Opinión

Cea de empresa

Xuntámonos un pouco antes para tomar unhas cervexas. Viño branco co primeiro prato e tinto co segundo. Licor café coa sobremesa, despois cava, que para iso é Nadal, e tomaremos a antepenúltima, non? Non me digades que non vos vistes envoltos neste bucle de diversas gradacións, cores, texturas e sabores nos últimos días.

Nalgún momento de todo isto, e xa anticipando a resaca de mañá, sempre hai alguén que comeza a pontificar sobre como hai que beber para evitar os efectos adversos de semellante cóctel. Existe incluso unha frase feita ao respecto, o de “é que non sabe beber”. Así que aquí van algúns mitos sobre o alcol e as realidades científicas detrás deles, para que polo menos, se non aprendedes a beber, polo menos despois non digades que non avisei.

- Mito 1: os fermentados son “máis saudables” que os destilados. En realidade, o que conta é a cantidade total de alcol inxerida nun período de tempo. A medida que se emprega son as Unidades de Bebida Estándar, que equivalen aproximadamente a un terzo de cervexa, un vasiño de licor ou unha copa de viño. Estas tres medidas conteñen aproximadamente a mesma cantidade neta de alcol, en torno aos 10 gramos. 

- Mito 2: as mulleres “aguantan” menos que os homes. En xeral, as mulleres producimos menos alcol-deshidroxenasa, a enzima que metaboliza e elimina o alcol do organismo. Porén, este é só un factor de outros moitos que modifican a nosa resposta ao consumo de alcol, como o peso corporal, a porcentaxe de graxa, se vai ou non acompañado de alimentos ou o hábito de consumilo.

- Mito 3: o viño da casa non ten alcol. É certo que os fermentados caseiros adoitan ter menor gradación que os comerciais, pero o tipo de alcol duns e doutros é idéntico. Unha vez máis, o importante vai ser o volume total de alcol que se inxira e non a súa procedencia.

- Mito 4: se “mesturas” a resaca é peor. A clave segue a ser a cantidade total de alcol inxerido. Se mesturas diversas bebidas, é probable que bebas máis cantidade e que che sexa máis difícil calibrar como che senta. 

- Mito 5: a resaca cúrase con vitamina B12. Ou con callos. Ou con hamburguesa. A resaca é, nunha gran porcentaxe, deshidratación, así que o máis eficaz para combatela é beber canta máis auga mellor, a poder ser intercalada coas bebidas alcólicas e non cando o dano xa está feito. Ademais de beber menos, ao día seguinte agradecerasmo.

Comentarios