Opinión

Alcol

Creouse unha polémica estes días sobre o consumo de alcol ao meu ver completamente errada e artificial, levando a discusión cara as súas propiedades supostamente saudables. 

O alcol forma parte das culturas humanas dende que existen rexistros. Consúmese polos seus efectos sobre o estado mental, e sobre todo pola súa achega calórica e porque, en contextos nos que beber auga era perigoso, o alcol resultaba unha alternativa segura. As bebidas alcólicas tradicionais, habitualmente fermentados de plantas, tiñan unha moi baixa proporción de etanol, que as facía permanecer libres de bacterias e permitía a súa conservación. O alcol forma parte da socialización en moitas culturas e é un xeito de celebración e de lograr unha certa desinhibición social.

Tratar de argumentar co coñecemento actual que o seu consumo é saudable vai en contra de toda evidencia científica. Recoller declaracións de profesionais sanitarios intentando facer pasar opinións persoais como verdades obxectivas é simplemente vergoñento. As persoas consomen alcol por moitos motivos, algúns de tipo social, recreativo ou incluso relixioso, pero a saúde non é un deles. Durante moito tempo estendeuse a mensaxe de que unha cantidade moderada de alcol tiña efectos cardioprotectores, pero hai décadas que esta afirmación foi refutada. O que sabemos hoxe en día é que está relacionado con diversos tipos de cancro, é neurotóxico e produce adicción e dependencia. Obviamente, trátase dun hábito moi estendido e que forma parte importante do noso substrato cultural, e polo tanto o seu consumo forma parte da socialización normal e non problemática de moitas persoas. Aínda así, unha cousa é consumir alcol coñecendo os seus prexuízos para a saúde e outra moi diferente promocionar supostos beneficios imaxinarios. Parte do noso exercicio de responsabilidade como adultos consiste en asumir riscos de xeito controlado, isto é, manexando a información máis veraz posible. Difundir información falsa por motivos políticos ou peor aínda, por pura e simple ignorancia, non é a conduta que se pode agardar dun traballador sanitario, e menos aínda do representante dunha asociación profesional. Eu suxeriría que, cando alguén emite unha opinión persoal, non se faga constar na declaración o seu cargo para non levar a erro, porque esta persoa non opina como científico nin achega coñecemento de ningún tipo. Este tipo non fala como cardiólogo, fala como cliente do seu bar.

Comentarios