Opinión

A hora de Europa

A inxustificada invasión de Ucraína por parte de Rusia é unha violación do dereito internacional, da soberanía nacional e da integridade territorial de Ucraína, mais tamén é un ataque frontal a Europa, a uns principios e valores que nos teñen proporcionado anos de estabilidade e de prosperidade.

As accións militares do goberno de Putin vulneran os principios fundamentais de fundación da Unión Europea que son compartidos pola maioría dos españois: a paz, o respecto á legalidade e á solidariedade. O presidente do goberno, Pedro Sánchez sinalaba a inequívoca posición que manterá o goberno de España neste conflito e que non é mais que a defensa destes principios e valores, a legalidade internacional, a paz e a solidariedade coa poboación afectada polo ataque ruso.

Neste conflito non podemos poñernos de lado, porque o ataque de Putin a Ucraína debe interpretarse como un ataque a Europa e por tanto non valen equidistancias. Todas as forzas políticas deberíana apoiar, sen ningún tipo de dúbidas, todas as actuacións encamiñadas ao restablecemento da legalidade e a defensa dos dereitos humanos.

É tamén fundamental que ante este conflito sexamos quen de manter a unidade, a unidade de todos os que cremos na democracia, no Estado de Dereito, nun mundo baseado en regras e por tanto, no respecto ás fronteiras e á soberanía nacional.

A Unión Europea debe tomar todas as medidas que sexan precisas para frear o ataque ruso e para axudar e auxiliar á poboación afectada e España ten que ser, como sempre fixo neste tipo de situacións, un país comprometido e solidario.

Europa ten unha nova oportunidade de demostrar unidade, solidariedade e integración, dedicando os medios necesarios e tomando as decisións oportunas para facer fronte a esta grave crise e aos seus efectos económicos. Non está en xogo só a integridade dun país, están en xogo os nosos valores fundacionais como Unión: a paz, a legalidade internacional, a solidariedade e mesmo a democracia.

Como sociedade, xogámonos moito. O noso presente e o noso futuro. Estamos nun momento crucial da nosa historia, un momento que esixe de nós, de todos, a máxima lealdade e a máxima unidade, a capacidade de deixar dun lado o que nos separa e defender o que nos une. Insisto, por enriba das lexítima diferenzas que nos separan. Non é de recibo que ninguén intente, nas augas revoltas da situación internacional que nos tocou vivir, obter rédito político nun marco como o actual. Están fóra de lugar declaracións como as de quen acusa a un Goberno de "forrarse" con impostos, e están fóra de lugar ataques partidistas pola xestión dunha crise que excede, con moito, non só as fronteiras españolas, senón as europeas. Non hai maior premio para quen ataca hoxe os valores de Occidente que sementar con éxito a división interna. Non é posible continuar coas nosas vidas como se no mundo non acontecese nada, equivócanse aqueles que observan esta crise con mirada curta. Os países precisan máis unidade ca nunca para facer fronte a esta situación. Non será sinxelo nin será rápido enderezar de novo o rumbo, mais os que sabemos que estamos no lado bo da historia, os que defendemos a nosa vida en liberdade e nun estado de dereito que trate ás persoas por igual, temos a obriga de estar unidos e de evitar estratexias de desgaste interno que en nada axudan a facilitar as cousas. Si algo ten de bo a situación que estamos a vivir, é precisamente a demostración de que Europa é quen de unirse, de afastarse das taifas e do mero interese nacional en detrimento do veciño. Porque Europa, toda Europa, tense decatado de que as ameazas non afectan a un só país, senón a toda unha civilización, e que como tal temos que ser quen de ofrecer respostas firmes e coordinadas, tomando decisións que non sempre son sinxelas. A nosa maior debilidade é a división, a fractura, a incapacidade de facer unha fronte común. Demostremos, pois, as nosas fortalezas, porque hoxe é máis necesario ca nunca. A historia xulgará a quen aproveite unha crise mundial en beneficio propio.  

Comentarios