Violencia institucional
Escoitamos falar de como o machismo medra entre os homes novos e como volven normalizarse condutas que xa nos parecía que formaban parte do pasado. É certo que vivimos unha onda de conservadorismo no que xogan un papel moi importante discursos importados de grupos relixiosos de Latinoamérica e Estado Unidos, moi afastados do noso contexto cultural pero que gañan adeptos en toda Europa. A moda tradwife, con vestidos de flores e peiteados glamourosos para facer pan caseiro remite a un pasado romantizado cunha localización xeográfica e socioeconómica moi concreta: a clase media acomodada dos anos 50 en Estado Unidos. Non hai nada no pasado das persoas que agora mercan este discurso e esta estética nin remotamente semellante.
Hai algo de hipócrita en como sinalamos o machismo dos homes máis novos, como se outros grupos sociais non estivesen contribuíndo en non pouca medida a esta deriva ideolóxica. A dimisión dun conselleiro referíndose a unha agresión sexual como "un asunto privado" volve colocarnos nesta lóxica na que a violencia machista forma parte do ámbito da intimidade. As absolucións de famosos acusados de violación, con vídeo probatorio incluído, denuncia inmediata e múltiples probas circunstanciais, tamén confirman este ideario no cal as mulleres son dignas de respecto sempre e cando se sometan a un rol de xénero moi concreto: o de esposa e nai. Fóra diso, poden ser agredidas e violentadas impunemente, porque se atopan fóra do lugar que lles corresponde, que é o ámbito doméstico. A cobertura informativa para a vítima desta presunta agresión sexual tamén fixo fincapé no seu historial sentimental e sexual, como se este explicase algo do acontecido. Non moi lonxe do bodycount dos coaches machistas en redes sociais, que ensinan que o valor dunha muller diminúe con cada parella sexual.
Se esta alarma social pola repunta das condutas machistas entre a mocidade (entre os varóns cisheterosexuais, non o esquezamos) fose sincera, trataríase dende as institucións de ofrecer discursos alternativos. No canto disto, vemos como se reforzan todas estas ideas. Con outra linguaxe, con outros modos, con señores de traxe e garabata en lugar de señores con tatuaxes e camiseta, pero o mesmo fondo ideolóxico: a violencia contra as mulleres é un asunto privado do que, en última instancia, as culpables somo nós mesmas ata que se demostre o contrario.