Factores de risco

A revista Lancet, unha das institucións do coñecemento en medicina, publica periodicamente un informe no que detalla os factores de risco para a aparición dos diferentes tipos de cancro no mundo. Resulta moi interesante porque, xunto con condutas de risco que xa todas coñecemos, como o consumo de tabaco, aparecen outras non tan presentes na nosa mente ou nas que non reparamos.

Un factor de risco é unha característica do individuo, da contorna ou dunha actividade ou proceso que aumenta o risco para determinada lesión ou enfermidade. Fumar é un factor de risco para as patoloxías respiratorias, como o cancro de pulmón pero tamén outras como a enfermidade pulmonar obstrutiva crónica. Significa isto que todas as persoas fumadoras desenvolverán cancro de pulmón, ou que é igual de perigoso fumar un cigarro ao ano que dous paquetes ao día? Obviamente, non. O tabaco aumenta o risco, pero debemos entendelo de xeito probabilístico, como se "mercásemos boletos" para un sorteo. Cantos máis boletos, máis probabilidades de que me "toque" a enfermidade.

Entre os factores de risco que estuda o informe, figuran algúns en claro descenso, como o virus do papiloma humano (VPH), que aumenta o risco para cancro de cérvix e que diminuíu drasticamente grazas ás vacinas, e outros en aumento, como a polución en países industrializados, que ao igual que o tabaco, tamén fai que aumenten as enfermidades respiratorias.

Tamén chaman a atención aqueles relacionados coa alimentación ou, máis ben, cos cambios nas últimas décadas. Entre os principais factores alimentares atópase a obesidade, as cifras elevadas de glicosa en sangue, o consumo de carne vermella, especialmente se se cociña a elevada temperatura, e os cambios na microbiota intestinal. Estes últimos posiblemente se relacionen cun aumento do consumo de alimentos ultraprocesados en xeral, cun elevado contido de graxas trans, carbohidratos refinados e outros produtos que alteran o equilibrio das bacterias intestinais.

A saúde é un conxunto de múltiples factores, algúns dos cales podemos controlar e outros que dependen de factores externos. Non se trata de obsesionarse co risco que corremos cada día, porque non é posible evitalo, senón de ser conscientes del e tratar de minimizalo dentro das nosas posibilidades.

Podes ler aquí o artigo de Lancet.

Comentarios