Opinión

Se A Coruña ou Vigo fosen como Barcelona, a Galicia mediática sería distinta

Unha boa nova dáse cando un medio celebra cada vez máis aniversarios. É o caso de Sermos Galiza.

Unha boa nova dáse cando un medio celebra cada vez máis aniversarios. É o caso de Sermos Galiza. Quer na versión dixital quer na versión en papel -a trabe mestra sobre a que se sustenta a súa empresa editora-, o semanario que dirixe o xornalista Xosé Mexuto é xa un medio de referencia do nacionalismo e de consulta en Galicia, como demostra o incremento de visitas no seu xornal dixital e o aumento no número de asinantes.

Nun país pouco acostumado ao xornalismo de tendencias, riguroso e veraz na información, plural na opinión e alonxado do populismo, Sermos cobre en certo modo as expectativas de boa parte do nacionalismo, cuxo debilitamento político non contribúe precisamente ao pulo e crecemento dos seus medios afíns.

Galicia é un país no que é máis que dubidoso que os medios privados superen hoxendía o pluralismo dos medios públicos

Digámolo claro: en Galicia non hai alomenos dous grandes medios á altura das dúas grandes correntes de pensamento: a socialdemocracia e o liberalismo. Niso Galicia é diferente á maioría dos países democráticos.

Tanto é así que Galicia é un país no que é máis que dubidoso que os medios privados superen hoxendía o pluralismo dos medios públicos, especialmente se temos en conta os seus programas de debate, como Faladoiro na Radio Galega ou Foro Aberto na TVG, nos que é posible atopar todo tipo de voces de Galicia. Pódese dicer o mesmo de todos os medios privados, algúns deles tamén subvencionados como os medios públicos?

En materia de grandes tendencias e de grandes medios, no caso de que parecesen esaxeradas as comparanzas de Galicia cos Estados Unidos –berce do mellor xornalismo global- ou con Francia, Reino Unido ou Alemaña, podemos escoller, a carón de nós, o exemplo de Catalunya, no que El Periódico e La Vanguardia cobren en pé de igualdade os dous grandes espazos ideolóxicos, sen por iso evitar o xurdimento de medios nacionalistas e doutro tipo. En Galicia non acontece tal cousa porque o seu sistema meditático non pivota sobre unha gran cidade, capaz de soster alomenos dous grandes medios. Se A Coruña ou Vigo fosen como Barcelona, a Galicia mediática sería distinta. E se a morte da ditadura franquista trouxera medios como El País ou El Periódico, cambiaríache o conto.

Pero Galicia é como é: a suma de pequenas cidades, vilas e aldeas, conservadoras no máis amplo senso da palabra e dominadas polo tradicionalismo e o provincialismo, cando non polo caciquismo. Obviamente, o seu peculiar sistema mediático non é alleo a como é o país.

O ‘novo xornalismo’

Agora fálase moito de ‘novo xornalismo’, pero se cadra faise máis en función das tecnoloxías que emprega que da súa verdadeira esencia. En realidade, o Novo Xornalismo é unha corrente periodística nacida nos anos 60 en Estados Unidos, no medio de importantes cambios sociais e culturais. E non é diso do que se fala hoxe, a pesar de que sobrarían motivos para facelo nesta España decadente.  

Os Truman Capote de agora chámanse Bill Gates. Ou Sergey Brin e Larry Page, os fundadores de Google. Pero non acabamos de ver a un novo Truman Capote facendo novo xornalismo en Internet. Oxalá o vísemos! Tampouco agora se ven moito figuras emerxentes equiparables aos principais exponentes do Novo Xornalismo, como Tom Wolfe, Norman Mailer e Hunter S. Thompson.

Sexamos francos: aquel xornalismo caracterizábase por aplicar recursos e técnicas da literatura de ficción e outras correntes consideradas ata entón incorrectas polo xornalismo tradicional. O de agora, ten moito máis que ver co curta/pega das a miúdo insustanciais noticias de axencias.

De momento, aínda non vexo Novo Xornalismo en internet, salvo como correa de transmisión dos medios impresos onde se fai ese xornalismo

Daquela cultura naceu en España un medio tan emblemático e influente como o diario El País. Da nova cultura, non sería capaz de atopar un referente equiparable.

Non foi, pois, a vocación de investigación ou o interese por ampliar a difusión de información o que levou á prensa tradicional á internet, senón unha necesidade económica, unha decisión por manter un negocio, unha incursión que cambiou definitivamente -iso si- as rotinas do xornalista, dos medios de comunicación e a forma de acceder á información.

A mexicana Hilda García Vila adoita dicir que, como xornalistas, o primeiro contacto que tivemos cun ordenador foi o de escribir con eles. Os pecés e logo os mac foron o sustituto das vellas Olivetti das redaccións. Co paso do tempo tamén empezamos a aproveitar as súas ferramentas, tales como word ou excel. Pouco despois utilizamos o correo electrónico, xa fose para enviar crónicas ou para recibir algún documento oficial ou as respostas dalgún entrevistado. E desde a chegada de internet, facemos unha e mil cosas máis, algunhas positivas e outras non tanto. Parece que facemos marabillas, e sentímonos todos marabillosos atopando en Google todo o que buscamos en apenas uns segundos, pero é iso un novo paradigma do xornalismo? Teño as miñas dúbidas. De momento, aínda non vexo Novo Xornalismo en internet, salvo como correa de transmisión dos medios impresos onde se fai ese xornalismo. Cada vez menos, por certo. Dígoo porque nos diarios dixitais -mellor habería que dicir diarios en liña- apenas hai reportaxes, crónicas e entrevistas, onde se combine o mellor da literatura co mellor do xornalismo. E non as hai por falta de medios, ata tamén de talento.

O Novo Xornalismo en internet

Pero creo poder compartir cos lectores de Sermos unha boa noticia: todo isto vai cambiar e, en canto chegue o diñeiro aos medios dixitais -en liña-, que empeza a chegar paseniño, estes farán Novo Xornalismo e o que faga falta, porque o público está cada vez máis en internet. E dese modo, as tres chaves básicas da renovación xornalística cumpriranse no Novo Xornalismo de internet:

  1)   A dimensión estética, mediante reportaxes con diálogos de gran realismo, descricións moi detalladas, caracterizacións e unha linguaxe urbana.
  2)   Relatos en primeira persoa, aínda que de modo obxectivo.
  3)   Investigación, con información da rúa, desde o lugar dos feitos e non desde as redaccións, sempre con precisión, verificación, obxetividade e investigación do bo xornalismo.

Se cadra son esas as chaves do futuro do xornalismo na rede, aínda que adoita ser máis habitual definir o xornal electrónico -eu diría diario en liña- como un produto interactivo e multimedia, que integra diferentes recursos como o texto, a imaxe, o vídeo e o son; e que está revolucionando os conceptos básicos do xornalismo impreso. Sexa como sexa, parece estar claro o qué deste proceso, mentres que o cándo, irémolo vendo co paso do tempo.

‘Bloggers’ e xornalistas

Converte este proceso a calquera cidadán en xornalista? O Congreso de Xornalismo Dixital de Huesca foi testemuña da lóxica diferenza de opinión entre 'bloggers' e xornalistas, e a conclusión parece clara: un 'blog' e un medio non son o mesmo.

As tres chaves básicas da renovación xornalística cumpriranse no Novo Xornalismo de internet

Como sostén o experto Michael Maier, non serán os anoxados blogueiros ou os despistados xornalistas cidadáns, nin os tolos rapaces de YouTube ou as forzas escuras tras Facebook ou Twitter quen decidirán o destino do xornalismo. Tampouco hai razóns para entrar en conflito, cando podemos complementarnos. Por iso mesmo, o chamado ‘xornalismo cidadán’ non debería pisar os profesionais do xornalismo, nin estes tampouco deberían desprezar o ‘xornalismo cidadán’. En última instancia, serán os lectores e anunciantes quen elixan aquilo polo que desexan pagar. Porque tanto uns como outros pagan.
A tecnoloxía non é xornalismo, pode ser un bo medio para facelo, pero só é unha ferramenta. O importante é a profesionalidade, o bo gusto e unha certa ética. Ata engadiría que ser boa persoa, convencido como estou de que para ser xornalista hai que ser antes boa xente. Ou non?

Comentarios