luns 19/04/21

O acento nas pequenas cousas

O único fin de todo goberno reside en mellorar a vida das persoas alá onde teña responsabilidades. Unha definición tan básica non tiña que dar lugar a equívocos. Mais, durante os últimos anos, proliferaron interpretacións máis ou menos iluminadas sobre o que é “mellorar a vida das persoas”, interpretacións especialmente vinculadas a aqueles que dicían representar no seu discurso “a xente” e que realmente facían todo o contrario: non poñerse ao servizo dos cidadáns, senón poñer os cidadáns ao servizo da súa visión parcial da realidade.

Desde o mes de xullo do 2019 o Goberno municipal da Coruña dedicouse a poñer o acento nas pequenas cousas, naquelas que non abren portadas dos medios de comunicación pero que melloran de forma directa a vida da xente. En 20 meses promoveu 234 actuacións de mellora repartidas por todos os barrios da cidade. Nelas investiu máis de 19 millóns de euros, a razón de 732.000 euros ao mes desde a chegada á alcaldía de Inés Rey. O dato é relevante porque supón exactamente o dobre do que se investía catro anos antes na Coruña. Os números non son froito da casualidade, senón dunha visión da política como unha ferramenta útil para as persoas. Nesa modestia radica tamén a súa eficacia.

Malia ter que lidar cunha pandemia que paralizou a Administración durante case catro meses, na Coruña non perdemos o tempo e centramos os nosos esforzos en manter un ritmo investidor que contribuíra á dinamización económica da cidade. Mellorar a vida das persoas é actuar en todos os barrios para facer unha cidade máis amable, máis accesible, máis humana. Mellorar a vida das persoas é tamén mobilizar os recursos públicos para contribuír ao mantemento do tecido económico, duramente golpeado polos efectos da Covid-19. Mellorar a vida das persoas supón, ao final, escoitalas e atender as súas demandas, grandes e pequenas, para contribuír a facerlles máis sinxelo o día a día.

Fronte a política dos decibelios, Inés Rey decidiu gobernar sen ruído. Había moito por facer e quedan por diante máis retos ca nunca, entre eles o de encarar a saída da pandemia o antes posible e cos menores danos. Non hai tempo que perder en falsos discursos, non hai tempo para enredarse en debates bizantinos. É tempo de traballar, e así se está a facer no Concello da Coruña. Claro que queda moito por diante, mais o ritmo e o camiño están trazados. Pouco a pouco, sen pausa, sumamos 234 obras en 20 meses e dobramos o investimento. Temos moi claro para que nos puxeron os cidadáns onde estamos: para resolver os problemas, non para crealos. Para ter unha cidade mellor, máis amable, con máis oportunidades. Unha cidade non excluínte, unida, sen liortas. E así seguiremos, sen facer ruído que nos distraia da tarefa, cos pés na terra e nas pequenas cousas de cada barrio. Queda moito por facer. Seguimos.

comentarios