Opinión

A Galicia que avanza

O socialismo galego abriu unha nova etapa coa celebración do seu 14 Congreso, unha etapa ilusionante que nos levará a ocupar o espazo que nos corresponde na sociedade e a ser unha auténtica alternativa de goberno.

O novo Secretario Xeral, Valentín González Formoso demostrou coa conformación da nova dirección que cumpriu cun dos seus principais compromisos durante o proceso de primarias: favorecer a integración, e para iso apostou por contar con todo o talento que ten o partido socialista e poñelo ao servizo da cidadanía. O apoio recibido á súa proposta de dirección pon de manifesto que conta co respaldo maioritario do partido para liderar esta nova etapa. 

Unha nova etapa na que temos que ser quen de dar resposta aos retos que ten por diante a sociedade galega nun contexto de transformación global a nivel económico, social e cultural, nun momento no que temos que ser quen de liderar a transición ecolóxica e dixital. 

Por iso o que temos que facer agora é ofrecer respostas, levar as nosas ideas, os nosos principios e conviccións a toda Galicia, falar con todos os galegos e galegas e explicarlles que hai unha alternativa, que se pode derrotar ao Partido Popular e que se pode apostar polo PSdeG para que Galicia avance. 

Galicia e os galegos están esperando por nós, por un partido que sexa capaz de agrupar esa maioría social progresista que desexa unha Galicia con máis oportunidades, máis xustiza social e máis futuro. 

A maioría dos galegos quere unha Galicia moderna e innovadora, con oportunidades económicas, con servizos públicos fortalecidos, que aposte pola sanidade e a educación, e na que se desenvolvan políticas progresistas para que ninguén se quede atrás, e ese é o noso modelo. 

Queren unha Galicia feminista que loite contra a discriminación das mulleres. Un partido comprometido coa igualdade real que sempre que ten responsabilidades de goberno da pasos nesta dirección: fíxoo Zapatero coa lei de igualdade, coa lei contra a violencia de xénero, Touriño coa lei da igualdade no traballo e Pedro Sánchez coa lei de igualdade salarial. 

Unha Galicia na que se dean resposta aos problemas reais dos cidadáns como fan os nosos alcaldes, alcaldesas e presidentes e presidentas de deputación: Coruña, Vigo, Santiago, Lugo, Vilagarcía... son exemplos de xestión, de defensa dos intereses dos seus cidadáns e tamén o foron de resposta ante a crise.

Galicia ten que acompasar a senda marcada polo PSOE a nivel nacional, apostar polo crecemento económico e igualdade mais dende unha perspectiva propia baseada na súa fonda tradición galeguista. 

O PSdeG ten que defender ante todo Galicia, os nosos intereses como territorio, como pobo e nación dentro dunha España plural e diversa. Somos galeguistas, defendemos a nosa lingua e cultura e o noso autogoberno. Defendemos a nosa identidade dende a nosa tradición autonomista e federal do galeguismo democrático non nacionalista. 

Temos un proxecto para Galicia, autónomo e centrado en defender os intereses dos galegos e galegas dende os nosos valores como socialistas. 

Creo firmemente en Galicia, nas súas oportunidades no terreo económico, nunha Galicia na que se poidan desenvolver políticas públicas socialdemócratas e reformistas que permitan axudar a crear riqueza e faciliten a redistribución de rendas, o fortalecemento de servizos públicos e as políticas progresistas de benestar social. 

O 14 Congreso do PSdeG que elixiu á nova dirección liderada polo noso Secretario Xeral Valentín Gonzalez Formoso foi o noso primeiro paso para a construción desa Galicia, para ser unha alternativa de goberno abrindo unha nova etapa no noso partido. Deixando atrás disputas e confrontacións para ser útiles para os cidadáns. 

Demostrando que somos unha forza política confiable, que entendemos e atendemos aos galegos e galegas e que somos capaces de ofrecer respostas as súas necesidades e desexos. Galicia esperando por nós, non lle fallaremos.

Comentarios