Opinión

A xeopolítica enerxética empeza tamén no local

O acceso á subministración eléctrica ten que ser un dereito básico das persoas como o é ter auga potable ou un teito baixo o que durmir. Os poderes públicos teñen que actuar cando calquera dos dereitos das persoas se ve diminuído ou en perigo. Actuar non significa intervir mercados ou nacionalizar compañías, porque moitas veces basta con accións paliativas ou de contención. Os bonos sociais eléctricos e as normas que impiden os cortes de subministración en determinadas circunstancias teñen dado os seus froitos no ámbito do mercado eléctrico. Mais o problema, é evidente, non está solucionado. A guerra en Ucraína só agudizou unha debilidade existente, poñendo de relevo a dependencia de Europa do gas e do petróleo estranxeiros, mais tamén a fraxilidade dun mercado enerxético sometido a vaivéns difíciles de controlar.

Xa antes da guerra a enerxía foi unha preocupación de determinados Gobernos, con movementos encamiñados a acadar unha estabilidade e un custo razoable que permitira ás persoas seguir gozando de subministración sen que esta se convertese nun luxo. A necesidade de virar cara a fontes renovables estaba tamén detrás dunha acción encamiñada, ao mesmo tempo, a reducir o dano medioambiental causado polos combustibles fósiles.

Ao longo dos últimos dous meses quedou claro que é preciso tomar medidas de maior calado e nun menor período de tempo. No global, pero tamén no local. A dependencia enerxética doutros países acrecenta a fraxilidade de Europa e expón aos seus cidadáns a tensións económicas que debemos minimizar.

Na Coruña, o Goberno de Inés Rey ten dado pasos firmes cara a ese fin. Un deles é ter conseguido xerar gas para inxectar na rede comercial a través do tratamento dos residuos na estación depuradora de Bens. Somos pioneiros en España con ese avance, que abre unha porta de futuro moi relevante para planificar a nivel nacional fontes alternativas de subministración, ou cando menos complementarias, aos gasodutos e ao gas importado por vía marítima. E cunha diferenza esencial:  a enerxía obtida provén de recursos públicos e polo tanto estará menos sometida ás oscilacións do mercado.

A outra gran aposta e a posta en marcha dun operador enerxético público. Non é un camiño fácil nin curto, mais tampouco imposible nunha cidade que xa ten unha empresa pública como Emalcsa encargada do abastecemento de auga e cunha traxectoria contrastada e marcada pola súa eficacia e excelentes resultados.

As administracións podemos e debemos dar pasos para a implantación de fontes de enerxía limpas e alternativas, para a localización de novas fontes que poñan en valor os recursos propios. A Coruña foi pioneira tamén na xeración de enerxía a través da súa planta de tratamento de Nostián. É hora de seguir innovando e aportando solucións, non só no campo necesario da mellora medioambiental, senón tamén no de garantir os dereitos básicos ás persoas que teñen dificultade para afrontar os gastos que ditos dereitos xeran cando están sometidos ás leis do libre mercado.

Non hai mellor momento que o actual para poñer en marcha todo aquelo que contribúa a fomentar a independencia enerxética e a xustiza social na súa distribución. E non o hai porque nunca tan claro como agora tivemos a súa necesidade. A enerxía, incluíndo os combustibles, é hoxe en día a clave de bóveda da xeopolítica internacional, un condicionante capaz de frear ou de impulsar un país en función de cambios que este non ten na súa man controlar. Aumentar o control sobre ditos recursos e atopar fontes alternativas para xeralos fará de nós unha sociedade máis forte e máis libre. Non serán os concellos os que solucionen os problemas globais, mais si poden ser un exemplo a seguir e mesmo un modelo para tomar decisión a nivel autonómico ou nacional de maior calado, como sen dúbida acabará acontecendo co tratamento das augas residuais para a produción de biogás. A Coruña foi pioneira en moitas cousas, e nese campo éo tamén, como o será sen dúbida co desenvolvemento do novo operador enerxético.

Comentarios