Opinión

A Coruña, capital da Intelixencia Artificial

Coa decisión unánime do Goberno de España de escoller A Coruña como sede da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial (Aesia) a cidade da Coruña dá un paso á fronte na súa vocación de consolidarse como o polo tecnolóxico de Galicia e non o fai soa, faino co apoio do Goberno galego, do sistema Universitario galego e do tecido económico da comunidade.

Todas as institucións e axentes económicos e sociais apoiaron a capacidade da Coruña de albergar un organismo pioneiro a nivel europeo, xa que coa creación desta Axencia, España adiántase a entrada en vigor do futuro regulamento europeo de intelixencia artificial.

E apoiárona conscientes de que A Coruña cumpría cun dos requisitos fundamentais para albergar a sede: contar cun forte ecosistema empresarial e de investigación arredor da intelixencia artificial, ademais de estar preparada para xerar e recibir talento técnico multidisciplinar.

A Coruña tivo claro dende o primeiro momento a súa idoneidade como sede dado que o obxectivo central da creación da Axencia coincide plenamente co principal reto como cidade e no que estamos a traballar dende o goberno de Inés Rey dende hai tres anos, que non é outro que A Coruña sexa unha referencia para toda España e un polo de innovación e atracción de talento especializado.

Dende o respecto ás 16 cidades que se presentaron creo que os datos obxectivos da Coruña falaban por si mesmos. Na Coruña temos a contorna ideal para a xeración de coñecemento cun ecosistema universitario de referencia vinculado ás novas tecnoloxías. Case a metade da literatura científica das universidades galegas prodúcese na Coruña contando tamén con centros como o CITIC e con grupos de referencia dedicados ao estudo e desenvolvemento da intelixencia artificial. Só a Universidade da Coruña suma 1.701 proxectos neste ámbito e 56 teses doutorais vinculadas ás novas tecnoloxías.

Pero, sen dúbida, sumado a isto creo que o noso gran punto forte veu dado polo noso ecosistema empresarial. Na Coruña e a súa contorna emprázase o 49,2% das empresas galegas do sector. Case o 60% do volume de negocio no sector privado galego vinculado ás novas tecnoloxías concéntrase tamén na cidade e a súa contorna. A Coruña é o municipio con máis empresas TIC de Galicia, 731 das 2.961 (24,69%) do total, duplicando o número do seguinte municipio.

É tamén a cidade que conta con máis empregos xerados no sector das TIC, máis de 5.700 traballadores (27,82% do emprego autonómico do sector). Xunto a isto, somos o municipio con máis empresas que integran a intelixencia artificial no seu negocio. Así, o 40% do emprendemento no sector TIC xérase na Coruña.

Pero tan relevante coma isto é o impacto da intelixencia artificial nas empresas non relacionadas co sector TIC. 103 empresas da Coruña e da súa área de influencia incorporan intelixencia artificial aos seus produtos ou servizos. Algunhas son as empresas máis importantes do tecido económico galego como Inditex, Estrella Galicia, Abanca, Gadisa, Altia, etc., con sede nas inmediacións da cidade, que empregan a intelixencia artificial nos seus modelos de negocio.

Mais se o conseguimos foi tamén grazas á forma de traballar da alcaldesa da Coruña con  seriedade, rigor e moita dedicación. Porque só poñendo por diante os intereses da cidade se conseguen as grandes transformacións. A da AESIA é unha vitoria conxunta froito da suma de todos aqueles que viron na axencia unha oportunidade para a cidade e para o noso proxecto colectivo. Hoxe subímonos ao podio da innovación, facendo honra á nosa condición de cidade faro, a esa A Coruña pioneira e vangardista na que outras moitas cidades atoparon un espello no que mirarse para desenvolver o seu modelo de cidade. A constatación, en definitiva, de que A Coruña volveu ocupar o sitio que lle corresponde no mundo. E, por suposto, tamén Galicia.

Comentarios