Opinión

Quo vadis, Sr. Rueda?

Alfonso Rueda acaba de asumir a presidencia da Xunta despois de trece anos de goberno ininterrompido do Partido Popular e descoñécense as súas propostas para Galicia, máis alá de lugares comúns e a intención de reter o poder autonómico para o seu partido. Quo vadis, Sr Rueda?

A pesares das relevantes doses de anestesia publicitaria aplicada por Feijóo, resulta complicado que os actuais gobernantes oculten o importante desgaste do goberno galego. Sobre todo, os preocupantes datos sobre a xestión da Xunta.

Segundo datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), Galicia perdeu algo máis de 100.000 habitantes dende 2009, ano no que Feijóo alcanza a presidencia da Xunta. Tiñamos daquela 2,79 millóns de persoas censadas, fronte ás 2,69 millóns de peche de 2021.

En 2009 había 1.220 centros públicos na nosa comunidade. Hai só dous anos a cifra era de 1.082, de acordo cos datos máis recentes do IGE, o que nos ofrece unha lección de matemáticas sinxela: 138 centros pechados.

O ano 2008, último ano completo do Goberno Touriño (PSdeG), Galicia pechou cunha taxa de desemprego do 9,6% e con case 1.200.000 persoas ocupadas. Nos 13 exercicios de Feijóo ao fronte da Xunta destruíronse uns 100.000 empregos. O último dato dispoñible, o da enquisa de poboación activa (EPA) do peche de 2021, amosa que hai 1.091.000 persoas ocupadas. A taxa de paro é do 11%, case un punto e medio porcentual máis que en 2008.

O PP chegou á Xunta cun endebedamento do 6,8% do PIB e trece anos despois, Feijóo deixou a presidencia cun nivel do 18,5%, de acordo co Banco de España. En termos absolutos, pasou de 3.954 millóns de euros a 11.715. Os datos son claros e non poden ser vencidos pola anestesia propagandística.

E que podemos esperar do diálogo coas cidades? No último período vemos como na maioría dos casos ou é inexistente ou cando o goberno galego dialoga faino con pouca concreción. Non se pode gobernar Galicia dándolle ás costas a unha parte do noso país, e a realidade é que o PP desatende as políticas urbanas e actúa con desconfianza cara os gobernos das urbes.

As veces dá a impresión que o PP non entendeu o resultado das municipais do 2019, persistindo na escasa implicación no desenvolvemento urbano (nula política de vivenda, mínima atención social, deficiente atención sanitaria, inexistente política industrial, ínfimos estímulos laborais, nada para a atender as necesidades da xuventude, abandono do sistema educativo público), tomando esa derrota non como un aviso, senón como unha afronta. En lugar de activar medidas de auxilio, lonxe de amosar unha maior sensibilidade co tecido urbano e os seus problemas, o Goberno de Feijóo optou polo asedio.

A Coruña é un bo exemplo: nos tres anos que van de mandato non existe na cidade nin unha soa infraestrutura nova promovida pola Xunta. Hai moito fume, pero non feitos.

O trato recibido polas cidades galegas reflicte perfectamente o axioma segundo o cal o erro nunca é de quen goberna, senón de quen vota. Esa lectura tóxica da realidade desemboca na aplicación de correctivos discrecionais como os que padecen os grandes concellos galegos: en lugar de buscar entender os problemas para resolvelos, o que fixo Feijóo foi castigar a quen os padece. Esa foi, en esencia, a liña seguida pola Xunta ata agora.

Veremos nos próximos meses cal é o camiño que segue o novo presidente da Xunta, por agora só podemos preguntar: Quo vadis, Sr. Rueda?

Comentarios