Opinión

A recuperación económica poscovid

O túnel no que entramos en marzo de 2020 vai camiño de rematar. Con máis do 50% dos galegos xa vacinados (cando menos coa primeira das doses) empeza a verse a luz. Os datos da seguridade social con máis de 212.000 altas en toda España durante o pasado mes de maio confirman que o país acelera cara a meta da recuperación.

Certo que a pandemia non rematou e non podemos baixar a garda, mais cómpre xa pensar en clave poscovid e planificar o mundo no que entraremos á volta da segunda grande crise neste accidentado arranque de milenio. 

O escenario preséntase cun importante problema de base: a fenda social agrándase, medra a desigualdade. Non é algo novidoso, senón o froito dunha progresión lenta, mais pertinaz, que arrincou a finais do século XX e que hoxe ameaza con configurar unha sociedade cada vez máis dual. Os gobernos teñen a obriga de contribuír a frear esa fenda, mantendo o espírito que durante décadas alumeou aos estados democráticos europeos, espírito que supuxo a construción dunha Europa que foi –e aínda é– un modelo de equilibrio social e económico para o mundo.

A compensación das diferenzas sociais non pode recaer só nunha política de subsidios, senón en accións decididas que permitan, mediante a educación, xerar unha igualdade de oportunidades real, e mediante a política económica, completar unha transición ecolóxica gradual, non abrupta, á nova realidade na que imos vivir. Obviamente, para poder facer iso con garantías, desde o público precísanse recursos e novos modelos de redistribución.

Nese contexto cobra relevancia un feito histórico avanzado desde Londres o pasado 5 de xuño, día no que o G7 anunciou un principio de acordo fiscal para conseguir que as grandes multinacionais tecnolóxicas tributen alá onde facturen. A decisión final do G7 poderá ter unha repercusión que teña impacto nos estados de maior desenvolvemento introducindo cambios en relación ao consumo e na fiscalidade ou non. O tempo nos dirá se queda nunha mera declaración de intencións.

As tendencias de consumo xa non mudarán cara ao pasado (nunca o fan), mais si é posible mudar a tributación das grandes corporacións cara a un modelo máis xusto. Se se dan pasos nesta dirección poderemos comezar a camiñar cara a un sistema con maior equidade e menor desigualdade. Reducir a fenda tributaria supón tamén –no simbólico e no económico– un paso necesario para acabar coa fenda social.

A realidade económica do século XXI estará mediatizada polos debates sobre a robotización, a intelixencia artificial, as materias primas, a enerxía e os movementos migratorios. Precísase pedagoxía e liderado alomenos no marco da Unión Europea e transversalidade entre continentes para que o xigante China S.A. non siga desequilibrando a economía e impoñendo de forma branda un mundo sen regras. Xogámonos o pouco que queda do “oasis” europeo.

Comentarios