu nome e cada faena do traballo o seu cantar. Un acontecer de xente humilde, que aínda atesoura unha gran sabedoría na súa relación cotiá co medio. E unha xestión do territorio que pretendía, antes que nada, a permanencia da comunidade.

Se algo (seguro que o único) ten de bo este confinamento que tanto nos desacouga é que posibilita un mellor coñecemento do noso contorno e das persoas coas que convivimos; e, ao tempo, para nós foi unha confirmación do primordial papel das mulleres como herdeiras e transmisoras dese saber-facer comunitario.

Comentarios