Opinión

A nosa costa non é nosa, rapazas

No mes de xullo de 1988 o Estado decidiu aprobar unha nova Lei de Costas que ampliaba a franxa de servidume do litoral en 80 metros, pasando dos 20 vixentes até daquela aos 100 metros actuais. Aquela decisión implicou que todas as construcións e actividades preexistentes nesa franxa pasasen a unha situación de alegalidade e incerteza, núcleos de poboación incluídos.

Dun día para outro ampliaba os seus "dominios" en 80 metros até chegar aos 100 metros desde a liña da ribeira do mar. Esta nova situación xerou graves problemas nunha costa como a galega fondamente antropizada, o que non supón, per se, deteriorada, xa que moitas destas ocupacións desenvolvéronse con criterios respectuosos coa contorna e de carácter tradicional, incluíndo conxuntos históricos declarados BIC.

Neste contexto, o Estado estableceu un réxime transitorio de concesións, non por magnanimidade, senón para evitar as indemnizacións ou expropiacións de todos estes terreos produto da apropiación da xestión, usos e, nalgúns casos, propiedade que acababa de impoñer. É dicir, lexislaba na teoría para que na práctica todo dependese da súa "xenerosidade". Deste modo á entrada en vigor da lei outorgáronse concesións a todas as construcións e usos preexistentes que rematarían 30 anos despois, en 2018.

Pasou o tempo e preto do fin das concesións nada se fixo respecto desta situación na que o Estado se apropiaba da xestión e uso de todo o litoral galego resolto precariamente mediante bulas papais a 30 anos. A grande achega do goberno de M. Rajoy en 2013 consistiu en ampliar estas concesións até os 75 anos mantendo as limitacións impostas pola lei de 1988, conservando inalterable a competencia adquirida unilateralmente polo Estado para regular o que se pode e non se pode facer e, en definitiva, a incapacidade para decidir que facer coa nosa costa sen a súa tutela.

Deste modo chegamos ao día de hoxe onde o goberno español, preocupado polo cambio climático contraditoriamente considera o gas e a enerxía nuclear como renovables, suspende os acordos do Pacto Verde da UE para a redución de emisións de GEI en 2050 e duplica o gasto militar, mentres aprecia na costa un lugar de "resiliencia" que debe quedar libre de toda actividade.

Así decide que tras a apropiación indebida de 1988 e de ampliar os seus dominios incluíndo praias, dunas, acantilados e portos, onde, por certo, as Autoridades Portuarias fan o que lles peta. Xa está ben de contemplacións, Vai sendo hora de rematar con todo este enredo poñendo fin ás actividades e usos preexistentes neste ámbito.

Nin que dicir ten que non se lle pasa pola cabeza valorar a adaptación ao medio de moitas destas actividades e construcións, o seu posible carácter tradicional ou a imbricación e relación simbiótica dos usos alí desenvolvidos na contorna onde se localizan, e menos por suposto a posibilidade de devolverlle a propiedade sen condicións da costa a quen lexitimamente a debería ostentar, que non son máis que os galegos e as galegas.

Porque o problema do litoral galego non é de xestión, nin de ampliación das concesións tal e como pretende a Xunta facer con ENCE a través dun amago de Lei do litoral, nunha espiral infinita de regulación discrecional en base a unha política clientelar na que o PP pretende converterse no xestor dos "favores" até agora regulados polo Estado. O problema é que si como explicaba Castelao "a nosa terra non é nosa", a nosa costa tampouco.

Comentarios