Opinión

Impulsando a economía dende o eido local

Tras a pandemia, todas as administracións debemos sumar esforzos para impulsar a recuperación económica. Dende o eido local, malia non ter competencias directas, poden establecerse mecanismos que axuden neste sentido: plans específicos e medidas concretas que permitan facer fronte á crise no plano local cunha acción próxima e directa.

Sen pretender que o traballo dun concello sexa capaz de reverter unha situación como a que estamos a vivir, si é certo que o da Coruña puxo un importante grao de area con dous Plans de Recuperación Económica e Social, como milleiros de pequenos negocios da cidade poden constatar. Non hai, seguramente, ningún Concello do tamaño da Coruña que teña investidos 20 millóns de euros en axudar a reactivar o seu tecido económico.

Non sabemos como será o mundo que atoparemos cando todo isto pase, mais si sabemos que mentres non o faga é o noso deber como Administración pública poñer sobre a mesa os recursos precisos para plantar cara a unha excepcionalidade que nin queremos nin debemos aceptar. Hai moitos anos que a nosa sociedade non vive tensións como as que agora nos ameazan, mais hai tamén moitos anos que desde o público non se toman medidas de calado como as que se tomaron en Europa e en España, unhas medidas que evitaron que as costuras da nosa civilización cederan. Aí seguimos, tamén na Coruña, contribuíndo na medida das nosas posibilidades a que cada un deses máis de 700 días desde que comezou a pandemia fose algo máis leve do que tería sido sen o apoio público.

Unha das pancas das que dispoñen os concellos para activar a recuperación é a da creación de emprego público e a da estabilización do xa existente. Dende o Concello da Coruña vimos de convocar 89 prazas de funcionario de libre acceso para cubrir diferentes postos da administración local. Trátase da maior convocatoria de emprego público de libre acceso feita nun só ano na historia do municipalismo coruñés. Publicada no BOP o 30 de decembro de 2021, esta convocatoria duplica a doutros concellos e sitúa A Coruña como o municipio referente en Galicia na creación de emprego público.

Con esta convocatoria, o Executivo local da Coruña cumpre o seu compromiso de favorecer a creación de emprego público e pon o acento, especialmente, nos servizos esenciais como son a atención social e cidadá. En 2022, ademais da nova oferta de emprego público que chegará ás 40 prazas, sacaranse 13 prazas máis de emprego libre correspondentes á Oferta de Emprego Público de 2021. Polo que o Goberno de Inés Rey terá creado no seu mandato preto de 150 prazas libres de emprego público. 
E é precisamente aí, na política económica e mesmo na contratación pública -se cadra máis que en ningún outro escenario- onde se demostra o ADN do compromiso social, a esencia dunha opción política. Tan importante como crear e xerar novo emprego é estabilizar o xa existente. Foi o que o Executivo da Coruña acometeu en relación ao contrato de limpeza dos edificios e dependencias de titularidade municipal. 

A magnitude das cifras -máis de 5,5 millóns de euros ao ano- é relevante, pero o importante dese contrato non radica aí, senón no que representa en canto a unha maior xustiza laboral dun colectivo que, por desgraza, pasa discretamente desapercibido na xestión pública. 

O novo contrato de limpeza servirá para mellorar a vida de 292 persoas, na súa maioría mulleres, que desempeñan o seu traballo nas dependencias municipais. Primará os contratos indefinidos e as xornadas completas, facilitando mellores condicións ás e aos profesionais que se ocupan deste servizo. Ademais, promoverá a incorporación de mozos e mozas desempregados, e tamén de persoas con discapacidade en busca dunha oportunidade laboral. 

Non muda o obxecto do servizo, muda a forma de prestalo, evidenciando así que é posible actuar desde o público mellorando sensiblemente a vida das persoas e actuando con consideración e sensibilidade cos seus problemas e necesidades. Para iso estamos aquí os que nos dedicamos á xestión pública, para facer deste mundo un lugar un pouco máis xusto e mellor. 

Comentarios