Opinión

Onde están os fondos da Xunta no ano da recuperación?

Os investimentos da Xunta no últimos anos na cidade puideron verse grazas a dúas xornadas de portas abertas organizadas polo Goberno galego. Os cidadáns da Coruña tiveron neste ano 48 horas de prazo para coñecer en persoa eses investimentos. Un edificio de oficinas da propia Xunta que se permitiu visitar durante unha fin de semana aos coruñeses e coruñesas. Así, durante un sábado e un domingo os interesados puideron comprobar como son os despachos e salas que ocupan os traballadores públicos. Sen cuestionar que a Xunta constrúa oficinas, que está moi ben se as precisa, si é necesario facer unha reflexión: É suficiente que o único investimento visible da Xunta na cidade no actual mandato sexa un edificio de oficinas? Os coruñeses e coruñesas, que tamén son galegos, non atoparán este ano, por moito que busquen, nada novo na cidade que proceda de fondos autonómicos. Nin en centros de saúde, nin en escolas infantís, nin en colexios e institutos. Nin neses nin en ningún dos ámbitos nos que a Xunta ten competencias. 

É loable e lóxico que a Xunta, para aforrar alugueiros, opte por construír oficinas de titularidade propia. Non é loable que tente colocar iso como investimento para a cidade. No ano da recuperación da pandemia, no ano no que as Administracións con recursos teñen que investilos para promover a reactivación económica, a Xunta non ten en marcha máis que anuncios de futuros investimentos. Con 11.500 millóns de euros de orzamento, 46 veces máis que o Concello da Coruña, o Goberno galego ten a obriga de contribuír á dinamización das cidades, mais na Coruña non existe un só investimento autonómico significativo novo. Non atopou o executivo autonómico ningún problema para culminar o inmoble para os seus despachos, en todo o demais, non para de atopar problemas. É bo recordar que a Administración con competencias en materias tan esenciais como os coidados ás persoas maiores e a promoción de vivenda pública leva bastante máis dun decenio sen abrir unha nova residencia pública para maiores e sen aumentar o seu parque de vivenda para as persoas que non pode acceder a ela. Non son os únicos ámbitos de competencia autonómica nos que se acumular as carencias: en materia sanitaria e educativa, por citar dous exemplos, tampouco se están a atender. Basta con recordar como empezou o curso escolar, sen profesores suficientes nos centros, ou o feito de que hoxe, cando un paciente ten que acudir a un especialista, pode ter que agardar máis dun ano. 

No presunto ano da recuperación os orzamentos da Xunta para o 2022 contemplan un gasto previsto por parte do Goberno autonómico inferior ao do 2019, antes da pandemia. O Goberno de Inés Rey leva investidos nos barrios máis de 39 millóns de euros en centos de actuacións. A Xunta abriu un edificio de oficinas. Os anuncios de investimentos a longo prazo están moi ben, porque algúns como o do CHUAC resultan necesarios, sobre todo cando xa foron renovados os principais hospitais das demais cidades galegas. Mais a crise xerada pola pandemia require investimentos no curto prazo para ser, agora, de utilidade. E a Xunta non ten en marcha ningún investimento, ningún, no curto prazo. Ninguén verá un cartel posto nos últimos doce meses dalgunha actuación significativa aprobada polo Goberno galego para A Coruña. Ao final, o compromiso cunha cidade non se mide con previsións, senón con investimentos. E os investimentos son facilmente comprobables: ou os hai ou non os hai. Pola banda autonómica non os hai, como non hai xustificación para a súa ausencia. Está ben que sexa ano Xacobeo en Galicia, pero estaría ben que o fora tamén nas cidades galegas a onde non chega. As escusas postas para pospoñer indefinidamente investimentos precisos só trasladan un feito evidente: o da falta de vontade. Investir non é difícil, o Concello da Coruña faino a diario e mesmo logra fondos estatais e europeos para tal fin. O único que se precisa para investir son recursos e vontade de canalizalos. A Xunta, recursos ten, vontade de investilos na Coruña, pouca. Terán que explicar por que.

Comentarios