Opinión

Un Estatuto á altura do que somos

Acelebración do Día de Galicia hai uns días debe servirnos para reivindicar a nosa cultura, a nosa lingua xa milenaria e por suposto a nosa identidade. Cada 25 de xullo expresamos con orgullo ante o mundo os nosos sentimentos de pertenza a un pobo ben definido grazas a súa terra e lingua as "dúas raíces máis profundas" que ten a nosa comunidade tal e como apuntou Ramón Piñeiro e o entendemos os socialistas.

Os socialistas galegos celebramos de novo o 25 de xullo en Rianxo, terra de Dieste, de Manuel Antonio e de Castelao, renovando o noso compromiso co galeguismo, coa lingua que nos une, e cun proxecto político ancorado nos principios da socialdemocracia, e que ten como eixos a igualdade de oportunidades, a modernización e o progreso da nosa terra.

Porque o noso galeguismo implica un compromiso cívico con Galicia e coa súa xente, é inclusivo e aposta por dotar a este país de conciencia colectiva propia, das capacidades e dos dereitos que lle corresponden para que poida desenvolver a súa xenuína personalidade no plano económico, no administrativo, no social ou no cultural.

A terra e a lingua, dicía. É por iso que os socialistas asumimos a diversidade lingüística e cultural de Galicia como un feito enriquecedor, como a expresión máxima da nosa identidade nacional. A nosa lingua e cultura nin nos abstraen nin nos pechan en nós mesmos. Ao contrario, ábrennos as portas ao mundo, son elementos xeradores de liberdade, de integración convertendo mesmo a nosa fala, o noso talento e a nosa creatividade en elementos con potencial para xerar riqueza.

Terra, lingua mais tamén autogoberno. Os nosos devanceiros, varias xeracións antes que a nosa, fixeron o exercicio de pensar iso que somos e cara onde queremos camiñar, e puxérono nun documento. Alí estivemos tamén os socialistas, no Estatuto de Autonomía de 1936 e no Estatuto de 1981, xogando en ámbolos dous casos un papel capital na creación e desenvolvemento das nosas institucións.

Mais os socialistas entendemos o autogoberno como un proceso de afondamento na democracia, como a construción dunha arquitectura política e normativa que necesita dunha constante posta ao día para cumprir a súa finalidade de ser motor de progreso e manter a complicidade da xente. E por iso consideramos que Galicia está chamada, máis cedo que tarde, a promover una reforma e posta a punto do seu Estatuto.

Temos un estatuto que nunca foi reformado e que foi concibido cando non formabamos parte da Unión Europea, non existía internet, nin leis fundamentais como a do divorcio, a do aborto, o matrimonio igualitario nin unha sanidade pública e universal.

Hoxe en día son máis os galegos e galegas que naceron despois do Estatuto que os de antes. O 53% fronte ao 47%. Así que non deberiamos permitir que a maioría deste país vira o noso Estatuto como algo lonxano ou desfasado.

E tamén resulta fundamental que poidamos responder aos desafíos que ten o goberno acadando o máximo teito competencial, dispoñendo de todas as ferramentas previstas no noso ordenamento xurídico. Temos que ter as plenas capacidades para planificar o noso territorio, para ordenar o noso litoral, para responder, se fose preciso, a situacións de emerxencia como as vividas coa pandemia ou co encarecemento da enerxía.

Somos o partido que acompañou a Castelao no impulso do Estatuto de 1936. O partido que tamén sufriu o escarnio e o linchamento polo compromiso galeguista e democrático de políticos como Xaime Quintanilla, o alcalde de Ferrol fusilado só un día despois que Alexandre Bóveda. Formamos parte dese PSdeG que escolleu Ramón Piñeiro ou Carlos Casares para participar na política, dese partido que serviu de última morada de Celso Emilio Ferreiro.

E este legado é unha constatación máis de que o noso galeguismo ten raíces ben profundas. Unha tradición que nos dá afouteza para encarar o futuro con esperanza e determinación, apostando por abordar unha reforma do noso Estatuto útil e necesaria que poña o ordenamento xurídico da comunidade á altura do que somos como país.

Comentarios