Borrando o estigma (II)

Abordaba hai dúas semanas o traballo de normalización do xornalista Anxo Lugilde ao expoñer a súa vivencia da depresión. Resúltame incrible que no ano 2021 sexa necesario visibilizar publicamente que se padece unha enfermidade para rematar co estigma co que carga, pero así é. Non só a doenza en si, senón todos os procesos a ela asociados. Hoxe gustaríame falar especialmente da hospitalización psiquiátrica e os tratamentos. Porque se a depresión é aínda unha doenza que se garda en secreto e da que non se fala en voz alta, o seu tratamento tamén o é. Moitas veces tiven que escoitar pacientes meus queixándose de que os seus achegados non aproban que tomen medicación ou incluso os animan a que a abandonen. Dinlles que a depresión é un problema de actitude ou de preguiza, e que o que precisan é esforzarse, “poñer da súa parte” e non tomar pastillas. Calquera que, como Lugilde, pasase por unha depresión grave sabe que a forza de vontade e o esforzo teñen pouco ou nada que ver. Por suposto, como con calquera doenza, hai cousas que un pode facer para atoparse mellor, pero a depresión non é preguiza nin falta de vontade.

Cando a medicación é precisa, ninguén debería interferir na relación de confianza entre a profesional da saúde mental e a persoa. Por outra banda, as hospitalizacións psiquiátricas tamén son vistas como unha experiencia terrorífica e traumatizante pola que hai que evitar pasar a toda costa. As hospitalizacións de calquera índole non son agradables para ninguén, pero cando se trata doutro tipo de doenzas entendemos que hai momentos nos que poden ser precisas e acéptanse con naturalidade. Anxo Lugilde narra nos seus fíos de Twitter a súa experiencia de hospitalización coa espontaneidade coa que contariamos que tiveron que ingresarnos para operarnos de apendicite, e así debería ser sempre.

Non hai nada de vergoñento nin de humillante en padecer depresión nin en ser hospitalizado, como non o hai en enfermar de apendicite. Tampouco nos fai máis febles precisar medicación, como non nos fai máis febles non vencer á apendicite sen antibióticos. Por suposto que todos os fármacos e todos os procesos teñen efectos secundarios e son mellorables, pero será falando deles abertamente como logremos expoñer estas eivas e cambiar o que poida e deba ser cambiado.