Opinión

A carga mental feminina, ese traballo invisible

Estes días lin en Facebook un anaquiño da historia dunha muller que acode á consulta dunha sexóloga porque observa problemas nas relacións sexuais coa súa parella. Pescudan no que serían as súas fantasías eróticas e confesa que non desexa tipos musculados nin praias exóticas, senón ver ao seu compañeiro limpando o baño, encargándose das crianzas mentres ela durme e deixándoas logo ao cargo dalgún familiar; poder entón saír xuntos, tomar uns viños devagar e regresar á casa para gozar dos seus corpos ata quedar durmidos… Coméntanos esta sexóloga que o que, aparentemente, semella un problema do desexo, de diminución da libido ou de falta de resposta á excitación, en realidade vén sendo esgotamento, capitalismo, machismo e patriarcado.

A falta de corresponsabilidade na gran maioría das parellas heterosexuais, que obriga a muller a soportar un traballo continuo, atafegante e, por demais, invisible, é o que denominamos “carga mental feminina”. Unha carga silenciosa e, xa que logo, dobremente pesada. Ese labor de planificar, organizar, tomar decisións e, asemade, realizar as tarefas do fogar e os coidados familiares representa o 75% dos traballos necesarios na convivencia. É un traballo a tempo completo e non recoñecido, que pode aumentar o estrés, a ansiedade e que é a base de moitos conflitos nas parellas. Isto é o que levou a xornalista Samanta Vilar a escribir o libro La carga mental femenina: O por qué las mujeres continúan al mando del hogar a coste cero (2019), despois de ter os seus primeiros fillos, uns xemelgos, e decatarse do que se lle viña enriba. Fixo unhas polémicas declaracións cando afirmou que perdera calidade de vida coa maternidade, xa que á falta dunha corresponsabilidade real como compromiso compartido persoal, social e político, sumábase agora esa visión idílica da maternidade, que non é doado poñer en cuestión por temor a ser xulgadas como malas nais. Engadía, ao cabo, que iso da “superwoman”, froito da dobre xornada das mulleres no traballo produtivo e reprodutivo, é un engano brutal.

Porén, quen difundiu este concepto de “carga mental” dun xeito masivo foi a ilustradora e feminista francesa Emma Clit co seu demoledor cómic Me lo podrías haber pedido (2017), que, de contado, se fixo popular e ao ano seguinte deu lugar ao libro La carga mental. Sí a la vida en común; no a los lugares comunes. Na década dos 80 do século XX, a socióloga francesa Monique Haicault xa empregou este concepto de “carga mental” entendida como un lastre psicolóxico das mulleres, vinculado ao que se denominou como “traballo emocional”, segundo a tamén socióloga estadounidense Arlie Hochschild.

Ademais da necesaria corresponsabilidade, cómpre falar, así mesmo, de conciliación para afondar no tema. Nestas mesmas páxinas, Paula Vázquez no seu artigo “Non só corresponsabilidade” dicía que non é posible hoxe a conciliación persoal, laboral e familiar se non temos en conta tres elementos: A excesiva duración da xornada laboral, que obriga á redución de horario ou á excedencia; o cambio na composición das familias, dando paso a cada máis a familias monoparentais; e a elevación da idade media da poboación, que leva de seu o aumento de persoas con dependencias diversas.

Cando as mulleres dedicamos o dobre de tempo ás tarefas do fogar e aos coidados que os homes, cando as mulleres recoñecemos que a maioría temos un mundo de cousas que facer cada día, cando 3 de cada 4 mulleres sofre “carga mental”, cando o 40% descoñece o concepto e o 45% endexamais falou con ninguén deste asunto, non queda outra que intervir.

Algunhas propostas para mudar esta situación poderían ser: Compartir coa parella dende o inicio as tarefas domésticas, para que lle dea o valor que teñen e que chegue ao convencemento de que o fogar tamén é responsabilidade dos homes; que as mulleres aceptemos certo desorde ou incumprimentos sen sentirnos culpables e que saibamos delegar, que non sempre é doado; que exista unha lexislación onde conciliar non sexa só prexudicial para as mulleres… E, por riba de todo, educar as nosas fillas e fillos dun xeito igualitario e sen estereotipos.

Comentarios