Opinión

Madrid descubre a Feijóo

Cando en abril de 2022 Feijóo foi proclamado presidente do PP co respaldo maioritario do partido, manifestou a súa vontade de alcanzar pactos de Estado en cuestións relevantes para o país. Unha vontade e unha posición pública que o levou a ser recibido en Madrid como "Feijóo, el moderado". Seis meses despois do seu nomeamento decide bloquear unha desas cuestións fundamentais: a renovación do poder xudicial. Onde quedou entón ese Feijóo?

Despois de 1.000 días de espera para que o Partido Popular se decida a negociar a renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial, Feijóo aposta de novo polo bloqueo poñendo sobre a mesa o seu cambio de criterio mais tamén a súa debilidade dentro dun partido ao que supostamente chegaba para liderar e unir. Un partido cunha axenda marcada pola presidenta da comunidade de Madrid que xa levou por diante ao anterior presidente, Pablo Casado, e que agora recibe a Feijóo cun aviso, cun simple whatsapp que o fai cambiar de criterio e converter o diálogo en bloqueo. Adaptando o aínda non estreado modelo Feijóo ao modelo Ayuso.

Coa súa actitude Feijóo pon de manifesto que nin ten o control do partido nin está cerca de conseguir o seu principal obxectivo: unir as dúas almas do Partido Popular. A máis próxima a Vox que non quere nin precisa do seu liderado, pois xa atopou na presidenta de Madrid a súa cabeza visible. E a máis moderada que está á espera daquel Feijóo que presumía de diálogo e entendemento. Aquel salvador que ía impedir o naufraxio electoral do PP que representaba Pablo Casado, desterrado de Génova polos seus.

O "Feijóo moderado" que tanto gustaba en Madrid amosa seis meses despois a súa auténtica faciana, a dun dirixente que muda o seu discurso en función dos seus intereses persoais e non dos da maioría da cidadanía. En Madrid están a descubrir como Feijóo pode falar de moderación e acordo pola mañá e referirse á Guerra Civil como unha pelexa entre avós pola tarde.

En Galicia xa o sabiamos, xa coñeciamos as múltiples caras dun político que nunca chegará a un acordo polo ben do país se sabe que lle pode prexudicar, xa o fixo coa reforma do Estatuto de Galicia ou co decreto do galego, dous asuntos pactados con todas as forzas políticas e  bloqueados no último momento por Feijóo en favor dos seus intereses persoais.

Ese é Feijóo, o que vende responsabilidade e sentido común cara a fóra mentres aplica políticas irresponsables cos que máis o precisan. A sanidade pública é o claro exemplo. Feijóo pide máis fondos para a loita contra a pandemia mentres desvía 159 millóns de euros do fondo COVID a outros fins. E demanda máis médicos ao Estado mentres deixa esmorecer o noso sistema sanitario, deixando como balance unha Galicia con 976 profesionais sanitarios menos que no 2009.

Un modelo de xestión que parece que a presidenta de Madrid comparte con Feijóo e tamén con Alfonso Rueda, pechando centros médicos e con cadros de persoal a medio cubrir co seu novo plan de urxencias. Se cadra a Ayuso  gustoulle o modelo do Sergas, o de non ter pediatras nos centros de saúde, un modelo que conta co beneplácito de Alfonso Rueda e, de momento, co silencio de Feijóo. Está por ver que opina do "boicot de 34 médicos" que anunciou para esta fin de semana a presidenta Ayuso e que encheu as rúas de Madrid cunha manifestación masiva como non se recordaba dende hai anos. De momento nada sabemos, como tampouco da desviación dos 159 millóns de fondos Covid en Galicia.

Este e o verdadeiro Feijóo "o moderado" que por agora, só ten o título e o ton de voz. Falta saber se seguirá ás ordes de Ayuso como ata agora, se será capaz de liderar unha coalición de dereitas ou de dirixir un partido de Estado. Por agora sabemos o que o PP está a facer en Galicia, baixar os impostos a 7.000 ricos mentres desmantelan o noso sistema sanitario.

Comentarios